Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A pedra fala bretón en Compostela. A poesía de Nolwenn Korbell inscrita no granito de Galicia

Lopo, María - martes, 25 de junio de 2024
Os versos da poeta bretoa Nolwenn Korbell foron gravados nunha das pedras que compoñen o "Xardín das pedras que falan". O bretón incorpórase así, co árabe da poeta palestina Adanía Shibli, a este fermoso proxecto poético multilingüe instalado no Xardín de Fonseca, realizado por iniciativa conxunta do Concello e da Universidade de Santiago de Compostela.

A poeta, cantautora e actriz Nolwenn Korbell é orixinaria do porto armoricano de Douarnenez. Medrou nunha familia onde a música, a lingua e a cultura bretoas ocupaban un lugar central, nunha vila mariñeira e obreira marcada polas loitas das traballadoras das conserveiras e A pedra fala bretón en Compostela. A poesía de Nolwenn Korbell inscrita no granito de Galiciapolo mito da cidade asolagada de Is, que a lenda sitúa no espazo da súa baía.

Nos seus textos habita unha voz poética innegable, unha voz de muller afirmada e reivindicada, asentada nunha sensibilidade de raíz; sete álbums premiados e recoñecidos en Bretaña acreditan, a día de hoxe, a orixinalidade e a calidade da súa creación. En 2015 recibiu o Premio Langleiz polo conxunto da súa obra literaria e en 2016 foi distinguida co Colar da Orde do Armiño pola súa contribución á excelencia da cultura bretoa.

A obra de Nolwenn Korbell une nun mesmo alento a transmisión interxeracional da lingua e da cultura comúns e a irrenunciable e absoluta liberdade creativa, traendo ao universo bretón palabras, ritmos e instrumentos doutras linguas e latitudes. Na súa escritura, os elementos máxicos ou fantásticos do imaxinario céltico semellan descarreirados, e impregnan de estrañeza uns versos nos que arrolos, conxuros e frases feitas deben reinventarse para seguir conectados co mundo actual, nun proceso de mestizaxe moi característico da poesía bretoa contemporánea.

Os seus textos celebran o instante presente nun universo en vida e recollen, no espírito da "gwerz" ou cantar tradicional, acontecementos ou mensaxes que se queren transmitir á comunidade, dende o asasinato da xornalista Anna Politkóvskaia ata a colonización lingüística e cultural do estado francés en Bretaña: "Que máis facer / Cando xa non queda ninguén / Para sentir a vibración / Para bailar arredor da pedra" ("Petra ober ken / Pa ne chom mui den / Da glevout ar c'hren / Da zañsal tro-war-dro A pedra fala bretón en Compostela. A poesía de Nolwenn Korbell inscrita no granito de Galiciad'ar maen). Mais nesta "gwerz" do século XXI cabe tamén a reivindicación orgullosa dunha cultura e dunha lingua, o canto telúrico da natureza atlántica, o saber da toponimia, a reivindicación do diferente, da sororidade e do amor, e, por suposto, o xogo e o humor imprescindibles para a vida: "Como conter en min o torrente / Como ocultar tesouro tan admirable" ("Penaos derc'hel ar stêr ouez-se ennon / Penaos kuzhat un teñzor ken eston"). Os versos da autora transmiten moitas preguntas sen resposta porque quizais, como ela mesma afirma en "Da belec'h" (Cara a onde), o importante non é saber se seguimos as estrelas da Vía Láctea ou os paneis indicadores das autoestradas, o realmente importante é saber cara a onde imos.

Nas palabras que Nolwenn Korbell pronunciou en Compostela durante o acto de inauguración da súa pedra, subliñou os lazos que unen a Bretaña e a Galicia dende a noite dos tempos, e falou do sentido profundo que para ela ten o feito de mesturar as súas palabras bretoas coa pedra e a terra galegas. Os versos elixidos para a inscrición reivindican os vagalumes como símbolo de todo aquelo que estamos perdendo pola nosa inacción socioambiental, mais tamén como emblema dunha loita posible para preservar todo aquilo que nos é precioso na vida: a lingua, a cultura, a natureza, as persoas amadas, a liberdade: "Nus na noite ou baixo o sol de lume / Lembrade os vagalumes" ("Noazh en noz pe en heol kraz / Dalc'hit soñj deus ar preñv glas").

En 2024 a editorial Coop Breizh publicou en Bretaña Kan awenoù, a edición integral das súas cancións, nun volume bilingüe con versións francesas de Stefan Moal. En galego poden lerse textos de Nolwenn Korbell na antoloxía bilingüe "Canto e contracanto. Antoloxía de poetas de Bretaña" (Xunta de Galicia, 2019), en edición e tradución de María Lopo: "Pois libre quero cantar / En calquera lugar da Terra" ("Pa fell din kanañ dieub / E kement lec'h war ar bed").
Lopo, María
Lopo, María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES