Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A letra entroume con sangue

viernes, 24 de abril de 2009
Agora que a Administración se implica nos asuntos máis privados e todo está suxeito a norma, os pais non poden corrixir de xeito físico ós seus fillos non vaia ser que veña un xuiz e lles meta un paquete do que se van acordar toda a vida, se non os condenan a desterro.

¡Canto cambian as cousas!. Seguro que a ningún mestre ou profesor de Instituto se lle ocorre poñerlle a man encima a ningún alumno ou alumna, non xa polo que pode pasarlles, senón por principio, que os tempos non están para estas cousas.

Pero nos meus tempos os castigos físicos estaban á orde do día, e había un refrán que dicía “pérdense as que van arriba” para indicar que unhas losqueadas a tempo eran sumamente beneficiosas, tanto que mentras a man se levantaba para volver caer estábase perdendo o tempo.

Como pode parecer que estou esaxerando algo, baixo á realidade para comentar que na antiga Academia Santa María, en Vilalba, que estaba nunha casona á esquerda baixando hacia a Madalena, tiñamos un abano variopinto de profesores dos que coido hoxe quedará unha sóa, xa que o tempo implacable os foi levando un a un.

Había un profesor que daba xeografía e historia entre outras asignaturas, do que non vou dicir o nome por respecto á súa familia, que tiña como máxima a do “xarope de pau” que nos impartía de xeito xeneroso.

Tiña unha vara de catro ou cinco centímetros de diámetro que utilizaba con fruición ó menor erro nos habituais exames orais. Rapaces ou rapazas “cobrábamos” de igual medida, que neso era moi xusto, e aplicaba golpes indiscriminados na cabeza, nas costas, no traseiro ou nas pernas, segundo se cadraba. As rapazas aínda resultaban algo beneficiadas porque as amplas saias ían amortiguando os golpes do pau.

Como o ensino se beneficiou sempre dos avances tecnolóxicos, este entrañable profesor descubriu nun momento dado que os cables da luz revestidos dun trenzado de fíos quedaban obsoletos sendo substituidos por cables modernos, de plástico, brillantes, que tiñan unha textura especial. E fixo evolucionar o seu instrumento.

Mercou tres ou catro metros do novo cable, doblounos e fíxolle uns nudos de cando en cando de maneira que lle quedou un manexable látigo con nudos distribuidos estratéxicamente. Abandonou o pau monumental co que nos acariñaba e estrenou o novo utensilio pedagóxico, que sen dúbida aínda non figura no Museo –Mupega- instalado en Santiago pola Consellería de Educación.

Cando alguén “non sabía a lección”, recibíamos unha lección práctica das novas tendencias eléctricas. E manexaba o látigo coa pericia dun tratante de esclavos, tanto a rás do chan, naquelas nosas pernas masculinas de calzóns curtos ou as femininas de saias pola rodilla; nos traseiros máis ou menos protexidos; nos bustos ou nas fráxiles cabezas nas que só procurábamos protexer os ollos e as orellas, que os impactos dos nudos do cable nas orellas producían escozores que duraban varios días.

O novo Código Civil ten eliminado o que antes proclamaba de que os pais podían “corregir razonable y moderadamente a sus hijos”. Non sei se o que facía o noso profesor vilalbés doutrora se pode chamar “corrección razonable e moderada”, que se ben daquela a todos nos parecían do máis normal as súas agresións, a verdade é que quedei marcado por elas, senón por fóra, por dentro, directamente na mesma alma.

Supoño que tanto é o de máis coma o de menos. Pero falando enténdese a xente, pais e fillos, profesores e estudiantes. Parece mentira que tendo nacido cando nacín, e téndome criado como me criei, na actualidade -tantos anos despois- siga pensando que a palabra é o noso don máis preciado. Ou precisamente por eso, por tanto despropósito, hoxe sei –sabemos– o que non se debe facer.

Os vilalbeses do meu tempo, aprendemos moito na Academia. Cuns profesores máis ca con outros. Os métodos pedagóxicos eran moi diferentes. Aprendemos aínda ben letras pero, algunhas delas, costounos verdadeiro sangue.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES