Os relatos evanxélicos da Paixón son tan fondos, tan persoais para cada un de nós, que compre lelos enteiros, cada un para si; e con iso, meditalos a fondo. ¡Quen así o faga, se aínda non o está, acabará convertido! Aquí, para mellor entender e asimilar os sufrimentos, os afectos e mailos efectos da Paixón, acudamos, tamén, e previamente, aos teólogos, que nos explicarán estes misterios dun xeito intelixible:
Os efectos da Cruz: O principal, eliminar o pecado e todo o que se opoñía á unión do home con Deus.
A Cruz, ademais de cancelar os pecados, líbranos, tamén, do diabro, que dirixe ocultamente a trama do pecado, e da morte eterna. O diabro nada pode contra quen está unido a Cristo (Rm 8,31-39), e a morte deixa de ser separación eterna de Deus, e queda só como porta de acceso ao destino último (1Co 15,55-56). Removidos todos estes obstáculos, a Cruz abre para a humanidade a vía da salvación, a posibilidade universal da gracia.
Xunto coa súa Resurrección e a súa gloriosa Exaltación, a Cruz é causa da xustificación do home, séxase, non só da eliminación do pecado e dos demais obstáculos, senón, e tamén, da infusión da vida nova (a gracia de Cristo que santifica a alma). Cada sacramento é un modo diverso de participar na Pascua de Cristo, de apropiarse da salvación que dela provén. Concretamente o Bautismo, líbranos da morte introducida polo pecado orixinal permitíndonos vivir a vida nova do Resucitado.
Xesús é a causa única e universal da salvación humana: o único mediador entre Deus e os homes. Toda gracia de salvación dada aos homes provén da súa vida, en particular, do seu misterio pascual.
Corredimir con Cristo. A Redención obrada por Cristo na Cruz é universal, esténdese a todo o xénero humano. Pero é preciso que chegue a aplicarse a cada un o froito e mailos méritos da Paixón e Morte de Cristo, principalmente por medio da fe e dos Sacramentos.
O noso Señor Xesús Cristo é o único mediador entre Deus e mailos homes (1Tm 2,5). Pero o Deus Pai quixo que fóramos no só redimidos senón e tamén corredentores (Catecismo, 618). Chámanos a tomar a Cruz e a seguilo (Mt 16,24), porque El «sufriu por nós deixándonos exemplo para que sigamos as súas pegadas» (1P 2,21).
San Paulo escribiu:
a) «Eu estou con Cristo na Cruz, e non son eu o que vive senón que Cristo vive en min» (Ga 2,20): para acadar a identificación con Cristo temos que abraza-la Cruz.
b) «Completo na miña carne o que lle falta á Paixón de Cristo, polo seu Corpo que é a Igrexa» (Col 1,24): ¡podemos, e somos, corredentores con Cristo!
Deus non quixo librarnos das penalidades desta vida para que, aceptándoas, nos identifiquemos con Cristo, merezamos a vida eterna e cooperemos na tarefa de levar aos demais os froitos da Redención. A enfermidade e maila dor, ofrecidos a Deus en unión con Cristo, acadan un gran valor redentor, como tamén a mortificación corporal practicada co mesmo espírito co que Cristo padeceu libre y voluntariamente na súa Paixón: por amor, para redimirnos expiando polos nosos pecados. Na Cruz, Xesús danos exemplo de tódalas virtudes:
a) de caridade: «ninguén ten un amor máis grande que aquel que dá a vida polos seus amigos» (Jn 15,13);
b) de obediencia: fíxose «obediente ao Pai ata a morte e morte de Cruz» (Flp 2,8);
c) de humildade, de mansedume e de paciencia: soportou os sufrimentos sen evitalos nin suavizalos, como un cordeiro manso (Jr 11,19);
d) de desprendemento das cosas terreas: o Rei dos Reis, e Señor dos que dominan, aparece na Cruz nu, burlado, chuspido, azoutado, coroado de espiñas; e todo por Amor!
O Señor tamén quixo asociar á súa Nai, máis intimamente que a ninguén, co misterio do seu sufrimento redentor (Lc 2,35; Catecismo, 618). A Virxe ensínanos a estar xunto da Cruz do seu Fillo.
¡Tomemos boa nota de todo isto, e volvamos aos Mandamentos..., se queremos salvarnos!
-.-
A resurrección. (Mt 28, 1-10; Mc 16, 1-8; Lc 24, 1-12; Xn 20, 1-10). "Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e maila outra María foron visita-lo sepulcro.

Entón produciuse un grande terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do Ceo, removeu a lousa e sentouse enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. Os gardas tremeron co medo, e ficando coma mortos. Mais o anxo díxolles ás mulleres: -Non teñades medo; ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí; resucitou, tal como dixera. Vide ve-lo sitio onde estaba. E ide axiña dicirlles ós seus discípulos: "Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes". Isto é o que vos tiña que dicir. Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren ós seus discípulos. Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo: Alegrádevos. Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e axeonlláronse ante el. Xesús díxolles: -Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns que marchen para Galilea, que alí me verán".
¡Meus queridos cardeais, que non son eu senón o propio Xesús quen volo pide: Relede este pasaxe xa que tedes esquecido, ou tal parece, que o Resucitado a quen primeiro se apareceu, a quen deu a súa mensaxe foi..., ás mulleres! El, o Mestre, que sempre foi tan dado ás metáforas, ás parábolas, con isto non querería significar, facerlles ver, que Eva quedaba perdoada, e con Eva, a súa descendencia? Se eu fose teólogo, poñeríame a discutir con vosoutros; afellas que si!
A versión dos gardas. (Mt 28, 11-15). "Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para informar ós sumos sacerdotes de canto acontecera. Eles, reuníndose cos senadores, acordaron darlles una boa presada de cartos ós soldados, encargándolles: -Vós dicide: "Os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmíamos". E, se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do apuro. Eles colleron os cartos e fixeron como lles mandaran. Así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe".
¡Ata o día de hoxe! ¡Pero que grata nos resulta a mentira, a distorsión dos feitos, e que amargas son as verdades; é o diabro, que segue traballando, manexándonos, pero..., contra Deus, e contra os santos, sempre levará as de perder!
Misión dos discípulos. (Mt 28, 16-20; Mc 16, 14-18; Lc 24, 36-39; Xn 20, 19-23; Feit 1, 9-11). "Os once discípulos (doce, menos Xudas) fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, axeonlláronse ante el, anque algúns dubidaban. (Tomás, e se cadra, algún máis). Xesús, achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no Ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo".
... Gómez Vilabella, Xosé M.