Que alegría recibir noticias positivas!
Campo Freire, Xaquín - viernes, 21 de junio de 2024
En España, na Galiza e no mundo levamos unha xeira, xa de anos, con abundancia de mensaxes tremendistas, negativas a máis non poder e xeradoras de pánico colectivo inducido.
E o COVID, sexa creado en laboratorios ou aparecido por outras causas, a verdade é que veu aumentar e agravar esta percepción de inseguridade colectiva e a situación de vulnerabilidade.
Aos actuais sistemas dominantes, do signo que sexan e por motivos inconfesábeis, interésalles crear inseguridade, morte, guerra e extermino entre as crases populares. Isto fai que as "masas" humanas, indefensas, se volvan cara aos profetas de desgrazas que pronuncien as palabras máis grosas, fortes e desesperanzadas. A verdade xa non existe. Toda opinión ten o mesmo valor nos medios de comunicación. Por iso as fake news teñen tanta aceptación enfermiza. Existen "tutoriais", guías de fácil aplicación para calquera, para encheren o mundo en poucos segundos non só de autenticas mentiras, senón eliminación criterios de discriminación en prol da verdade. De sempre o medo, os medos, foron a grande arma de dominio e exterminio de humanos e animais. E hoxe tamén. Onde está a verdade? Nos medos e inseguridades máis sensacionalistas?
Desde hai tempo procuro salientar pedagoxicamente as pequenas noticias formuladas en sentido positivo aparecidas nos medios e que sexan verdadeiras por estaren debidamente acreditadas e contrastadas. Esta semana atopei dúas que me encheron de gozo e esperanza por cima das miserias mundiais. E sei que se abrirán paso pouco a pouco. Dimo o corazón:
A primeira: "La Unesco incluye la escuela de la cárcel de Teixeiro en su red educativa. Casi 600 alumnos se forman en el penal coruñés, en una iniciativa que también busca inculcar valores".
A segunda: "Soy gitana, pero mis padres siempre me dicen: "no te cases pronto". Mejor estudia». Jimena Jiménez, que hará la ABAU en julio, sueña con ser abogada para luchar contra la injusticia".
Gosto moito da psicoloxía e dos puntos de orientación que os entendidos, eles e elas, nos dan: "O noso problema como seres humanos é que estamos saturados de palabras que actúan como suxestións negativas. E mesmo por iso temos que establecer, a través da palabra, formas positivas de suxestión". "Se o facemos en sentido negativo estamos fixando unha suxestión negativa contraria ao que queremos alcanzar. Aínda que de forma consciente e racional pareza que estamos usando o mesmo significado". "A utilización de formulas positivas nas suxestións resulta imprescindíbel para os nosos propósitos. Unha vez formulada a mensaxe en positivo repetirémola varias veces e así gravarémola na nosa mente. As suxestións que queiramos introducir na nosa mente terán de seren enunciadas sempre en sentido positivo."
Vou cada semana ao cárcere de Teixeiro desde hai dezasete anos. Escoito moitas veces na rúa aos profetas de desgrazas. "Que podrezan alí! E leña aberta con elas e eles!" Ben cadra que os nosos funcionarios obedecen a outros principios humanitarios e legais. Pero cando a porta lles pilla o dedo a eses faladores ou a algún dos seus, daquela, buscan clemencia e mesmo "recomendacións" polos xulgados adiante. A Constitución, (art. 25.2), fala de reeducación, rehabilitación e reinserción e resocialización. Na saída, despois de moitos anos de soidade, quen acolle? Un tanto por cento elevado son enfermos psiquiátricos. O seu lugar non é o cárcere. Pero ese é un problema social. Faremos algo por darlle unha solución axeitada?
"Abrollaron nas silveiras do camiño pequenas flores brancas de esperanza e non afogaron as espiñas a tenrura, nacida do amor que as chamara".

Campo Freire, Xaquín
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora