Preparación da Pascua. (Mt 26, 17-19; Mc 14, 12-16; Lc 22, 7-13). ¡Tamén eu teño que prepararme! ¿Como? ¡Confesándome, para despois asistir á Cea do Señor, que se non vou dun branco anxelical non me admiten! "No primeiro día dos Ázimos (o pan ácimo, sen fermentar, era típico da sinceridade e da verdade; aquela festa foi instituída para conmemorar a liberación de Israel da escravitude exipcia) os discípulos fóronlle preguntar a Xesús: -¿Onde queres que che preparemos a cea pascual? El respondeu: -Ide á cidade, a casa de (...), e dicídelle: "O Mestre di: O momento está preto; vou celebra-la Pascua cos meus discípulos na túa casa". Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua".
Señor, non son digno de que entres na miña casa, pero unha palabra túa abonda para salvarme. ¡Aquí me tes, confesado, e por tanto curado; curado pola túa misericordia, así que, que menos que ofrecerche a miña casa para celebrar a túa Eucaristía!
Anuncio da traizón. (Mt 26, 20-25; Mc 14, 17-21; Lc 22, 14; 21-23). "Chegado o solpor, (que para nosoutros foi a alba, esa alba de gloria na que recibimos o corpo e mailo sangue de Cristo), púxose á mesa cos Doce. E mentres ceaban díxolles: -Asegúrovos que un de vós me vai entregar. (E Xudas, o infame, tan tranquilo, pois seguiu na mesa; ¡vaia cara!). Moi tristes empezaron a preguntarlle, un por un: -¿Non serei eu, Señor? (¿Xudas, tamén?) El respondeu: Un que meteu comigo a man no prato, ese entregarame. O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero, ¡ai daquel que entrega ó Fillo do Home! Máis lle valía non nacer. Entón Xudas, (¡Vaia cara; cadora máis dura!), o que o ía entregar, preguntoulle: -¿Non serei eu, Mestre? Respondeulle: Ti o dixeches". (Daquela, o traidor foise da mesa? Mateo non o di, pero tampouco di o contrario, así que eu interpreto -libremente, por suposto-, que foi tan cara que seguiu na mesa, facéndose o inocente, o desentendido! Os maliciosos somos así, traizoamos ao Deus que nos fixo, ao Deus que nos redimiu, e seguimos tan tranquilos, sorríndolle ao resto da humanidade, gozando coas nosas traizóns, cos nosos pecados).
Repasade, que non somos alleos ao tema: Pecar é traizoar ao noso Redentor, vendelo, aínda que sexa de balde, sen as trinta moedas. ¿Cáenos a cara coa vergoña? ¡Que va, pois temos a experiencia de que os pecadores, -vese nos xuízos-, declaramos en falso sen o mínimo rubor, e encima diso queixámonos de que nos fan unha inxustiza ao xulgarnos! Os outros, videntes ou televidentes, a todo isto dan en berrar: "A ese, non; a Barrabás!". ¡Que razón tivo Curros Enríquez cando opinou que o propio Deus estaría escandalizado "do mundo que fixo"!
-.-

A Última Cea, de Juán de Juanes.
A eucaristía. Poñámonos de xeonllos; ¡que menos!, pois chegamos, achegámonos, á Consagración. (Mt 26, 26-29; Mc 14, 22-26; Lc 22, 15-20). "Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando gracias, partiuno e déullelo ós seus discípulos, dicindo: -Tomade e comede: isto é o meu corpo. E collendo unha copa, dando gracias, déullela dicindo: Bebede todos dela. Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados. E asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña ata o día que o beba, noviño, convosco no Reino do meu Pai".
¡Entrega suma, obsequio máximo: quedouse connosco! Non somos capaces de recoñecer en toda a súa amplitude a graza especial, infinita, deste don; saberémolo, entenderémolo mellor cando nos dean a entrada no Ceo, cando se alume a nosa intelixencia, pois aquí aínda temos, usamos, os ollos de barro, turbios, miopes, desde o pecado orixinal. ¡Laus tibi, Christe!
¡Non é cuestión de explicar, senón de meditar! ¿Verdade que na igrexa, na consagración, se estamos atentos, con recollemento e con devoción, sentímonos transportados á Gloria? ¡O milagre da Eucaristía é de éxtase; excede a todo milagre!
Anuncio das negacións de Pedro. (Mt 26, 30-35; Mc 14, 27-31; Lc 22, 31-34; Xn 13, 36-38). Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras. Entón díxo lles Xesús: -Esta noite todos ides tropezar na vosa fe por causa miña, conforme está

escrito: "Ferirei ó pastor e dispersaranse as ovellas do rabaño". Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea".
"Replicoulle Pedro: -Anque todos tropecen pola túa causa, eu non tropezarei. Respondeulle Xesús: -Pois ti ten por seguro que esta mesma noite, antes de que cante o galo, hasme negar tres veces. Díxolle Pedro: Anque teña que morrer contigo, endexamais te negarei. E o mesmo dixeron tódolos discípulos".
¡Cada vez que pequei imitei a Pedro, mais cunha diferencia: Que el aínda non vira a Resurrección do Señor; e eu, si, que se non a vin, para o caso dá igual: lin a testemuña dos seus discípulos! Pero aínda hai outra: Pedro, de arrepentido, chorou; eu, pola miña parte, só teño lembranza de chorar polos seres queridos, polos que fun perdendo ao longo da miña vida, que foron moitos, ¡moitos e moi bos, pero por eses non tiña que chorar, senón alegrarme de telos no Ceo, que así son, e foron, os meus intermediarios, os mediadores!
Se caía o Xefe, o Mestre Todopoderoso, ¡como non ían tremer os do seu partido! As negacións de Pedro, daquela, naquelas circunstancias, teñen lóxica; as miñas, non!
A oración en Xetsemaní. (Mt 26, 36-46; Mc 14, 34-42; Lc 22, 39-46). "Entón chegou Xesús cos seus discípulos a unha finca chamada Xetsemaní e díxolles: -Sentade aquí, mentres eu vou orar. E, levando consigo a Pedro e mais ós dous fillos do Zebedeo, empezou a poñerse triste e a sentirse fondamente angustiado. Díxolles: -Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade comigo. Avanzando un pouco, caeu rostro en terra, mentres rogaba: -Meu Pai, se é posible, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti..."
Neste punto parareime a reflexionar. Este servidor, a tal momento, está lembrando aqueles "Calvarios" que andaba meu pai na nosa igrexa de Montecubeiro, ¡tres ou catro, de memoria! ¡Daban ganas de chorar, oíndoo, coa súa voz grave, falando con lentitude, subliñando as verbas sacras! Abba, meu Papaíño, ¿que función che deron no Ceo? ¡Coido que aí non tedes Calvarios, pois iso é historia pasada: ¡xa foi a Resurrección de Cristo, xa estades na súa Gloria!
"E volvendo onda os discípulos, atopounos durmindo. Díxolle a Pedro: -¿Non puidestes velar comigo nin tan sequera unha hora? Estade á espreita e orade, para que non entredes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil. Arredándose de novo, por segunda vez púxose a orar dicindo: -Meu pai, se non é posible librarme deste mal momento, fágase a túa vontade. Volvendo de novo, atopounos tombados, porque lles caían os ollos co sono. Deixounos e arredouse de novo, e púxose a orar (a falar co Pai) por terceira vez, repetindo as mesmas palabras. Despois volveu onda os seus discípulos e díxolles: -¿Conque aínda durmides e descansades? Pois sabede que xa chega a hora e o Fillo do Home vai ser entregado nas mans dos pecadores. ¡Veña, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar".
O que está de garda fronte a un inimigo, ese non durme, por canso que estea; ¡seino ben pola miña experiencia daquelas noites longuísimas nas que, desde as azoteas, vixiabamos e defendíamos o Banco Exterior de España, daquela da guerra de Ifni! Aos discípulos non lles entraba na cabeza que correse perigo aquel Mestre, facedor de milagres; e por outra parte, o acontecemento no que, sen entendelo, estaban participando, era de tal magnitude que tamén os desbordaba: Estaban chamados a dar testemuño nada menos que da Paixón, Morte e subseguinte Resurrección do Fillo do Home, do Home e tamén de Deus, á vez; nunca a Historia da Humanidade rexistrara, nin rexistrará, un feito de tal magnitude. Grazas ao sacrificio do Fillo do Home, tremendo como home pero acatando a vontade de seu Pai, ían abrirse, para a Humanidade, as portas do Ceo. En termos actuais, ante tanta bondade, ante tan misericordioso sacrificio, exclamaríamos: ¡Incrible!
Detención de Xesús. (Mt 26, 47-56; Mc 14, 43-50; Lc 22, 47-53; Xn 18, 3-12). "Aínda estaba falando cando chegou Xudas, un dos doce, acompañado dun tropel de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes e polos senadores. O traidor déralles este contrasinal: -A quen eu lle dea un bico, ese é; prendédeo. De seguida achegouse a Xesús e díxolle: -¡Saúde, Mestre! E bicouno. Xesús respondeulle: -Amigo, ¿para isto viñeches? Entón adiantáronse, botáronlle a man enriba a Xesús, e prendérono. Pero un dos que estaba con Xesús, botando man á súa espada, desenvaiñouna, e feriu ó criado do sumo sacerdote, rabenándolle unha orella. Pero Xesús díxolle: -Volve a espada ó seu sitio, pois tódolos que levan espada pola espada perecerán. ¿Seica pensas que non podo acudir a meu Pai? El poñería á miña disposición, agora mesmo, máis de doce lexións de anxos. Pero, ¿como se ían entón cumpri-las Escrituras, que din que ten que suceder así? E naquela hora díxolle á xente: -Saístes prenderme con paus e espadas, coma se fose un bandido. A diario estiven sentado no templo ensinando e non me prendestes. Pero todo isto pasa para que se cumpra o que escribiron os profetas. Entón tódolos discípulos fuxiron, abandonándoo!".
¡E eu con eles, que tamén te refusei, tantas veces! ¡Señor, non son digno...; pero estou arrepentido!
...Gómez Vilabella, Xosé M.