Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bieito Iglesias e a pandemia

Sampedro, Pilar - jueves, 20 de junio de 2024
Bieito Iglesias acaba de publicar novo libro: Unha gripe cabaluda na editorial Aira de Allariz.

Santiagués de Ourense, Bieito cumpre coa terra de orixe na ambientación das obras, na linguaxe e ata, cando pode, na editora. Se alguén fala de "ourensanía" debería ter como primeiro referente, altamente positivo, a este autor cun verbo que Bieito Iglesias e a pandemiapara si quixesen moitos escritores e escritoras do país. Tan certa é esta afirmación que Galaxia lle encargou a tradución das obras de Conan Doyle: As aventuras de Sherlock Holmes, de Arthur Conan Doyle, Un estudo en escarlata, A face amarela: unha aventura de Sherlock Holmes, As memorias de Sherlock Holmes, O signo dos catro, O can dos Baskerville, O último adeus, O val do terror, O arquivo de Sherlock Holmes... algunha delas con Manuel Vázquez.

Iglesias é tan de Ourense (sen deixar de ser de Santiago) coma as burgas e aí nos sitúa, unhas veces percorrendo a cidade en libros como O ouro de Ourense no que nos leva da man polos camiños da cidade mentres nos engaiola coa historia, a arte, a literatura, anécdotas e personaxes que só un gran coñecedor, de Historia (na que se licenciou) e Literatura (que ensinou) podería achegarnos. Outras veces, a cidade de Ourense aparece como escenario das historias que toman vida na súa narrativa. Este é un destes casos.

O xénero negro tenlle interese. Leva unha serie de novelas encadradas nel. Esta, á que nos estamos a referir, é unha delas; unha novela protagonizada polo inspector Marañao que xa fixera acto de presenza en Guías caninos. O inspector, daquela ocupábase en desentrañar a desaparición dunha muller no medio dun tempo de feminicidios; neste caso, busca ao asasino dunha moza menor de idade mentres o mundo está pechado por mor dunha pandemia. Era 2020, entre confinamento e covi, co mundo parado e os militares tomando aos civís como inimigos nunha guerra que se desenvolvía noutro lado cun adversario invisible. Son os homes como Mariñao os que poñen cabeza e resitúan as cousas no seu sitio, saltar a veda non é un delito de sangue pero os militares non entenden nin o galego nin as cuestións diferenciais, coma o policía aragonés de Domingo Villar enchen todo de malentendidos mentres escoitan toda a música que corresponde á súa identidade (Y viva España, Échale guindas al pavo...) e ameazan "Y no me hables en gallego que me caliento". O inspector aplicará a intuición, a experiencia e o coñecemento da contorna para indagar os homes que tiveron que ver coa rapaza e as mulleres que andaban polo medio, a cambio das frases curtidas dos de fóra dá consellos "aprende esta lección que che dou porque non hei vivir sempre: a lei, pra fodela, hai quer obedecela". Policías trapalleiros que toman a xustiza pola man? Vidas privadas que complican o exercicio da profesión? A marxinalidade, as modas de sexo tántrico, as casas de turismo rural, a caza, os pazos onde hai algo que agachar e un inspector no medio do andazo querendo facer xustiza.
Novela negra cun humor cheo de retranca que é marca da casa e co que relativiza o dramatismo dos sucesos.

O libro ten unha presentación que bebe das novelas baratas de peto, pretendendo esa imaxe das obras populares de vaqueiros, cunha presenza que quere ser de segunda man e que debemos -en gran parte- á imaxe da cuberta de Miguel Robledo.

Ambas novelas continúan a pegada de Miss Ourense (un libro no que se recollen catro relatos: Miss Ourense, Luanda, A cruz de prata e O que enganan as iguanas situados nos anos sesenta) onde o policía Sindo Nespereira era quen investigaba. En Unha gripe cabaluda aparece o personaxe do vello inspector (Gumersindo Nespereira) ao que Marañao vai visitar por ver de botarlle unha man (a aquel que non ten quen lle valla nin neste mundo nin no outro) porque así son os bos servidores que non deixan tempo para buscar amaños aínda así, morrer só no confinamento iguala a uns e outros. Pero con el aparecen outros personaxes medio reais e de ficción, coma o propio autor que aparece como Binitiño Iglesias Filho. Nalgún dos libros dicíase que "a seguinte historia é ficticia e non describe acontecementos nin persoas reais" pero o lectorado sorría polo baixo mentres ía facendo as súas composicións e emparellando personaxes ficticios e reais así como recoñecendo feitos.

Ese Ourense que nos vén á cabeza a través de A esmorga, para mostrar todo o que se oculta detrás do escenario que semella tranquilo (case de máis) está aquí, coa linguaxe literaria do "ourensao" que bebe da oralidade para facerse fixarse na escrita de autor.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES