Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 21 de junio de 2024
Soñando por enriba doutro soño

Soñei por enriba doutro soño no que nada pasaba e todo sucedía. Unha cousa moi rara. Tan rara que, por momentos, non sabía se eran fantasías, realidades ou pesadelos. Os soños son bonitos se non quebran a cabeza. Por iso é tan marabilloso soñar esperto. Desta maneira, cada un soña o que mellor lle convén; desde ser un heroe de cómic ata un xusticeiro de película, desde ser un home amable ata ser un home bondadoso, desde ser un corpo físico ata ser algo invisible.
Pingas de Orballo No soño que soñei (o da mestura dos soños), os cuartos de baño eran coma naves espaciais que sucaban máis alá de Orion, pero sen Rutger Hauer. Ó pouco xa me vin nun globo aerostático voando sobre un planeta que non era o meu. O peor de todo é que, moi a miúdo, eu sabía ou caía na conta de que estaba cun soño dentro doutro soño. Isto angustiábame un pouco; non sabía cal era a auténtica realidade.
Nun pequeno lapso de tempo souben que tal realidade era a de que estaba tombado na cama, completamente de noite, e quizais durmindo. O de quizais será o desa realidade da que me daba de conta: sabendo que estaba soñando por enriba doutro soño. Dous soños a un tempo. Ou eran dous soños e unha realidade?
Todo moi raro. Tan raro que, cando espertei definitivamente (a iso das nove da mañá) e sentei na cama, dubidei de estar sentado ou soñando enriba doutro soño. Marchei inmediatamente a meter a cabeza por debaixo da billa. Coa auga despexaba. Agora mesmo prometo que estou xa nunha realidade. Na miña realidade, que é... a de seguir soñando.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES