Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ensino primario no Concello de Sober no Século XX.*

Gómez, Pedro - jueves, 20 de junio de 2024
Estatística escolar de 1908. Escolas que debía ter o Concello de Sober segundo a Lei de 1857.
A Estadística escolar de España de 1908indica que o Concello de Sober en 1908 debía ter trece escolas elementais completas de nenos e trece de nenas, en total vinte e seis, distribuídas as vinte e dúas parroquias en trece distritos: dúas nas cabeceiras das parroquias de Doade e Rosende, máis en Aldea de Arriba na de Amandi, O Arroxó na de Anllo, Berea na de Arroxo, Sta. Marta na de Barantes, Ferrón na de Bolmente, Sanmil na de Brosmos, Campo Verde na de Gundivós, O Castro na de Gundivós, Francos na de Proendos, Telleiros na de Refoxo e Matamá na de San Martín de Anllo. Agora ben, só tiña dúas escolas elementais completas no distrito de Berea, unha de nenos e unha de nenas, a de nenos tiña clase de adultos, máis catro mixtas nos distritos de Doade, Matamá, Rosende e Sanmil, as tres primeiras con clase de adultos.
En resumo, debemos subliñar que o número e o tipo de escolas que recolleu a Estatística de 1908 é igual ao que citamos a finais do século XIX: seis en Sober, dúas elementais completas na capitalidade e catro mixtas.
Se facemos a media dos soldos anuais dos mestres en relación coas escolas, sen a gratificación por adultos e outras retribucións, os de Sober percibían 575 ptas., o que significa que ninguén alcanzaba as 600 ptas.

As escolas no Concello de Sober de 1900 a 1936.
A poboación do Concello segundo o censo de 1910 era de 9352 habitantes de feito (10.064 de dereito), capitalidade Sober (Arroxo), tempo atrás denominouse Verea. Ademais, debemos destacar Proendos, con restos dunha muralla romana do antigo hábitat de Proencia.
En 1919 tiña seis escolas nacionais: dúas na capitalidade, nenos e nenas, e as mixtas de Anllo, Brosmos, Doade e Rosende, cun total de 250 a 300 alumnos/as. Tamén se fundaron dúas escolas de padroado, en Anllo e Pinol. Este Concello cun orzamento de 44.819,54 ptas. en 1919, destinaba a instrución pública 1120 ptas.
En 1901 o Boletín Oficial da provincia mencionaba a escola mixta de Doade; en 1902, a completa de nenos e a de nenas de Sober; en 1903, a mixta de Rosende; e en 1910, as mixtas de Anllo e Brosmos.
Entre 1925 e 1936 no Boletín figuraban as escolas unitarias de Sober e Doade e as seguintes mixtas: A Estación de Canaval, O Pacio de Bolmente, Lobios, Vilabalde de Figueiroá, Neiras, Vaz de Vilaescura, A Pousada de Refoxo, Barantes, Amandi, A Pena e A Sobreira de Gundivós, A Carqueixa e Vilastrille de Proendos, Brosmos, O Campo de Pinol e Arxemil de San Martín de Anllo.
Igualmente, na relación dos locais para colexios electorais figuran as casas das escolas públicas, o que nos facilita seguir a evolución das escolas no Concello. Así, en 1909, refería a completa de nenos de Sober de Arroxo e as mixtas de Doade e Naz de San Martín de Anllo e en 1911 ademais a mixta de Rosende. En 1931 a de nenos de Verea de Arroxo e as mixtas de Figueiroá, Lobios, Neiras e Naz e en 1934 e 1935 engadía a de nenos en Priorado de Doade e as mixtas de Bolmente, A Sobreira de Gundivós, Vilastrille de Proendos, Outeiro de Rosende, Vaz de Vilaescura, Brosmos, Pinol e Santo Estevo de Anllo.
En resumo, neste período o Concello de Sober pasou de seis escolas públicas, dúas completas de nenos e nenas na capitalidade e as mixtas de San Martín de Anllo, Brosmos, Doade e Rosende a vinte e catro, que se concretaron nas escolas de nenos e nenas de Sober, nenos e nenas de Canaval e nenos e nenas de Doade e as mixtas de O Pacio de Amandi, Santo Estevo de Anllo, Barantes, O Pacio de Bolmente, Brosmos, Vilabalde de Figueiroá, A Pena e A Sobreira de Gundivós, Lobios, Neiras, O Campo de Pinol, A Carqueixa e Vilastrille de Proendos, A Pousada de Refoxo, Naz de Arriba de Rosende, Arxemil e Naz de San Martiño de Anllo e Vaz de Vilaescura, co que todas as parroquias, agás Bulso, Liñarán, Millán e Santiorxo, tiñan escola. Ver mapa número 20.
O ensino primario no Concello de Sober no Século XX.*


As escolas no Concello de Sober no franquismo.
Ata 1940 no Concello de Sober anotamos en 1937 a creación da escola mixta de Vilar de Mouros, unha máis con respecto ás vinte e catro existentes en 1936. Unha estatística do Consello Local de 1937 corrobora estes datos. A maioría das escolas estiveron en casas particulares e só unha foi feita polo Estado, a de nenos e nenas da parroquia de Neiras e catro polos veciños, a de nenas de Viloudriz de Amandi e as mixtas de Bulso, Suairexa de Figueiroá e Arxemil de San Martiño de Anllo.
En 1940 creouse a mixta de Viloriz de Bolmente, en 1944 a mixta de Rosende, en 1948 a mixta de Amandi desdobrouse en nenos e nenas e en 1959 a mixta de Neiras pasou a escola de nenas e creouse a unitaria de nenos, tamén as mixtas de Bulso e Vilachá de Doade e as de párvulos de Sober e Canaval. En 1972, antes da concentración escolar, había un total de trinta e unha escolas, posto que en 1967 produciuse a supresión da de nenos de Amandi e conversión da de nenas en mixta e en 1970 supresión da mixta de Outeiro de Rosende. Na concentración integráronse vinte e nove escolas, todas agás as de párvulos, que se suprimiron en 1978, aínda que a de Canaval figuraba en 1979 como non suprimida, pero na realidade integrouse coa de Sober. As parroquias de Liñarán (ían a Xanimol de Figueiroá), Millán (ían a Sober) e Santiorxo (ían a Barantes, Bulso ou Pinol, segundo o seu domicilio) non tiveron escola. Ver mapa número 26.
O ensino primario no Concello de Sober no Século XX.*En 1948, no documento de asignación de orzamentos ás escolas no Concello para material de ensinanza, relaciónanse as que figuraban na Estatística de 1937 máis as creadas ata ese ano.

O ensino público de primaria: as concentracións escolares.
A implantación da EXB, obrigatoria e gratuíta en todo o territorio nacional, fíxose mediante plans rexionais ou comarcais, co obxecto de establecer unha maior igualdade de oportunidades nas zonas rurais e urbanas. A tal fin, decidiuse a constitución de centros de EXB, cunha soa dirección e, ao menos, unha unidade por curso. Este proceso iniciouse conforme ao calendario de aplicación da reforma educativa, dado que en 1970-71 funcionaron con carácter xeral os catro primeiros cursos de EXB e a partir do seguinte implantouse de xeito gradual un curso por ano. Por iso, dende 1972-73, co comezo da 2ª etapa de EXB, interesaba a posta en marcha das concentracións escolares.

Colexio Nacional Mixto Comarcal de Sober.
En 1972 a Inspección realizou o expediente para a creación do Colexio Comarcal de Sober, con 16 unidades de EXB, 8 de cada sexo, Dirección con curso (DCC) e 2 prazas de Educación Física (EF). Ao respecto, fixo proposta de supresión de 29 escolas unitarias ou mixtas, a totalidade das existentes no Concello, agás as de preescolar de Sober e Canaval, que tiñan matrículas superiores a 25 alumnos. O Colexio de Sober instalouse nun edificio de nova construción, do Plan de Urxencia, que debía estar rematado ao comezo do curso e que acollería a totalidade dos escolares do Concello, 549 nenos/as matriculados no curso 1972-73, número que se incrementaría durante os tres cursos seguintes ao implantarse a 2ª etapa de EXB. Na documentación figuran os alumnos matriculados de EXB, 496; os alumnos escolarizados, en escolas nacionais 61 de 2 a 5 anos e 480 de 6 a 14 anos e 69 en ensinanza media, en total 610; e as escolas a suprimir: unitarias de nenos e de nenas de Sober, de Canaval, de Doade, de Neiras e de Bolmente e as mixtas de Amandi, Santo Estevo de Anllo, Barantes, Brosmos, Bulso, Vilachá e Vilar de Mouros de Doade, Figueiroá, A Pena e Vilanova de Gundivós, Lobios, Pinol, A Carqueixa e Vilastrille de Proendos, Refoxo, Rosende, Arxemil e Naz de San Martiño de Anllo e Vilaescura.
Como non se crearon as 2 prazas de EF, en 1974 o director do Colexio expuxo que, ademais dos 16 mestres para outras tantas unidades, eran necesarios dous máis, unha para EF de nenas e unha para Educación Especial (EE). Neste sentido, o Xefe da División de Planificación sinalou a necesidade de que en cada centro existiran unidades de EE. En canto á unidade de EF era moi importante dispoñer de persoal especializado, polo que estimaba conveniente a creación destas prazas. Ademais, a Unidade Técnica informou que o local ofertado polo Concello para a unidade de EE estaba na mesma rúa que o Centro e para a unidade de EF o Colexio tiña un ximnasio e dúas pistas polideportivas, que eran instalacións suficientes. En consecuencia, o Delegado elevou proposta de ampliación do Colexio de Sober. E creouse 1 unidade de nenos de EE, despois rectificouse nunha unidade de EE mixta.
En 1975 a Inspección estimou que, dada a complexidade dos problemas que presentaba a atención da dirección, era necesaria a creación da praza de Dirección con función docente (DFD) no Colexio e o nomeamento dun profesor que cubrira a súa clase. En relación con esta petición, o Xefe da División de Planificación informou que o Colexio tiña 16 unidades de EXB e 1 unidade de EE, un total de 396 alumnos, unha media de 375 transportados diarios e 450 usuarios de comedor, cifras que daban idea das tarefas que debía afrontar a dirección, razóns suficientes para crear a praza de DFD.
En 1976 a Inspección informou que en Sober funcionaba un Colexio Comarcal con 17 unidades, con unidades de nenos e de nenas. A efectos dunha mellor graduación do alumnado era conveniente a coeducación, e por iso procedía transformar todas as unidades en mixtas. A continuación, unha orde dese mesmo ano deulle ao Colexio a denominación específica Virxe do Carme. En 1977 a Inspección expresaba que na localidade de Sober existía 1 unidade de preescolar e censo suficiente de nenos de 4 e 5 anos para outra unidade de preescolar. No Colexio existían locais adecuados para a instalación e funcionamento de 2 unidades de preescolar, en función do que propuxo a creación de 1 unidade de preescolar no Colexio e a integración da existente. Ao mesmo tempo, pediu a supresión da escola Estación Canaval de preescolar, que se suprimiu en 1978 coa integración da de Sober.
A Unidade Técnica informou que as aulas que se querían habilitar para preescolar estaban dentro do Colexio, obra de recente construción. E o Xefe da División de Planificación manifestou que en Sober existía censo suficiente de nenos de 4 e 5 anos para nutrir 2 unidades de preescolar, no Colexio non existía ningunha unidade de tal nivel e no edificio había locais para funcionar 2 unidades de preescolar, argumentos que xustificaban a ampliación do Colexio. Non obstante, unha orde de 1978 rectificou que só se suprimira a de Sober, pero de feito ese ano os nenos de Canaval coa súa mestra foron a Sober e esta escola non volveu a funcionar e como figuraba a súa supresión, non se corrixiu a rectificación.
En 1984, 1989 e 1990 suprimíronse 4 mixtas de EXB e en 1995 pechou un posto de Matemáticas e Ciencias da Natureza e creouse 1 posto de Educación Musical; isto é, o Centro reduciu unha unidade máis de EXB. En 1996 establecéronse as unidades e postos de traballo de primaria, e o Colexio de Sober conformouse coas unidades tipo, 2 de infantil e 6 de primaria.

*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX".
Gómez, Pedro
Gómez, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES