Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 20 de junio de 2024
Matrículas con números e letras

Mirei para a matrícula do coche e vin que tiña números e letras. Milladoiro o que ten é unha música marabillosa. Como marabillosa é a pomba que espera ás migallas das bicas que adoitan poñer cos cafés. O café, máis que rico, é coma unha éxtase divina. O Dúo Dinámico di que non sei que dunha xitana de Andalucía. Co bonita que é unha muiñeira galega! Para gustos seica hai cores.
Pingas de OrballoMirei para os coches que pasaban e todos levaban matrículas con números e letras. Os meus pés levan o ritmo de todas as cancións que asoman polos auriculares. Incluso a pomba que anda por aí se puxo a bailar sobre o respaldo dunha cadeira. O sol tamén está a bailar por entre unhas nubes brancas e negras. O loureiro baila un tango sobre un toxo florido e o valse das bolboretas de Danny Daniel cae sobre a páxina en branco para que se vexa que a música e o baile é case o mesmo.
Mirei para os coches aparcados e, a algúns, non consigo verlles as matrículas cos números e letras. A uns poucos si lles vexo parte; ou ben os números, ou ben as letras. Tampouco vexo o ruído que fan eses coches, nin tan sequera o rular das pombas, porque o ruído non se ve, pero si o sinto. Como sinto o silencio, aínda que non se note. Eu nótoo. Hai momentos nos que, aínda con moito barullo, se palpa o silencio. Coma nas novelas do Oeste de Marcial Lafuente Estefanía.
Mirei para un só coche e, cousas da vida (ou da ignorancia), non souben describir a súa cor. Agora hai cores raras. Seguro que son mesturas que rematan cunhas ou outras tonalidades. Si, ten matrícula con catro números e tres letras. A pomba mira para min cunha pouca de ansia. Bótolle un cacho de bica.

Ameaza de bomba

Chamáronme á primeira hora da mañá para que fose. Fun. A calquera veciño de Baños de Molgas non lle nego nada. E menos se me di que houbo unha ameaza de bomba na ponte das Cabras. Non é que sexa un punto neurálxico para as comunicación coa vila molguesa, pero chega con que sexa unha estrada cara á Os Milagres para ter que actuar. E non só tamén polos Milagres, senón porque tamén é camiño ó monte Medo. Para un servidor, tanto este monte como aquel santuario xa son palabras maiores.
Pingas de Orballo Menos lerias. Fun. Collín o meu Pancracio e fun correndo. Deixei o coche na Pitediña (se se producía algunha explosión, non quería que lle afectase) e fun andando segundo vestía o traxe de artificieiro, que, por certo, tiña colgado no faiado á beira do de astronauta. Creo que nunca o dixen, pero tamén son un profesional desarmando bombas. Empezara de rapaz desfacendo aqueles cartuchos dos foguetes que se lanzaban nas procesións do san Salvador, o patrón de Baños de Molgas. Despois xa me apuntei a algunha que outra guerra (si, cobrando, de mercenario) e de aí naceu toda a experiencia que teño, que é moita.
Ós poucos metros da ponte das Cabras vin a bolsa, o paquete sospeitoso. A pesar do perigo, a xente é curiosa por natureza; alí estaba media vila ante a perspectiva do que podía suceder. Con precaución, pero estaban. Alá eles; non lles dixen nada. Achegueime a modiño e estudando incluso ós arredores. A trampa podía estar antes da propia bolsa, do propio paquete. Non tardei en caer da burra, tan axiña como vin o nome da caixa. Abrina, así e todo, con moito tento. Tiña unha morea de pizzas cunha nota: que vos aproveite, pasmóns.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES