Potencial endóxeno
Santalla, Iago - miércoles, 19 de junio de 2024
De novo, hai que recuncar no amor propio. Nese amor que combate sempre a maldición de Malinche, a mesma que nos impulsa a unha espera eterna e a unha pasividade infinda que só nos leva a deber favores.
O potencial endóxeno é todo canto transformamos das materias primas que nos ofrece o medio. O problema é sabelo transformar nós, é dicir, saber construír o produto final e poñelo no mercado a un prezo que lle permita vivir a toda a cadea de produción.
O potencial endóxeno é aquel que, coidando o medio, non se ten porqué acabar. Polo tanto constrúe un xeito de vida legable aos nosos devanceiros. Aquí é onde nos damos conta de que a verdadeira ecoloxía estaba presente e totalmente integrada no xeito de vida dos nosos avós : bolsas de tela, botellas de vidro, bidóns de aceiro, papel para envolver, etc.. O ecoloxismo estaba totalmente implantado ata que chegou o plástico como un espellismo que relegou todo o anterior para impoñerse.
Da mesma maneira, en vez de puxar por proxectos que se nutren do entorno sen danalo, eliximos agora proxectos millonarios fronte a estilos de vida sinxelos que só precisan un medio natural limpo para existir. Se cadra, á volta dos anos, arrepentímonos de caer máis unha vez na mentira de Malinche. O problema é que se cadra é demasiado tarde porque xa non hai potencial que defender.
Por iso emociona ver os barcos do mar de Arousa defender o seu medio de vida fronte ao pseudoprogreso imposto. Oxalá gañen o futuro para todos.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora