Como se fai para mirar unha vaca nunha feira antes de mercala.
1.4. Despois de mirarlle as lurpias, logo míranselle AS COSTELAS.
Unha mirada fiel continuaba polas costelas para saber se a vaca era de media costela,

pois estas valían menos e non se querían.
Para miralas había que apalpalas polo lombo, corréndolle os dedos das mans polas costelas porque as vacas teñen as costelas coma os cinco dedos das mans.
A vaca ten trece pares de costelas, que corresponden a cinco pares de costelas falsas, conectadas entre si polo cartilaxe e outros oito pares, estes, xunguidos ao aranguelo vertebral.
Pásanselle as mans observando sempre que sexan iguais, pero se ten a última, a de xunto ao van máis curta, entón a maioría da xente non quere a vaca e outros, quérena, mais cunha rebaixa importante do prezo, pois con esta deficiencia a vaca en cuestión, non vale o mesmo diñeiro.
As costelas das vacas deben ser abertas porque son mellores de manter e téñense mellor, tamén son máis guapas, máis bonitas todas elas.
(Continuará)
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero