Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Querido Mestre, que obrigado che estou! (11)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 14 de junio de 2024
Moitas leccións temos, podemos sacar, deste capítulo:
Eu vexo, coma nun primeiro plano, a materialización, a explotación materialista do culto relixioso á que chegara a dexeneración do Sumo Sacerdote dos xudeus; ¡por algo lle Querido Mestre, que obrigado che estou! (11)estorbaba Xesús! Situación intolerable para o Mesías.
Aquel sacrificio de animais, ¡vendidos especulativamente no interior do propio templo!; aquel axio de moedas, aceptando como puras tan só as deles, as dos xudeus; etc., etc. ¡E os crentes sen decatarse de que estaban caendo, de que os estaban levando, a un paganismo ridículo, que ridiculizaba a preparación, a alerta profética, que tiñan recibido.
Como lección, aí temos a referencia clara e rotunda do pecaminoso que é facer negocio coa relixión. Tanto se enfadou Deus con iso, que Xesús foi a única vez que declarou unha guerra física, un depurativo material.
O noso sacrificio, substituíndo e perfeccionando aqueles do Antigo Testamento, témolo, definitivo, na consagración do pan e do viño, convertidos no corpo e no sangue de Xesús, que, índose, quedouse connosco, a perpetuidade, para fortalecernos, para escoitarnos, para participarnos o seu sacrificio redentor. Instituíu a Eucaristía precisamente como función testamentaria, como herdanza superior, sublime, na véspera da súa inmolación.
A expulsión dos traficantes tamén dá testemuño do punible que é ante Deus a corrupción materialista; todo tipo de corrupción, sexa na política, nos negocios, nos medios de comunicación, sindicatos, escolas, asociacións...; ¡e xa non digamos nos servidores da Igrexa!
Xesús provoca así, indirectamente, á máxima autoridade relixiosa dos xudeus. Consideraba chegada a súa hora, que así llelo había anticipado aos discípulos, e..., abre as espitas, provoca a un dos seus principais inimigos, Caifás.
Non consta, non quedou constancia, de que nisto, de momento, tivese oposición; ninguén deu a cara por aqueles ladróns, pero..., gardáronlla! Satanás, se ignoraba a que lle esperaba, a súa derrota crucial, importante, en tal ocasión estaría frotándose os cornos; ¡pouco lle ía durar o gozo!
Visitando e contemplando os templos que elevaron os nosos entregos, tanto na nosa terra coma noutras, auténticos museos da arte e do esforzo, pero tamén da fe e da piedade, un fica abraiado: ¡Aquilo si que era amar a Deus sobre tódalas cousas, alén das súas miserias, con problemas de materiais, de transportes e de elevación, de ferramentas, estadas inseguras..., o indicible, e lograron esas marabillas..., que os subiron ao Ceo! ¿Volveremos a esa mística? A nós, estes do XXI, non nos botou Xesús do templo, ¡botámonos nós, nós mesmos!
A autoridade de Xesús. (Mt 21, 23-27; Mc 11, 27-33; Lc 20, 1-8). "Entrou no templo e mentres ensinaba acercáronselle os sumos sacerdotes e mailos senadores do pobo para preguntarlle: -¡Con que autoridade fas estas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade? Xesús respondeulles: -Vouvos facer tamén a vós unha pregunta; e se respondedes, dígovos eu tamén con que autoridade fago estas cousas: O bautismo de Xoán, ¿de onde era? ¿Era cousa de Deus, ou dos homes? Eles razoaban entre si dicindo: Se respondemos "de Deus", preguntaranos: ¿entón por que non crestes nel? Pero se respondemos "dos homes", temémoslle ó pobo, porque todos teñen a Xoán por profeta. E contestáronlle a Xesús: -Non sabemos. Xesús replicou: -Pois eu tampouco vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas".
Meu avó dicía: A preguntas necias, oídos xordos. Pero neste caso as preguntas non eran necias senón pícaras, maliciosas. O diabro estábaos utilizando para poñerlle unha zancada a Xesús, ¡outra vez!, pero saíulle torta. Pola miña parte, aínda que como pecador, se non escandalizase chamaríalles, ¡cabróns!, a aqueles falsos sacerdotes. ¿Por que? ¡Sinxelamente porque cabróns, o que se di cabróns, son os cómplices do diabro; os fillos da cabra, no meu país, son simplemente chivos, ou cabritos!
As cabras, Capra aegagrus hircus, mamíferos artiodáctilos, da familia Caprinae, xa foran domesticadas ao redor do oitavo milenio a. C., pero aqueles mangantes de Xerusalén aínda non, aínda non o foran..., e o seu ego repelía ao Mestre!
De presente, que? Reflexionemos sobre a vida exemplar, e sobre os milagres divinos, que non humanos, de Xesús, se non queremos levar unha derrota coma a que tiveron aqueles tentadores insolentes, que se daban de astutos para máis agravante.
Parábola dos dous fillos. (Mt 21, 28-32). "...El respondeu: "Non quero", pero despois, arrepentido, foi. Foise despois onda o outro e díxolle tamén o mesmo. El respondeu: "Vou, señor; pero non foi. -¿Quen dos dous fillos fixo a vontade do pai?..."
¡Vale máis arrepentirse que prometer e despois non cumprir! ¿A cal dos fillos representarei eu?
Se as repasamos con obxectividade, decatarémonos, meu querido Mestre, de que tódalas túas parábolas teñen en común a ledicia celestial, a misericordia, cos arrepentidos; ¡a Deus encántalle que volvamos ao rego, que volvamos ao Camiño do seu amor!
O arrepentido fai felices aos dous pais, ao da terra, pero máis aínda ao do Ceo. En troques, o mansiño, ¡o hipócrita!, aparenta pero non fai, non cumpre. ¡Decepciona!
¡Que pedagoxía máis sublime, querido Mestre; e que burro son eu se non aprendo a lección; déixame, permíteme, repasa-las túas parábolas..., para merecer o teu aprobado!
A contribución do César. Veño de facer a Declaración da Renda e puxen a cruz do tributo debido á Igrexa; pero observei que hai que dicírllelo aos funcionarios, para que funcionen, para que a poñan, pois do que non, eles non adoitan deterse en lembrarnos a parábola correspondente.
(Mt 22, 15-22; Mc 12, 13-17; Lc 20, 210-26) Boa importancia lle deron os tres sinópticos xa que os tres lle dedicaron un bo espazo; ¡pois se daquela este asunto tiña importancia, non che digo nada agora! A maiores, outra picardía dos fariseos, sempre atentos as suxestións do diabro para pillar nun renuncio ao Fillo de Deus, pero, coma sempre, perderon o seu tempo; ¡ir contra Deus é o suicidio dos maliciosos! "Entón os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillalo nalgún dito (para eles, delito). E mandáronlle algúns dos seus discípulos (¡dos deles!) e dos partidarios de Herodes, que lle preguntaron: -Mestre, sabemos que es sincero, (o Mestre, si, pero eles, non), que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos porque non te deixas levar polos respectos humanos. Dinos, logo, ¿que che parece: está permitido pagarlle o tributo ó César, ou non?. Xesús, decatándose da malicia, contestoulles: -¿Por que me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo. Eles presentáronlle un denario. El preguntoulles: -¿De quen é esta imaxe, e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle: Do César. Entón replicoulles: Pois logo dádelle ó César o que é do César, e a Deus o que é de Deus. Ó oíren isto ficaron pasmados e, deixándoo, marcharon". ¡Marcharon ben amolados, e por suposto que se foron discorrendo a próxima trapela, a enésima, que ía ser tráxica, xa que as outras lles fallaran!
"Dar al César lo que es del César; a Dios, lo que es de Dios". Por lo tanto,  no hay que dar al César lo que es de Dios. Al César, en consecuencia, no es lícito dar, sacrificar, la vida de las personas. Según la enseñanza reiterada de Jesús, los pobres son de Dios, los pequeños son sus predilectos: a ellos les pertenece el reino de Dios. Entonces "nadie ha de abusar de ellos. No se ha de sacrificar la vida, la dignidad o la felicidad de las personas a ningún poder. Y, sin duda, ningún poder sacrifica hoy más vidas y causa más sufrimiento, hambre y destrucción que esa dictadura de una economía sin rostro y sin un objetivo verdaderamente humano que, según el papa Francisco, han logrado imponer los poderosos de la Tierra. No podemos permanecer pasivos e indiferentes acallando la voz de nuestra conciencia en la práctica religiosa" (Antonio José Pagola).
Acerca da resurrección. (Mt 22, 23-33; Mc 12, 18-27; Lc 20, 27-40). "... Andades descamiñados porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus. Cando resuciten, non casarán nin eles nin elas, porque serán coma anxos do Ceo. E volvendo á resurrección dos mortos, ¿non tedes lido o que vos deixou dito Deus: "Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac, o Deus de Xacob"? Ben, pois El non é Deus de mortos, senón de vivos. E a xente, ó escoitalo, estaba marabillada da súa doutrina".
Señor, xa sei, xa se me explicou, que na segunda vida non haberá casamentos, que Arriba seremos anxos, ou coma anxos, pero eu, a título privado, quero pedirche: ¡Que Aí, nas Alturas, me teñas cerca desta que foi, que é, a miña compañeira de fatigas, a nai dos meus fillos, esta santiña que me axudou a perfeccionarme, ou, polo menos, a desviarme algo menos. Señor, que cho pido con humildade, e xa que de amor vai a cousa, non poñas limitacións ao meu amor terreal, que me fai, e me fixo, moi feliz! ¿Que tiven outras noivas? ¡Si, Señor, certo; pero foron un ensaio, pois, como dicía meu avó: "Casamento e mortalla, do Ceo baixan"; a que baixou, a que me mandaches, a miña Estrela, foi Xosefina!
O principal mandamento. (Mt 22, 34-40; Mc 12, 28-34; Lc 10, 25-28). "Os fariseos, ó decatarse de que Xesús lles tapara a boca ós saduceos, reuníronse; e un deles, que era xurista, preguntoulle para poñelo a proba: -Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei? El respondeulle: -"Amarás ó Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento". Este é o mandamento primeiro e máis grande. O segundo é semellante a el: "Amarás ó teu próximo como a ti mesmo". Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mailos profetas".
Non o di expresamente o Evanxeo de Mateo, pero aquel fariseo debeu quedar chafado: ¿Igual que a si mesmo, pero, de verdade, e non con aparencias, como facían eles, os fariseos? ¿Así que a sinceridade predominaba, era unha virtude, un mandato secuencial, consecuente co primeiro? ¡Aquel Mestre era perigoso, un antisistema; non tiña pelos na lingua! ¡Outro inimigo para as comenencias daqueles mangantes! ¡Hai que soltar a Barrabás, permutalo polo Mestre!
¿Amar ao Señor? ¡Pois mira ti por onde isto vén a ser o contrario daquilo que lle aconsellou Satán á nosa Eva, que lle preguntou se quería ser igual que Deus, e ela, tan vaidosa, tan egoísta, díxolle que si, que lle gustaría ser deusa, o que hoxe chamaríamos, unha Miss, pero non só en beleza, que xa o era, senón, e tamén, con mando no Ceo, pois na terra xa o tiña! ¡Ese Satanás é un zorro, un pícaro de coidado; ao menor descoido, ¡zas!, róubanos a Gloria; claro, como el a perdeu, tíñanos, e tennos, envexa!
Cando eu estudaba Dereito, que non acabei porque, ao xubilarme no Banco, ampliei o meu descanso, ¡que xa ía ben, desde gardar ovellas, facer zocas, defender o Banco desde aquela azotea de Ifni, estudiar ata os 60 anos, etc.!, dicíannos na UNED que o principal delito era o de lesa patria. (En sentido xurídico, implica o quebrantamento da lealdade debida polos cidadáns á nación á que pertencen). ¡Pois aínda o hai peor: sublevarse contra Deus!
Denuncia dos letrados e fariseos. Se Xesús volvese a poñer os pés na terra, no senso físico, quero dicir, con quen se metería, a quen apuntaría no seu libro dos indesexables? ¡Boa pregunta; como para contestala desde un púlpito! (Mt 23, 1-36; Mc 12, 38-40; Lc 11, 37-52; 20, 45-47).
Este capítulo, ¡como todos, por suposto!, é tan longo e tan denso que logo parece un libro de Socioloxía; compre lelo, enteiro, así que eu, para non cansar ao lector, só transcribirei un anaco: "... todo o que fan é para que os vexan: vesten aparatosamente, ancheando as filacterias e as franxas dos seus mantos; (¡galóns, non; estrelas!); buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos... (¿Nas Cortes?) ¡Non! ... nas sinagogas; que lles fagan reverencias nos rueiros, e que os chamen "mestre". Pero vós non vos fagades chamar "señor mestre", (¡eu, non, que tan só o fun daqueles de "a ferrado", ensinantes sen título), pois un só é o voso mestre, (¡Ti, Xesús!), e todos vós sodes irmáns. (¡Se ti o dis..., pero eu, modestia á parte, dos chanchulleiros non quero ser imán!). E a ninguén chamedes "pai" na terra porque un só é o voso Pai: o Celestial. Querido Mestre, que obrigado che estou! (11)Nin tampouco vos fagades chamar "dirixentes", porque un só é o voso dirixente: Cristo. (¡Pola miña parte, ben feliz de que así sexa!). O máis importante entre vós debe se-lo voso servidor. Porque quen se enaltece será rebaixado, e quen se rebaixa será enaltecido. (¡Señor, tomo nota, pero nisto coido aprobar pois, aínda que tiven algún galón, o que realmente son, e sempre fun, foi, soldado; indigno, pero, teu!). ¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades ós homes o Reino do Ceo! Nin entrades vós nin deixades entrar ós que o intentan. ¡Ai de vós..." (No que sigue cita unhas cantas víboras..., sucesores, herdeiros daquela que nos tentou no Paraíso; pero eu non son, non quero ser, desa familia!).
Señor, que non me cansarei de repetilo: canto lle temos que agradecer ao Vaticano II por invitarnos aos segrares a ler a Biblia; có medo que se lle tiña desde aquelas interpretacións luteranas; se eu fose Ministro de Cultura, ou de Educación Pública, non faría Bachareis sen pasar pola Biblia!
...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES