Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lula e Bush: Dous Mundos

viernes, 20 de junio de 2003
Distintos. Máis ben, antagónicos. En evidente contradicción. Mesmo enfrontados. Con desigualdade de forza, poder e influencia. Impulsados e mobilizados por filosofías e actitudes distintas. Coa ollada posta en obxectivos diferentes. Mesmo irreconciliables. Uns van de poderosos, prepotentes e gañadores... e os outros de sinxelos, pequenos e perdedores. Incluso, ninguneados. A maioría non conta para os grandes-poderosos. Deixáronos sen voz.. Só lles queda a dignidade e a pobreza. E a esperanza. ¡Abonda!.

A concesión do premio "Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional 2003" ó presidente do Brasil, Luiz Inacio "Lula da Silva" é unha excelente e boa noticia para o mundo. Unha das mellores dos últimos tempos. Un oasis de esperanza para un mundo cheo de mentiras, falsidades, prepotencias, hipocrisías, violencias, guerras e mortes. E de fame, de medos e inxustizas. Este acontecemento dinos que ¡non todo está perdido!. Aínda queda sensibilidade. E esperanza dabondo para facer alborear un mundo mellor, novo e posible, tan desexado e esperado polos pobres e as persoas de boafe. Esta boa nova vén a ser coma un sopro de ánimo e alento no medio de tanta ruindade e porquería que envolve a Humanidade ó comezo deste recén estreado terceiro milenio.

Vexan o resumo dos seus méritos. Do por qué do seu recoñecemento por parte do xurado, que amosa a súa sensibilidade ante a realidade do mundo. Velaí a constatación dos feitos:" A unha traxectoria política e persoal en defensa dos traballadores e da loita contra a pobreza, a desigualdade e a corrupción que tanto ten feito sofrer ós desherdados do seu pais (o Brasil) e do mundo enteiro". Tamén, "pola vontade do presidente brasileño de tender pontes de cooperación entre os países do Cono Sur co resto de América e Europa, con propostas coma a da creación dun Foro Internacional de loita contra a fame". Para os membros do xurado, Lula da Silva "é titular dun admirable pasado de loita pola xustiza e un impulsor de unhas actitudes políticas cheas de bo senso e símbolo dunha gran esperanza". Dínolo axeitadamente un subtítulo dun diario galego: "A loita dun político contra a corrupción e a pobreza" como clave do premio. Coido que abonda co dito. Este extraordinario feito ven a se-la mellor mediciña contra tantos senvergoñas, corruptos, mentirosos e tramposos deste tempo.

As reaccións entre os pobres, a xente sinxela e os países que sofren opresións...foron positivas e esperanzadoras.¡Un aplauso unánime!.Unha esperanza e un camiño seguro e claro para acabar coa fame e a miseria do mundo. Romano Prodi, o presidente da Comisión Europea destacou os "seus esforzos para uni-la ética e a política", con certa parsimonia rutinaria-oficial-ritualista. Certamente, só palabras. (Imposible unión; non casan). O terriblemente escandaloso é o elocuente e significativo silencio (miran para outro lado) da maioría dos actuais gobernantes do mundo. Nin siquera o disimulan. Sobreabonda a desfachatez, o orgullo e a prepotencia ante a visión real e solidaria de entende-lo mundo e os feitos que acompañan a vida de Lula. Buhs e os seus satélites están xa cegos e imposibilitados para comprender esta filosofía da vida. A visión e actitudes de Lula déixaos en pelotas ó se atoparen desenmascarados ante a evidencia da xustiza e a verdade. Comparen a visión e os feitos de Bush (e os dos seus amigos e aliados, que non só Blair, Aznar e Berlusconi, son "lexión", como dí o Evanxeo)...e os de Lula. Os feitos... e as intencións. A filosofía dos poderosos e a dos débiles.


Ó fío da boa noticia, sen outras matizacións (¡tempo haberá para profundar no tema!), propoño facérmonos algunhas preguntas para preparar unha reflexión más repousada. Imos á busca dos contrastes, de máis alternativas posibles para este noso benquerido e maltratado mundo. No fondo, á procura das intencións e aspiracións e solucións que lle queren marcar ó mundo os seus gobernantes. ¿A onde nos levan (¡ou nos queren levar!) uns e outros?. ¿ Cantos deles pensan en nós como persoas, como seres humanos e como irmáns?. ¿Quen son os que nos queren e respectan?. ¿Quen son os que nos maltratan?. ¿Quen son os verdadeiros servidores do pobo?. ¿Cal é o bo camiño, o da capacidade para desembarcar na fraternidade universal?. ¿Quen nos está axudar a recoñece-la nosa dignidade de persoas e a acadala?. ¿Onde está a tan cacarexada xustiza e a igualdade?. ¿Pode ser xusto-habitable un mundo no que un país se permita se-lo amo das persoas e das facendas impondo ós demáis o que el non fai?. Lembren o que está a face-lo ínclito imperator americano, (ante o abobado beneplácito dos seus), de se reserva-lo dereito de xulgar, (¡eles sós!), ós centos de presos de Guantánamo (desamparados e expoliados dos seus dereitos), de non permitir que os seus soldados sexan xulgados fóra, de impedir a outros países fabricar armas (¡eles teñen bula!) e un feixe máis de barbaridades e felonías cometidas por eles á plena luz do día e ante o silencio e a pasividade dos outros paises compinchados e sometidos ó seu beneplácito. Este camiño non leva a ningures.

En persoas coma Lula está a esperanza do mundo. Por sorte, abondan na sociedade, aínda que non fagan barullo e non teñan poder. Nas relixións e nas igrexas, nos grandes e pequenos colectivos humanos, nas ONGs, no pobo sinxelo e pobre das fabelas e dos suburbios das grandes cidades, no mundo rural abandoado, nos pobos sufrintes de Asia, Africa, Hispanoamérica e do Leste europeo, na moitedume de inmigrantes que petan, cada día, nas portas da rica Europa...¡Aí está a nosa esperanza!. Fan falla gobernantes como Lula. Son a esperanza-vida do mundo.

Para rematar, quedámonos coa profunda frase de Lula na festa de Sâo Paulo do día 28 do octubro do 2002: "A esperanza derrotou ó medo". Ese debe se-lo noso obxectivo cara ó futuro. Esperar...con esperanza activa. ¡Dando a cara polos pobres!. ¡Coma Lula!.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES