Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Abril é un país

Sampedro, Pilar - jueves, 13 de junio de 2024
Abril é un país (I)

Hai títulos que se abren coma unha flor en significados ou máis ben levan consigo un sentido que nos envolve. Algún deles está relacionado coa palabra abril. En Colombia había unha revista que se chamaba Poesía en abril: cubertas de papel forte como de estraza e cosido de cordel para unha publicación ben selecta. Agora, cando busco na rede, o que atopo é un festival de poesía en español en Chicago. Alguén a levou ata alí co seu nome na mochila. Pregúntome: Que ten que ver abril con poesía? O día mundial Abril é un paísno que a conmemoramos é o 21 de marzo, pero abril vai unido a ela por lazos invisibles.
Hai uns meses apareceu o libro Abril é un país. Cando dicimos o título énchesenos a boca de Portugal porque sen mirar a imaxe da cuberta sabemos que só se pode referir a el, ao país que un día nos fixo felices cunha revolución produto dun golpe militar, levado a cabo por cadros intermedios que taparon as bocas dos fusís con caraveis. Pode haber algo máis pacífico? Pode haber algo máis digno que un golpe de estado militar convertido en revolución polo pobo que sae á rúa para que o contragolpe sexa imposible, para que o mundo avance por fin e o eixe da Terra xire con toda liberdade? Dicir 25 de abril é dicir esperanza, flores nas armas, héroes case anónimos que se paran diante dos tanques para negociar e soldados que se negan a disparar contra os compañeiros e viciños. A ditadura máis lonxeva de Europa Occidental que dirixen Salazar e Caetano, vai caer pola valentía duns capitáns que case non pasan aos anais da Historia con maiúscula e terán que ver o contragolpe de novembro de 1975 porque eles eran intrépidos pero non tiñan intuición política, porque cren que os bos militares adoitan dar malos políticos e que a democracia non é compatíbel coa inxerencia do exército. Pero… eses serían outros tempo
O 25 de abril de 1974 Europa chorou de emoción vendo que a cidadanía se liberaba da ditadura á que as forzas aliadas na II Guerra Mundial deixaran abandonada á súa sorte, tal como pasou con España, nas mans do fascismo. Cincuenta anos máis tarde cóntanolo Teresa Fontenla, a que é correspondente de El País en Lisboa, unha muller reflexiva capaz de facer un xornalismo que non se detén na superficie das novas indo ao profundo para descubrir o que estaba agachado e facernos pensar. Dos temas sociais aos culturais, percorre camiños que a sitúan en Babelia pero tamén coordinando o blog Historia[S] na web de El País, sobre a Historia, libros, arquivos e bibliotecas. Conta con varios premios que falan do seu bo facer contra a discriminación de xénero (Premio Meridiana do Instituto Andaluz de la Mujer), Premio José de Juan de periodismo polo artigo “La biblioteca que resiste”, Premio Unicaja por “Leer era cosa de hombres” (no que pon en valor á investigadora Antonia Gutiérrez que en 1837 se rebela contra a prohibición da Biblioteca Nacional de aceptar a investigadoras e lectoras) e o Premio Nacional de Periodismo Francisco Valdés polo artigo “Intimidades de Arturo Barea” no que revela cartas inéditas do autor de La forja de un rebelde á súa filla.
Este, Abril é un país, é o seu segundo libro. Anteriormente, publicou Cuaderno de urgencias, un libro autobiográfico escrito tras o falecemento da súa parella, o tamén xornalista Álex Bolaños, ao que tamén lle escribiu o obituario "Muere Alejandro Bolaños Correa, el hombre que nos hizo mejores": un texto inesquecible.
Cando recibiu o premio por "Leer era cosa de hombres" alguén dixo algo que vai servir para definir a súa obra: "O estilo literario do texto equilibra moi ben os lóstregos poéticos e mantén a austeridade que require o valor documental no que inclúe declaracións que enriquecen a obra." Si, no libro atopamos esa emoción sobre a investigación documental e as entrevistas a protagonistas daquela xornada e deses tempos. Esa mirada que entra no que estaba fóra de foco, esa escoita activa dos que estaban calados, ese profundar e esa conmoción que nos humaniza.

Abril é un país (II)

Ás veces apañar as frases doutros é explicar a Historia. Dicía o capitán Maia (aquel que como en Oriente se parou diante dunha tanqueta) que alguén lle pon palabras ao que sentes e pode explicar o tempo ou que todos os santos vivos imbran (cheiran) como repetía Felipe González cando tiña algo que ver co home que ganou nas urnas por primeira vez. O mesmo Maia, na altura dos seus corenta e oito anos) cando se dirixe aos seus subordinados, no discurso no que os convence para saír ás rúas na Operación Fin de Réxime afirma "Hai momentos que nos transcenden", non se podía explicar mellor a misión que correspondía a aquel tempo.
Así nos vai contando Teresa Constela o que pasou antes, no golpe e despois. Eses nove meses para xestar un golpe de estado (democratizar, descolonizar e desenvolver) nas mans de cadros intermedios que non queren o poder senón entregarllo á vontade do pobo; un tempo no que o exército pasa de opresor a liberador no que os soldados actúan como hippies da paz e do amor dando un golpe militar contra unha ditadura sostida por outros militares, facilitan a chegada da democracia e regresan deseguida aos seus cuarteles. Que máis se lles pode pedir a estes santos laicos? Todo nace nas colonias e é aí onde o golpe, que foi pacífico na metrópoli, se fai violento. O relato está cheo de herois anónimos, de episodios de realismo máxico, de surrealismo puro como ter un ditador en coma ao que cando esperta ninguén lle conta que xa é outro quen manda e para o que se escribe un exemplar de xornal único no que le ás nova de mentira nas que el participa ou aquel outro episodio da fuxida dos comunistas dirixidos por Domingos Abrantes do cárcere no coche do ditador. Teresa cóntanos o que non se tiña contado da revolución que trouxo consigo unha canción (esa Grándola vila morena que soou por primeira vez en Compostela anos antes, cando Jose Afonso atopou o ambiente propicio a un himno transformador) e unha imaxe (ese fusil con caravel) e se transformou nun mito.
Cando analizamos a Historia deténdonos nos protagonistas, descubrimos que eran uns poucos os que botan a andar a gran masa que Bertolucci simbolizou naquel Novecento. Na páxina 41 recóllense as palabras de Lidia Jorge sobre a revolución ("Unha revolución faise por unha utopía e un desexo de cambio. É un intre altamente poético, quen participa nela ten idea de que está a participar en algo que transcende. A democracia é o oposto ao movemento épico; consiste en lidar coa banalidade do cotián, que é o oposto á transcendencia que se vive nunha revolución") completando a cita do principio do libro ("Toda revolución é unha ledicia que presaxia unha gran pena"); ao lado desta muller que mira a realidade aos ollos, estaba o seu home, Carlos Albino, o xornalista que fai posible que na emisora soe o Grándola que pon en marcha a revolución. Personaxes como Otelo Saraiva de Carvalho, o que quixera ser actor e lle tocou escenificar o golpe sobre o papel, tal como nun escenario. Personaxes como Herminio da Palma Inácio (entre o Che e o axente 007) secuestrando un avión para botar panfletos ou Galvao secuestrando o barco que bautizan Santa Liberdade (pódense poñer nomes máis poéticos?)
Recóllense no libro verdades como que hai un dereito a saber, o mesmo que hai un dereito a esquecer e ambos pertencen ás vítimas e son a miúdo secuestrados polo poder. Ou outras como que o pobo é o coro grego que ten os seus momentos na obra ou que antes de que se lexislen a liberdades estas son conquistadas na rúa polos portugueses...
Vemos o que non quixeramos ver: ningún dos oficiais que dinamitaron o réxime figurará na Xunta de Salvación Nacional (o órgano que debe dirixir a transición cara á democracia). Vasco Lourenço conta un conto naif para explicar esta actitude inocente: a historia dun exército que conquista o poder na cidade, e ao non saber que facer con el devólvello ao rei. Aí está a forza e a debilidade: cumprir a misión e volver ás rutinas do pasado.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES