Ofrenda do Alcalde-Presidente do Excelentísimo Concello de Mondoñedo ao Santísimo Sacramento
Otero Legide, Manuel Ángel - jueves, 13 de junio de 2024
Lugo, 9 de xuño de 2024.
Santísimo Señor Sacramentado,
Preséntome hoxe ante Vós, como delegado Rexio do Antigo Reino de Galicia, en representación das sete cidades do Reino e como alcalde dunha delas, Mondoñedo.
Lugo establécese como a "cidade do Sacramento", por alusións textuais de cronistas da cidade, asociada a un complexo relixioso, cerimonial e simbólico como é o Voso Culto, o culto eucarístico do Sacramento.
A Vosa Ofrenda formalizouse na Coruña en 1669, impoñéndose 12 requisitos para a concesión do donativo. Na 7ª, describíase a realización dunha cerimonia que fixese visible ese donativo aos ollos do pobo, base actual da cerimonia que vimos hoxe a realizar como todos os anos na Catedral de Lugo o domingo posterior ao Corpus Christi.
Rogámosvos, Soberano Santísimo, que manteñas presente en nós a importancia da memoria colectiva e a cohesión social, tantas veces posta en dúbida por intereses particulares. Como xa sinalara por mor dos conflitos bélicos e sociais existentes, que o diálogo sexa o motor deste camiño, e a paz o obxectivo a conseguir.
Fronte á exclusión, a empatía. Fronte a individualidade, apoio e entendemento comunitario. Manter a memoria hereditaria desta solemne cerimonia contribúe a expresar fenómenos de permanencia e cambio socio-cultural ao mesmo tempo. Contribúe tamén, a manter a complexidade convivencial e patrimonial da sociedade galega.
Orgullosos e orgullosas do noso acervo, non debemos esquecer que o patrimonio desempeña un papel importante na comprensión dos pobos. E en particular o patrimonio inmaterial, como legado que se mantén «vivo» grazas á acción das comunidades.
Este patrimonio inmaterial serve de referente educativo para unha cidadanía crítica, na que o importante é respectar o herdado, permitindo ao mesmo tempo a diversidade existente.
O pensamento social, a vida en comunidade, é esencial para construír unha interpretación que evite a manipulación da Historia, da cultura, dos valores e das normas de convivencia. É imprescindible para unha mellor comprensión do pasado, unha axeitada lectura da realidade existente e unha intervención orientada a atopar mellores alternativas para o futuro.
Pregámosche, Soberano Santísimo, que ilumines o camiño dos veciños e veciñas das 7 capitais do Reino, e permitas que o patrimonio inmaterial sexa base da educación para unha cidadanía como a galega, que ten moitas cousas que destacar. Unha cidadanía honrada e xenerosa, traballadora e enérxica.
Rogámosche que as xeracións actuais manteñan as virtudes galegas herdadas e que son guía para a determinación do que é considerado correcto.
A permanencia e o cambio. Parella indiscutible de desenvolvemento en Galicia. Somos unha das comunidades con máis persoas centenarias do mundo. Somos centenarios en persoas e milenarios en patrimonio. E ao mesmo tempo, somos unha sociedade cunha proxección científica en constante avance, que participa do estudo desa lonxevidade excepcional que podería contar, se así se determina finalmente, cos mellores estándares de calidade de vida das persoas maiores galegas.
Galicia, e xa anteriormente o Reino de Galicia que hoxe se presenta ante Ti nesta Ofrenda, destaca por ser unha terra de oportunidade para compartir co mundo os segredos que nos converten nun lugar axeitado para nacer, crecer e facerse maior.
Deste xeito, desde a nosa comunidade promóvese a investigación para observar se un mesmo estilo de vida, o galego neste caso, e o entorno natural inflúen nunha lonxevidade excepcional. Máis alá dunha España baleirada, en Galicia apostase por mellorar cada día a calidade de vida das persoas que a compoñen, independentemente do seu lugar de residencia.
Galicia impulsa pois, proxectos como o recoñecemento da comunidade como Zona Azul, zona de alto valor para con a lonxevidade. Pero tamén, a investigación, unida aos procesos innovadores, como a cada vez máis coñecida intelixencia artificial. A nosa comunidade estase a converter en referente da tecnoloxía disruptiva sendo recoñecida como sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial e pioneira en propoñer unha regulación referida á intelixencia artificial, tendo en conta o marco europeo.
Rogámosche, señor Sacramentado, que veles pola aplicación mesurado destas tecnoloxías e o seu emprego a favor do ben común.
Chegado desde Mondoñedo, pídovos renovar a Ofrenda que o Pobo Galego mantén con Vós, vixente aínda, grazas ás raíces fortes e asentadas dunha sociedade como a galega.
Incorporo na miña Ofrenda aos galegos e galegas, tanto a aqueles que naceron nesta terra como os que habitan nela, así como aqueles que, a pesar des estar lonxe, seguen formando parte dela.
Pedímosche hoxe que acompañes no seu sufrimento aos veciños e veciñas que así o precisen, que permitas que as persoas dirixentes atopen o camiño para conseguir que Galicia siga sendo exemplo de concordia, dun futuro social xusto, igualitario e que non deixe a ninguén en risco de exclusión.
Rogámosche, señor Sacramentado, que protexas e ilumines a todos e todas os responsables de garantir as liberdades e a convivencia pacífica entre os pobos de España.
Pedímosche, Soberano Santísimo, que continúes velando por nós, polas autoridades das capitais que formaron o Reino: Santiago, A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui. Para axudarnos a cooperar en beneficio das persoas; ampara aos nosos conveciños para atopar solucións ás problemáticas existentes.
Protexe tamén aos participantes das institucións e axentes sociais aquí representadas. Guía sempre as nosas decisións.
Así sexa.
Manuel Ángel Otero Legide
Alcalde-Presidente de Mondoñedo

Otero Legide, Manuel Ángel