Manía absurda e esperpéntica
As manías son defectos que asumimos con convicción. Eu teño a manía de baixar as mangas da camisa cando, na realidade, uso camisetas ou camisas de manga curta. Hai cidadáns que teñen a manía de rezar o rosario fronte á parroquia do Inmaculado Corazón de María, na rúa Ferraz de Madrid, ou sexa, á beira da sede do PSOE. E digo eu, se o fútbol se xoga nun campo de fútbol e se o cine se ve nunha sala grande e ás escuras, por que o rosario non o rezan na propia igrexa esa? Non, ten que ser fóra... para manifestarse contra o PSOE (que nin me vai nin me vén), nunha manía absurda e esperpéntica. Como absurda e esperpéntica é a

autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid a eses "rezos relixiosos e católicos".
Pensei que esas modas, esas manías de rezar os rosarios como símbolo de protesta xa quedaran ancoradas en 1988 cando se estreara, precisamente nas salas cinematográficas (e non na carreira), a película "A derradeira tentación de Cristo", de Martin Scorsese. Vese que os rosarios son unha simulación da estupidez humana.
Rosario: oración ou rezo longo que consta de quince partes iguais, que se inician cun misterio e seguen con dez avemarías, un nosopai e unha oración en loanza a Deus, e remata cunha ladaíña. Enténdese que, cristiamente, deberá celebrarse nos recintos relixiosos ou, como moito, na intimidade dun fogar. E non na rúa coma ovellas lanzando berros ou balidos de perdón.
As manías son defectos que cometemos os parvos de espírito e que, xeralmente, usamos para chamar a atención. Así de simple. Así de sinxelo. Dez avemarías pola estupidez humana e un nosopai pola actitude dos cretinos.