Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ensino primario no Concello de O Saviñao no século XX.*

Gómez, Pedro - jueves, 13 de junio de 2024
Estatística escolar de 1908. Escolas que debía ter o Concello de O Saviñao segundo a Lei de 1857.
A Estadística escolar de España de 1908 expresa que o Concello de O Saviñao a estas alturas do século debía ter once escolas elementais completas de nenos e once de nenas, en total vinte e dúas, distribuídas as vinte e nove parroquias en once distritos, dúas nas cabeceiras das parroquias de Freán e Vilacaíz, máis Millarada na de Diomondi, San Vicente na de Eirexafeita, San Mamede na de Fión, Aiaz na de Ousende, Vilachá na de Piñeiró con escola no lugar de Piñeiró, Pereira na de San Vitoiro de Ribas de Miño, Morgade na de Seteventos, Escairón na de Vilasante (en 1900 a capitalidade pasou de Piñeiró a Escairón) e Santa Cruz na de Vilelos. Non obstante, só tiña dúas escolas elementais completas no distrito de Vilachá (no lugar de Piñeiró), unha de nenos e unha de nenas, a de nenos tiña clase de adultos, máis dúas mixtas nos distritos de Aiaz e Escairón.
En resumo, debemos subliñar que o número e o tipo de escolas que recolleu a Estatística de 1908 é igual ao que citamos a finais do século XIX: catro en O Saviñao, dúas elementais completas en Piñeiró e dúas mixtas.
Se facemos a media dos soldos anuais dos mestres en relación coas escolas, sen a gratificación por adultos e outras retribucións, os de O Saviñao percibían 562,5 ptas., o que significa que ninguén alcanzaba as 600 ptas.

As escolas no Concello de O Saviñao de 1900 a 1936.
En 1910 o Concello tiña 11.138 habitantes de feito (12.007 de dereito). En 1919 contaba con cinco escolas nacionais: as de nenos e nenas da capitalidade e as mixtas de Millarada de Diomondi, San Mamede de Fión e San Vicente de Eirexafeita, en total 250 alumnos/as. Había unha sociedade, A Tertulia e notaría de 3ª clase. Este Concello cun orzamento de 26.618,49 ptas. en 1919, destinaba a instrución pública 390 ptas. E había feira mensual na capitalidade, Escairón, e máis en Currelos.
En 1903 o Boletín Oficial da provincia mencionaba a escola incompleta mixta de Ousende; en 1908, a mixta de Escairón e a completa de nenas de Escairón; en 1909, a completa de nenos de Escairón; e en 1919 e 1920, as mixtas de San Vicente, Millarada, San Mamede, Vilaesteva e Aiaz de Ousende.
Entre 1924 e 1936 no Boletín constaban as escolas de nenos e nenas de Escairón e nenos e nenas de Piñeiró, unitarias de Ousende e de Morgade e as seguintes mixtas: Vilacaíz de Chave, Santa Cruz de Vilelos, San Vicente, Gonzán de Louredo, San Mamede, A Paxara de Licín, Millarada, Vilaesteva, Freán, Rebordaos, Sobreda, Reiriz e Belesar de Diomondi. Ademais, debemos destacar que en 1926 a Corporación municipal, co auxilio do Estado, acordou construír en Escairón un edificio para as escolas unitarias de Escairón e en 1927 pediu a construción de escolas con casa habitación nas parroquias de Abuíme, Licín, Mourelos, Chave, Marrube, Reiriz, Sobreda, Vilacaíz, San Vitoiro de Ribas de Miño, Rebordaos, Freán, Vilatán, Rosende e Seteventos, co compromiso de facilitar solares e o 10% do seu custo.
En 1934, o periódico monfortino, El Combate, facía referencia á escola de nenas de Escairón, á de Xuvencos e máis á de Segán, así como ás de Morgade de Seteventos, Louredo, Diomondi e Rebordaos.
Así mesmo, na relación dos locais para colexios electorais aparecen as casas das escolas públicas, o que nos permite seguir a evolución das escolas no Concello. Así, en 1909, recollía a completa de nenos de San Sadurniño de Piñeiró e a mixta de Escairón e en 1911 ademais a de nenos de Ousende. En 1931 as de nenos de Escairón e de Piñeiró e as mixtas de Millarada de Diomondi, San Vicente de Eirexafeita, Piñeiro de Segán, Morgade de Seteventos, Vilaesteva e Santa Cruz de Vilelos e en 1933, 1934 e 1935 engadía a de nenas de San Vitoiro de Ribas de Miño e a de nenos de Segán e as mixtas de A Broza, Chave, Fión, Freán, Louredo, Marrube, Mourelos e Rebordaos.
En resumo, o Concello de O Saviñao comezou o século con catro escolas, dúas completas de nenos e nenas no Piñeiró e as mixtas de Escairón e Ousende, en 1919 tiña cinco segundo Amor Meilán, pero estimamos que ao menos eran sete, as dúas de Escairón, as dúas de Piñeiró e as mixtas de Millarada de Diomondi, San Mamede de Fión e San Vicente de Eirexafeita, e ao final deste período pasou a vinte e oito, que se concretaron do seguinte xeito: nenos e nenas en Escairón de Vilasante, nenos e nenas en Piñeiró, nenas en Belesar de Diomondi, unitarias en Morgade de Seteventos e Ousende e mixtas de Abuíme, A Broza, Chave, Millarada de Diomondi, San Vicente de Eirexafeita, San Mamede de Fión, Freán, A Paxara de Licín, Gonzán de Louredo, Marrube, Mourelos, Rebordaos, Reiriz, Rosende, San Vitoiro de Ribas de Miño, Segán, Sobreda, Vilaesteva, Vilatán, Santa Cruz de Vilelos e Xuvencos, co que todas as parroquias, agás A Cova, A Laxe, Santo Estevo de Ribas de Miño e Vilacaíz, tiñan escola. O ensino primario no Concello de O Saviñao no século XX.*

As escolas no Concello de O Saviñao no franquismo.
Ata 1940 no Concello de O Saviñao debemos sinalar que non encontramos ningunha modificación en relación coas vinte e oito escolas que citamos no apartado anterior. Unha estatística do Consello Local de 1937 valida estes datos. En relación cos edificios das escolas, debemos expresar que este Concello tivo locais oficiais en doce parroquias: Agrupación escolar de Escairón con 6 unidades, escolas de nenos e nenas de Millarada de Diomondi e Vilaesteva e as mixtas de Abuíme, A Broza e Rebordondiego de A Broza, Chave, Cazón e San Vicente de Eirexafeita, Rendal de Fión, Aiaz de Ousende, Vilamor de Piñeiró, Morgade de Seteventos, Currelos de Vilaesteva e San Martín de Vilelos, a maioría feitas polos veciños; as non citadas eran de aluguer.
Neste período creáronse catorce escolas: en 1949 desdobráronse as escolas mixtas de A Paxara de Licín, Marrube, Millarada, Vilaesteva e Mourelos, pero esta última en 1965 constaba de novo como mixta, e comezaron tamén en 1949 as mixtas de A Cova e Vilacaíz núm. 2; en 1950 inicio da mixta de Rebordondiego de A Broza, máis a mixta de Santalla de Licín, esta como escola parroquial; en 1951 a escola de nenos de Belesar; en 1952 as mixtas de Cazón de Eirexafeita e Currelos; en 1956 a mixta de Ousende desdobrouse en nenos e nenas; en 1959 a escola mixta de Vilamor de Piñeiró; e en 1963 a de Santa Cruz de Vilelos desdobrouse en nenos e nenas. En 1972, antes da concentración escolar de Escairón, que contaba nesa data cunha graduada de seis unidades, sen ter en conta estas, había trinta e nove escolas, dada a supresión de tres, en 1967 a mixta de Santalla de Licín, en 1969 a de nenos de A Paxara de Licín (a de nenas pasou a mixta) e igual en Vilaesteva; nese momento pecharon sete, dado que a de nenas de Piñeiró pasou a mixta, e integráronse as da Agrupación. Logo, antes da ampliación de 1978, suprimíronse cinco: en 1973 a mixta de San Vicente de Eirexafeita, en 1974 a mixta de Freán, en 1976 a de nenos de Millarada (a de nenas converteuse en mixta), ao igual que Belesar, así como a de nenas de Sta. Cruz de Vilelos, mentres a de nenos transformouse en mixta, co que restaban vinte e cinco. Na ampliación de 1978 integráronse catorce escolas en Escairón, co que continuaban once escolas. A continuación, antes da concentración de Currelos en 1985, suprimíronse tres: en 1981 a mixta de Rebordondiego de A Broza e en 1984 as mixtas de Chave e Aiaz de Ousende; na concentración escolar de Currelos integráronse sete escolas, co que subsistiu só unha, a mixta de A Pena de A Cova, que se suprimiu en 1989. Só dúas parroquias, Laxe e Santo Estevo de Ribas de Miño, non tiveron escola. O ensino primario no Concello de O Saviñao no século XX.*

A escola de Reiriz era nesta época considerada de difícil desempeño, polo illada e mal comunicada que estaba. Por outro lado, unha breve referencia á Agrupación escolar mixta de Escairón, ao pasar no curso 1949-50 de dúas unitarias a graduada, con tres seccións de nenos e tres de nenas.

O ensino público de primaria: as concentracións escolares.
A implantación da EXB, obrigatoria e gratuíta en todo o territorio nacional, fíxose mediante plans rexionais ou comarcais, co obxecto de establecer unha maior igualdade de oportunidades nas zonas rurais e urbanas. A tal fin, decidiuse a constitución de centros de EXB, cunha soa dirección e, ao menos, unha unidade por curso. Este proceso iniciouse conforme ao calendario de aplicación da reforma educativa; por iso, desde 1972-73, co comezo da 2ª etapa de EXB, interesaba a posta en marcha das concentracións escolares.

Colexios Nacionais de O Saviñao.
De Colexio Público Comarcal a Centro Público Integrado de Escairón.

En 1972 a Inspección informou que o extenso Concello de O Saviñao tiña 812 alumnos de EXB matriculados en 37 unidades públicas, unitarias e mixtas diseminadas e con matrículas decrecentes. Estaba aprobada a construción dun edificio para 8 unidades, que xunto coas 8 existentes de nova construción e outras 3 adaptadas, 2 para EXB e 1 para preescolar, permitirían concentrar boa parte da poboación escolar do termo municipal, que tiña boas vías de comunicación, pero en tanto que a construción se realizaba era imprescindible crear un centro con categoría suficiente para implantar a 2ª etapa da EXB, coa concentración do alumnado desa etapa, á par que se suprimían 7 unidades próximas a Escairón, se transformaba en mixta a escola de nenas de Piñeiró e se creaba en Escairón 1 unidade de preescolar. Ao efecto, propuxo a creación do Colexio Comarcal de Escairón con 5 unidades de nenos, 5 de nenas, 1 de preescolar, 1 praza de Educación Física (EF) de nenas e Dirección con curso (DCC). Esta composición conformouse coa integración das 6 existentes, máis a creación de 2 de nenos, 2 de nenas, 1 de preescolar e 1 de EF de nenas. No expediente constaba o alumnado matriculado de EXB, 353; unidades a suprimir, 13; como non había vivendas de mestres, precisáronse 12 indemnizacións; alumnos escolarizados, 59 de 2 a 5 anos, 729 de 6 a 14 anos, 83 en ensinanzas medias, en total 871. Escolas integradas: a Graduada mixta de Escairón. Escolas suprimidas: as de nenos e nenas de Marrube, a de nenos de Piñeiró e as mixtas de Abuíme, A Paxara de Licín, Morgade de Seteventos e Vilatán. A escola de nenas de Piñeiró transformouse en mixta. O Delegado elevou o expediente de creación ao Director Xeral de Programación e Inversións; pero, a Inspección, ao inicio do curso, elevou un oficio ao Delegado para deixar en suspenso a posta en funcionamento do Colexio, en función das dificultades coa ampliación das aulas de nova construción, cuxo estado non permitía ocupalas.
En 1973 constituíuse o Colexio Comarcal de Escairón, con 10 unidades e DCC, en función da creación de 4 unidades e a integración das 6 da Graduada, unha vez que o Delegado dispuxo que se integraran no Colexio os mestres das unidades da Graduada, máis os mestres das sete unitarias suprimidas. E aprobouse a construción dun centro de 16 unidades en Escairón, que se reservou o Estado ao non ser adxudicado a particulares.
En 1974 o director do Colexio de Escairón, en atención ao aumento de matrícula e necesidades do Centro, solicitou a creación de 1 mixta de EXB, 1 de EF de mestra e 1 unidade de Educación Especial (EE). Ao efecto, a Inspección, á vista do número de alumnos procedentes de escolas sen concentrar de 2ª etapa, un total de 40, máis a relación de alumnos necesitados dunha unidade de EE, estimou procedente a creación das tres unidades. Polo seu lado, o Xefe da División de Planificación expresou que no Colexio o curso 1973-74 escolarizáranse 268 nenos e existían 10 unidades, relación profesor alumnos 1/27, que no próximo curso se esperaba a afluencia de 45 nenos de 6 anos e había que implantar 8º de EXB, de xeito que se prevía unha matrícula de 385 alumnos, pois a 2ª etapa da zona impartiríase no Colexio, que existían 11 nenos con deficiencias físicas e psíquicas, o que aconsellaba a creación de 1 unidade de EE e en canto á unidade de EF era moi importante dispoñer de persoal especializado. En consecuencia, o Delegado elevou á Subdirección Xeral de Centros a proposta de ampliación do Colexio de Escairón coa creación das 3 unidades, pero creouse 1 mixta de EXB e 1 de EE de nenas.
Tamén, debemos sinalar que en 1976 a Xunta municipal de ensinanza do Concello de O Saviñao acordou darlle ao Colexio o nome de Dr. López Suárez.
En 1978 a Inspección informou que en Escairón funcionaba un Colexio con 11 mixtas de EXB, 1 de nenas de EE e DCC. O Colexio tiña matrícula numerosa, transporte escolar e comedor, en dous edificios separados, debido ao que propuxo a transformación da praza de DCC en Dirección con función docente (DFD). Ademais, expuxo que no Concello de O Saviñao funcionaban un certo número de escolas de mestre único con escasa matrícula e unha rede viaria en boas condicións, capaz de permitir un adecuado transporte escolar, razóns para estender o ámbito de comarcalización do Colexio a todo o municipio. Por iso, estimou que procedía a ampliación do Colexio Comarcal de Escairón, mediante a creación de 6 unidades de EXB e a supresión das seguintes escolas mixtas: Belesar, A Broza, Louredo, Xuvencos, Millarada, Mourelos, Rebordaos, San Mamede de Fión, Santa Cruz de Vilelos, Santa Mariña de Rosende, A Portela e Vilamor de Piñeiró e a de nenos de Aiaz de Ousende.
En relación coa ampliación do Colexio de Escairón, a Delegación considerou que o Concello de O Saviñao tiña suficiente censo escolar para o funcionamento de 6 novas unidades de EXB e que Escairón dispoñía de edificio construído ao efecto, de modo que valorou procedente a ampliación. De seguido, o Ministerio dispuxo ampliar o Colexio, coa creación de 6 mixtas de EXB e a supresión das citadas escolas.
En 1979 a Inspección informou que no curso 1979-80 existía unha gran demanda de postos escolares para preescolar. O número de nenos/as comprendidos entre 4 e 6 anos aconsellaba a creación de 2 unidades de preescolar para as que se dispoñía de locais, o que se traduciu na proposta de creación de 2 unidades de preescolar. Pouco despois, foron creadas.
Nos anos oitenta suprimíronse 3 mixtas de EXB, en 1993 transformouse 1 posto de Ciclo Inicial e Medio (CIM) en 1 posto de Lingua Castelá Inglés, ao ano seguinte 1 posto de Lingua Castelá Francés en 1 posto de Educación Musical e en 1995 suprimiuse 1 posto de CIM. En 1996, co inicio da implantación da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), o Colexio quedou con 2 de infantil e 9 de primaria (liña e media); despois, en 1998, o Colexio transformouse nun Centro Público Integrado; isto é, un centro que tiña, ademais das unidades de infantil e primaria, oito unidades de ESO (dúas liñas), e os postos de traballo correspondentes de mestres de primaria e máis de profesorado de ensino secundario.

Centro de Educación Infantil e Primaria de Currelos.
En 1981 a Corporación municipal de O Saviñao sinalou que, dentro da planificación de creación de centros escolares da provincia, estaba prevista a creación do centro de Currelos, solicitado polo Concello en 1977, en base á gran distancia que debían recorrer os menores para a súa escolarización en Escairón, nalgún caso superior a 25 km en zonas de difícil comunicación. Por iso, a Alcaldía interesaba da Administración educativa a pronta construción do Colexio Comarcal de Currelos. O paso definitivo deuse en 1983, coa aceptación pola Corporación dos terreos que doou un veciño. Posteriormente, construíuse un edificio de tres plantas.
O Colexio Comarcal tivo a súa posta en funcionamento en 1985, unha vez publicada a súa creación por Decreto, coa integración da escola mixta de Currelos e a creación de 4 mixtas de EXB, 1 de preescolar e DCC. Suprimíronse as escolas mixtas de Ribas de Miño, Segán, Sobreda, Reiriz, Vilacaíz núm. 2 e Vilaesteva. Nos anos oitenta creáronse 3 mixtas de EXB, 1 mixta de EE e DFD. En 1991 ampliouse o edificio en 4 unidades. En 1996 o Colexio de Currelos tiña 1 unidade de infantil e 6 de primaria.
En relación coa educación preescolar no medio rural no Concello de O Saviñao, debemos expresar que en 1979 creouse unha unidade escolar de ciclo preparatorio na parroquia de San Martiño de Vilelos, para funcionar nos locais existentes na localidade de Santa Cruz.
Por outra parte, os veciños de A Broza solicitaron unha unidade de preescolar, en lugar da mestra de Preescolar na Casa que cada 15 días se desprazaba alí para impartir ensinanza. A Corporación municipal adheriuse á petición, pero a unidade non se creou.

*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX".
Gómez, Pedro
Gómez, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES