Autores: José Manuel Blanco Prado, Doutor en Historia, e Lois Ladra, Proxecto Corgoral.
Publicado na Revista CORGA Nº10. Revista anual do Centro de Estudos do Corgo. 2023.
III. LOCALIZACIÓN DO SANTUARIO DO SAN BARTOLOMEU (1).
A efectos eclesiásticos a capela do San Bartolomeu está situada na aldea de Abragán (2), parroquia de San Bartolomé de Abragán(3), anexionada actualmente á parroquia de Santa María de Escoureda, arciprestado de Sarria-Samos (4), e diocese de Lugo.

Dende unha óptica civil este recinto sacro está emprazado na aldea de Abragán, parroquia de San Bartolomé de Abragán, concello de O Corgo (5), comarca de Lugo, e provincia de Lugo. O concello de O Corgo posuía 3429 habitantes a comezos do ano 2022, distribuídos nunha superficie de 157,33 km2 na que se encontran 38 parroquias (6).
A comarca de Lugo está situada na parte central da provincia do mesmo nome. Ocupa unha superficie de 1365 km2 e a principios do ano 2022 posuía unha poboación de 117.657 habitantes, distribuida nos seguintes municipios:
- Castroverde (2592)
- O Corgo (3429)
- Friol (3627)
- Guntín (2627)
- Lugo (97211)
- Outeiro de Rei (5296)
- Portomarín (1352)
- Rábade (1503).
A esta capela accédese dende Lugo, que dista uns 7 km. e 700 metros, pola N-VI (Madrid - A Coruña), e pouco antes de chegar ao núcleo central de O Corgo hai que coller unha estrada local (7), situada no flanco esquerdo, que nos leva directamente ao espazo sacro.
NOTAS:
1. Figueroa Paz, Autor.: Experto en Sistemas de Información Xeográfica (Six). Autor dos mapas de localización
2. A 1 de Enero do ano 2022, esta aldea tiña 7 habitantes.
3. Trátase dunha pequena freguesía, que foi suprimida hai anos; está situada no sureste do Concello de O Corgo, e limita co municipio de Láncara. No ano 2019 esta parroquia posuía 51 habitantes distribuidos nunha superficie de 3, 76 km2 onde se encontraban as entidades de poboación de Abragán, Coedo, Lago e Laíño.
4. Dende a reestructuración feita no ano 2010. Denantes tratábase do arciprestado de Farnadeiros.
5. Este concello posue unha superficie de 157,33 km2, e a comezos do ano 2022 tiña unha poboación de 3429 habitantes.
6. Abragán, San Bartolomeu; Adai, Santiago; Anseán, Santa Catarina; Bergazo, San Fiz; Cabreiros, Santa Mariña; Campelo, San Xulián; Camposo, Santiago; Castrillón, San Salvador; Cela, San Xoán; Cerceda, San Pedro; Chamoso, San Cristobo; Escoureda, Santa María; Farnadeiros, San Pedro; Fonteita, Santiago; Franqueán, Santa María; Gomeán, Santiago; Lapío, San Miguel; Laxosa, Santiago; Maceda, San Pedro; Marei, Santa María; O Alto, Santalla; O Corgo, San Xoán; Paradela, San Fiz de; Pedrafita, San Miguel; Queizán, Santa María; Quinte, Santalla; Sabarei, Santa Maria Madanela; San André de Chamoso; San Bartolomeu de Chamoso; San Cosme de Manán; San Martiño de Folgosa; San Pedro de Arxemil; San Xiao de Vilachá; Santa María de Manán; Santa María de Piñeiro; Santo Estevo de Farnadeiros; e Santo Estevo de Folgosa.
7. Posúe o rótulo de Abragán.