Autores: José Manuel Blanco Prado, Doutor en Historia, e Lois Ladra, Proxecto Corgoral.
Publicado na Revista CORGA Nº10. Revista anual do Centro de Estudos do Corgo. 2023.
RESUMO
Achega etnolóxica ás crenzas, devocións e rituais propios da romaría do santuario do San Bartolomé de Abragán (O Corgo, Lugo). O estudo foi elaborado polos autores in loco, seguindo as bases metodolóxicas propias do método etnográfico: observación directa, observación participante, entrevistas semidirixidas... Os traballos de campo decorreron durante as festividades correspondentes aos anos 2022 e 2023.
I. LIMIAR
No municipio corgués hai unha capela no lugar de Abragán na que o día 24 de Agosto segue viva a chama da piedade popular. Esta mostrase viva de cara a un territorio de gracia, que ocupa unha extensión menor á doutros santuarios do municipio (1). No obstante, isto non é motivo para que non se leve a cabo un estudio dun recinto sacro, que aínda segue posuíndo unhas peculiaridades específicas en canto a súa operatividade, reflectida nunha serie de rituais e ofrendas moi ben cumprimentadas polos seus devotos. Pois ben, neste breve estudio que imos levar a cabo sobre este santuario imos facer alusión aos seguintes trazos: En primeiro termo, é mester localizar o santuario por medio das Coordenadas U.T.M. e, tamén, dende unha óptica eclesiástica e civil. Logo, cómpre sinalar os datos artísticos e documentais máis relevantes. Finalmente, hai que analizar o influxo devocional, que exerce este santuario na súa contorna, patentizado non so nos pedimentos dos devotos, senón tamén nos rituais e ofrendas de observancia.
II. O CONCEPTO DO SANTUARIO.

A relixiosidade de cada pobo, como todo fenómeno vivo, ten os seus trazos especiais. Cada comunidade vive e manifesta a fe dun xeito propio. Unha relixiosidade é popular cando se configura con ese pobo e manifesta o seu sentir. É parte da cultura, dun modo de pensar e de vivir. Para comprendela cómpre ter en conta o pasado; o que na actualidade lle rodea; os trazos do lugar; o estilo das persoas; como viviron o cristianismo; que é o que herdaron dos séculos pasados; que é o que cada unha das xeracións recibiu e aportou. Polo tanto, é popular o que o pobo crea mais tamén o que recibe, asimila e fai propio Unha das manifestacións da relixiosidade popular radica nos santuarios.
O santuario é un espacio de culto representado por unha ermida, capela ou igrexa parroquial. A él van devotos da propia parroquia, na que se empraza o recinto sacro e,

tamén, doutras comunidades máis ou menos lonxanas segundo o grao de influencia que exerza o lugar sacro. «El Santuario es un lugar de culto que atrae romeros en ámbito superior al local» (2).Cando os romeiros non pertencen á parroquia o máis habitual é que veñan o día ou días propios da festividade da entidade sacra, simbolizada por algunha advocación de Cristo; de María; ou dalgún santo-a. «El santuario es un templo en el que se venera la imagen o una reliquia de la Divinidad, de la Virgen o de un santo de especial devoción» (3). Éstes adoitan acudir ben dun xeito individual ou colectivo para suplicar á divindade a súa mediación ante unha serie de rogativas de índole material (sandar, obter boas colleitas, rogo polos recen nados...) e, algunhas -ás menos- de carácter espiritual; tamén veñen para cumprir coas promesas ofrecidas, logo de que a entidade sacra lles outorgase as peticións requeridas. «Los santuarios son percibidos como espacios sagrados, de los cuales irradia la salud material o espiritual, y a los que se acude de forma individual o colectiva» (4).
NOTAS:
1. Santuario das Virtudes, domingo da Ascensión. San Miguel de Pedrafita./ Santuario do San Bernabé, 11 de Xuño, Castrillón, freguesía de Santiago de Gomeán./ Santuario do Anxo da Garda, o segundo domingo do mes de Maio, freguesía de Santa Catarina de Anseán.
2. CEBRIÁN FRANCO, Juan José.: Santuarios de Galicia (Diócesis de Santiago de Compostela). Santiago, 1982, páx. 6.
3. MARIÑO FERRO, Xosé Ramón.: Las Romerías / Peregrinaciones y sus símbolos. Vigo: Ed. Xerais, 1987, páx. 13.
4. PRAT I CARÓS, Joan.: "Los Santuarios Marianos en Cataluña: una aproximación desde la etnografía", en la Religiosidad Popular. III. Hermandades. Romerías. Santuarios. Anthropos, Barcelona, 1989, páx. 227.