Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Querido Mestre, que obrigado che estou! (10)

martes, 11 de junio de 2024
Camiño de Xerusalén

Bendí ós nenos. (Mt 19, 13-15; Mc 10, 13-16; Lc18, 15-17). "Leváronlle entón uns nenos para que lles impuxese as mans, e rezase por eles. Pero os discípulos rifábanlles. Máis Xesús díxolles: -Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo privedes, porque deles é o reino do Ceo".
Querido Mestre, que obrigado che estou! (10)
Os nosos netos, no oitenta cumpreanos da avoa.

Dous pensamentos, constantes, irreversibles, tiran, provocan, de nós os netos: ¿Como lles irá nesta vida; que farán para gaña-la outra! Veñen ao mundo baixo a responsabilidade de seus pais, pero tamén, por extensión, da nosa. ¡Hai que crialos, educalos, santificalos; tarefa inxente..., pero contamos coa axuda de Deus, tal e como nos prometeu o Mestre na súa vida pública! A fin de contas, diso se trata: ante todo ser boa persoa.
Dunha escritora contemporánea, que sabe distinguir, Mercedes Cachaza Platas, en Galicia Digital: "-Desde que empezamos a ter "sentido", desde que empezamos a saber discernir entre o bo e o malo xa podemos ir configurando a nosa vida. De feito atopámonos con criaturiñas de poucos anos que xa se lle ve ben encamiñadas, xa apuntan boas maneiras...
Son criaturas que tiveron a sorte de ter uns pais que saben marcar as pautas axeitadas.
En canto van pasando os anos e imos madurando alcanzando maior sabedoría, xa carga sobre nós a responsabilidade de construír o noso futuro. Por iso nos atopamos cunha xuventude que loita con tódalas súas forzas por labrarse un futuro prometedor, familias xoves que saben administrar o seu tempo e os seus recursos. Nesas familias medran os seus "retoños" sans e santos que son e serán moi boas persoas". ¡Grazas, Mercedes, pola mercé que nos fas axudándonos a entender e a encamiñar aos nenos!
Nada facermos nesta vida tan importante, tan transcendental, tan bo /ou tan malo, como é a crianza e maila educación dos nenos, sexan fillos, propios ou adoptivos, netos, sobriños, etcétera. Así que, o que non poida, ou non queira, asumir semellante responsabilidade..., á taberna, a emborracharse, pois os bébedos poden facer dano, pero sempre será menor!
Estamos atravesando unha era, unha etapa, de transición na educación dos rapaces. O que se di, unha crise. Primeiro foi a desaparición das lareiras, que centralizaban as familias, e con iso a transmisión, o apego educativo. Ao pasar das aldeas á emigración e/ou ás cidades, esa conmoción social rompeu os moldes tradicionais, con importantes contaminacións do vicio e do desleixamento dos novos ambientes, anónimos e libertarios; ¡moitos camiños para escoller, e non todos recomendables! Despois veu o traballo das mulleres fóra do fogar, encomendando os nenos a garderías de moita friaxe e pouco control. A todo isto, demos en confundir educación con ilustración, confiándolles ás escolas unha función na que son, ou eran, meros ilustradores. O dito: De momento a educación familiar, básica para a moral dos rapaces, está un pouco desequilibrada. ¿Como reparar isto? Coa axuda de Deus, engadindo esforzos e dedicación, perfeccionando métodos, de parte a parte.
O perigo das riquezas. (Mt 19, 23-29; Mc 10, 23-31; Lc 18, 24-309. "Entón interveu Pedro dicindo: -Pois nós deixámolo todo, e seguímoste. ¿Que nos vai tocar? (¡Pedro, sempre práctico, de pedra!). Xesús respondeu: -Asegúrovos que vós, os que me seguistes, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, sentaredes en doce tronos para xulgardes ás doce tribos de Israel. (Aquí párome a pensar: ¿Doce? ¿Será que contaba con perdoarlle a Xudas, instrumento necesario para a Paixón? ¡Arrepentimento houbo, así que..., Deus, na súa misericordia infinita..., quen sabe!). E todo aquel que deixou casas ou irmáns, ou pai, ou nai, ou fillos, ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna".
Mestre, que eu tamén deixei as leiras...; ¡claro que foi para irme voluntario ao Batallón do Ministerio do Exército, e así poder estudiar; pero, se en vez diso fose para Herbón, outro galo cantaría, non si?
Que as riquezas son perigosas téñoo claro; ¡só teño que fixarme no que lles pasa a eses políticos que esquecen os seus deberes para..., para situar en paraísos fiscais os diñeiros mal gañados! O Paraíso Celeste, o bo, o definitivo, está claro que se gaña con privacións, e non con privatizacións!
Puntualicemos, para non escandalizar: O feito de ser rico ou pobre non pasa de ser unha circunstancia allea á moral, que iso din eses que parecen prudentes. A consecuencia é esta: Se es rico gozas máis da vida que se es pobre; pero se gañaches inxustamente o diñeiro, esa é outra cuestión. O feito de ter diñeiro non foi tipificado, nin como delito nin como pecado, en ningunha lei, sexa divina ou humana. Podes provocar a envexa, e incluso rancor, naqueles que, na vida, tiveron menos sorte, ou menos oportunidades. Eu mesmo, que fun un profesional da Banca, atopeime, en todas partes, con ricos de excelente corazón, (¡pero foron os menos!). O que si é a riqueza é un obstáculo para comprender, para asimilar, para comprometerse co proxecto do Reino dos Ceos. ¿Queda claro, aspirantes a ricos? Daquela, como lle dicían ao César: ¡Cave ne cadas!, que unha cousa é gaña-lo pan coa suor da nosa fronte e outra distinta gañalo coa suor dos de enfronte!
Tamén hai que distinguir entre creadores de riqueza e parasitos da riqueza, conceptos, dilema, que non tivo vixencia ata que veu a época industrial.
Terceiro anuncio da paixón. (Mt 20, 17-19; Mc 10, 32-34; 18, 31-34). "Segundo ían subindo a Xerusalén, chamou a un lado ós Doce polo camiño e díxolles: -Vede que subimos a Xerusalén, e que alí lles van entrega-lo Fillo do Home ós sumos sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, e entregarano ós pagáns para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen; pero ó terceiro día resucitará". Cousa, ¡cousas!, tan extraordinarias, tan incribles, ¿como ían crelas? ¡Díxollelo tres veces, e nin con esas!
-.-

Camiño de Xerusalén, camiño do Calvario.

Querido Mestre, que obrigado che estou! (10)
Para seguir, vou cortar uns ramallos das miñas loureiras, en loor teu; para ti, meu Señor Xesús, que quero sumarme ao César vitorioso; cunha diferencia absoluta, transcendental: ao César aclamábano despois das súas vitorias, pero a túa, Señor, terémola, verémola, comprenderémola, despois da túa loita coa morte, na túa Resurrección!
A entrada en Xerusalén debeu ser moi sinxela, opinan os de Sept. A reflexión cristiá deulle un carácter solemne e mesiánico, máis claro en Lc 19, 39-40, aplicándolle tamén o texto de Zacarías. Que collese unha burra e non un cabalo dálle a esta entrada un simbolismo de sinxeleza, de humildade. Xesús vai camiño da súa Paixón, Morte e Resurrección; e nós, por El, camiño do Paraíso perdido, camiño da Gloria.
Xesús bota ós tendeiros fóra do templo. (Mt 21, 12-17; Mc 11, 15-19; Lc 19, 45-48; Xn 2, 13-22). ¡E non botou aos políticos porque lle facían falta como instrumentos executivos da súa, inmediata, Paixón, voluntariamente aceptada!
"Entrou Xesús no templo, e botou fóra ós tendeiros e ós compradores do templo, derrubando as mesas dos cambistas, (¡Eu libreime, nos meus días de bancario, de cambista, porque Xesús xa estaba Arriba!), e os postos dos vendedores de pombas. (¡Cantas veces teño ido con miña avoa ás feiras de Mosteiro e de Castroverde, para axudarlle a levar os cestos das pitas; despois de vendidas, o pacto, tácito, era que me comprase unhas onzas de chocolate!). Díxolles: -Está escrito: "A miña casa será casa de oración"; pero vós convertédela en cova de bandidos". (Nas feiras de Castroverde, como son en domingos alternos, despois de vende-las pitas entrabamos na igrexa; iso, despois! Daquela, nos meus tempos, ¡que xa cambiaron!, os bandidos eran as piteiras, que lle pagaban á madriña a metade do que elas cobraban en Lugo!). Pero volvamos ao Evanxeo: "No templo rodeárono cegos e coxos, e curounos. Pero os sumos sacerdotes e os letrados, vendo os milagres que facía e os nenos que exclamaban no templo: "Hosanna ó Fillo de David", indignáronse; e dixéronlle: -¿Seica non óe-lo que estes nenos din? Xesús respondeulles: Si, ¿e logo nunca lestes aquilo: "Da boca dos meniños de peito fixeches saír unha louvanza"? E deixándoos, saíu da cidade cara a Betania, onde pasou a noite".
...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES