Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 07 de junio de 2024
Algo había

Sabía que había algo alá. No fondo. Notaba movemento. Vía como as xestas se movían. O aire era inexistente. Algo había. Achegueime con cautela. Ante certos movementos hai que facelo, non con medo, pero si con prudencia, con precaución. Podía ser un animal perigoso. Mesmo un ser descoñecido. Ou un extraterrestre galáctico. Sempre se falou de certos casos, e todo podía ser.
Pingas de Orballo Segundo me achegaba, o movemento semellaba máis frenético porque as xestas bambeaban de tal maneira que incluso o chan empezaba a cubrirse coas flores que se desprendían da planta. De camiño collín un bo caxato que cortei dun codeso. Xa digo, precavido pero sen medo. E o medo, cun bo mastro nas mans, sempre é menos medo, sempre a valentía crece uns graos de axuda.
Non sei se foi por querer asustar ó que houbese alí ou, por que non, por ese presunto medo, o caso é que empecei a baduar cara á esa dirección. A ver se así amedrentaba, asustaba ó que houbese alí e fuxía sen eu ter que actuar para nada. Certo que a actuación podíame saír pola culata.
Ó mesmo tempo que esbardallaba, daba fortes golpes contra o chan co caxato de codeso. Para espantar ó bico, ó ser humano, ó extraterrestre, ó que fose. Porén, aquelas xestas cada vez se movían con máis forza e máis rapidamente. Ós dous ou tres metros xa empecei a divisar algo. Algo así coma unha pelaxe tirando a marrón e bastante requichada. Era unha parella de ourizos cacheiros en faena! Como dúas criaturas tan pequenas armaban aquel escándalo! Deixei que seguisen co gozo. Coitadiños!

Responso polo verso solto

Vou soltar un responso polo verso que se deixou caer do poema. Hai versos soltos que son moi cridos e, claro, a realidade asfíxiaos de tal maneira que acaban morrendo. Requiescat in pace polo pobre cativo. El mesmo pensaba que estaba demasiado prisioneiro e quixo presumir de liberdade. A liberdade hai que saber ganala. Ás veces non queda outra que aguantar un pouco e compartir as rabuñaduras da alma ou os berros das protestas cos demais versos do soneto, cos demais compañeiros.
Pingas de Orballo O verso que se deixou caer, en poucas palabras, contaba que a vida era un ramallete de rosas e uns cantos sorrisos nos beizos. Máis ou menos. Pobre infeliz! A vida non é tan bonita como el quere presumir. A vida, por veces, quizais por moitas veces, é a treboada que asoma, o trono que estoura, o alustro que asusta e a auga que molla. A vida son moitos berros e, quizais, outras tantas bágoas. A vida é coma ese verso que se deixou caer e que, pouco a pouco, minguou no anhelo de querer ser libre. Kirieleison. Kristieleison polo mesmo...
Logo de tanto canto fúnebre, o verso arrastra a súa tristura e, de esguello, mira cara ó seus compañeiros coa intención de volver ó soneto. A experiencia acaba de dicirlle que a realidade vai máis alá dun desexo inocente e que a vida, como tal, ten que ir rimando polos sucos do tempo, por todo o poema. Kirieleison, kristieleison polo verso solto...
Agora si deixa escapar pingas de estima para, pouco a pouco, quedar enxoito das súas ansias de alardear. Cando xa está practicamente seco e, ante tan pouco peso, o verso solto sobe con certa vergonza cara á primeira estrofa. A realidade zurciuno definitivamente ó poema.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES