Comeza a era Feijoo
Editorial - lunes, 20 de abril de 2009
Estamos nos tempos de Feijoo, que como mínimo han durar catro anos. Porque hai un tempo prefixado, e os gobernos dos paises reciben os nomes dos seus titulares, e para ben ou para mal eses titulares marcan rumbos e recollen brisas ou tempestades.
Primeiro foi o de Zapatero Presidente, logo Presidente Touriño, agora Presidente Feijoo. Vade victis, dicían os romanos; Ai dos vencidos, vale para sempre, porque xa ninguén lembra Quintana e Touriño, ata onte mesmo gobernantes e hoxe condenados ó ostracismo lonxano polas súas xentes, que xa consideran -ó primeiro contratempo- rematado o seu tempo político.
Para Feijoo comeza todo. Tomou posesión o sábado, nomeou goberno o domingo, celebra o luns o primeiro consello, e catro anos por diante para exercer o goberno dunha comunidade espreitante na que todo é novo, desde a organización das consellerías ata o nome das persoas que van gobernalas, destacando o funcionamento das provincias cun só delegado provincial todopoderoso e multifunción.
Moito se agarda deste tempo que comeza, no que o Partido Popular vai tentar sacar a monumental espiña cravada hai catro anos cando un deputado de diferencia impuxo un poder conxunto entre as dúas forzas de esquerda sobre os deputados do PP. Agora, o mesmo, pero en sentido contrario. Un só deputado do Partido Popular máis que a suma dos restantes orixina un goberno cómodo para un tempo difícil no que hai que conxurar non só a crise senón toda a problemática dun país emerxente que agarda tempos novos pero sen demasiado entusiasmo.
Estamos nos primeiros momentos dun novo tempo. Desexamos, cun non disimulado egoísmo, que as cousas lle sallan ben ó Presidente Núñez Feijoo, e que o seu mandato resulte beneficioso para todos. E que todos o vexamos.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora