(O escándalo. ¡Buf; outro pecado, dos grandes; e ademais, tan xeneralizado! Moito leva traballado o diabro nesta leira; debe ser que se lle dá ben, que lle dá froito, que ten moita clientela.
(Mt 18, 6-10; Mc 9, 42-48; Lc 17, 1-2). "Pero quen escandalice a un destes pequenos que cren en min, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño ao pescozo, e que o largasen ó fondo do mar. ¡Ai do mundo polos seus escándalos! É irremediable que haxa escándalos, pero, ¡ai do home que provoca escándalos!... ¡Coidadiño con desprezar a un destes cativos! Asegúrovos que os seus anxos, no Ceo, están sempre contemplando o rostro do meu Pai Celestial".
Os nenos, -din os de Sept, e con bo criterio-, son capaces de asombro e teñen confianza. Facerse coma nenos non é infantilizarse senón recobra-la capacidade de confianza no Pai. Xesús mesmo usaba o nome de "Abba" para falar co Pai; nome utilizado polos nenos, que o poderíamos traducir por "Papaíño", que indica o grado de confianza e de familiaridade que o neno ofrece.
Catecismo da Igrexa. 2284 El escándalo es la actitud o el comportamiento que induce a otro a hacer el mal. El que escandaliza se convierte en tentador de su prójimo. Atenta contra la virtud y el derecho; puede ocasionar a su hermano la muerte espiritual. El escándalo constituye una falta grave si, por acción u omisión, arrastra deliberadamente a otro a una falta grave".
Escándalo é todo incidente amplamente publicitado que inclúa acusacións de proceder incorrecto, degradación ou inmoralidade. ¿Quedou claro? ¡Pois, daquela, coidado coa lingua, e tamén cos feitos, que máis vale prever que curar!
Dun tempo a esta parte moi ledo debe estar o diabro polo ben que se lle dá a súa colleita de escándalos pois, cos avances dos mass media, prensa, radio, televisión..., calquera escándalo, sexa grande ou pequeno, expándese e multiplícase, ata o confín da terra! Máis é, que con estes medios ata se lles ensina aos pícaros a facelas con pouco risco, con coartadas preestablecidas; volvo a dicir!
-.-
A ovella perdida. (Mt 18, 12-13; Lc 15, 3-7). "A ver que vos parece? Se un home ten cen ovellas e perde unha, ¿non deixará as outras noventa e nove no monte, para ir en busca da descarreirada? E se a atopa, asegúrovos que se alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non perdeu. Do mesmo xeito, a vontade do Pai Celestial é que non se perda ningún destes pequenos".
Especialmente preparados para asimilar esta parábola coido que estamos aqueles que gardamos ovellas na nosa infancia. ¡Deus, que medo tiñamos a que viñese o lobo en busca das descarreiradas, das separadas, que lle eran as máis alcanzables! Nesa evitación, nesa precaución, canto sangue me foi parar ás miñas medias de lá atrochando polo medio das toxeiras para arrexuntar o rabaño, para que non se ciscase! E non só iso, senón que, antes de recollelas para o retorno, Deus me librase de non contalas, ¡a ver se ían todas!
Ademais dos espiños nas pernas, a garda das ovellas, que a das cabras é outro tema, prestábase, moito para a matinación, para madurar pensamentos na soidade do monte. Unha anécdota persoal: Para cava-lo monte adoitaban recoller os toxos grandes cun ano ou dous de antelación, que así os gromos non se opoñían á aixada; e nesas circunstancias, ao redor de onde cavasen a herba estaba tenriña, axeitada para os pastos; o pastor, por tanto, tranquilo. Aquel día tombeime ao sol, nun claro da touza, canso de andar detrás das ovellas; nisto, que a poucos pasos estaba o Xosé da Caseta dándolle á aixada, cavando as súas renques. Era a véspera do San Bernabé, festa en Suegos. O Xosé, de costas ás ovellas, nin as vía nin me vía. De momento parou, e arrimado á aixada, ¡que nin que fose unha rapaza!, deu en falar só: "Mañá na festa, miña Doloriñas, voume declarar; así que teño que levar ben escollidas as verbas que me convén dicirche... Ti, e máis eu, estamos en idade de casar; daquela, como me gustas a rabiar..." Eu escandaliceime de tal xeito, deume tal vergoña escoitar aquelas intimidades, que non puiden máis, e levanteime, facendo que lles berraba ás ovellas. Xosé, advertido, volveu a levanta-la aixada, pero agora con máis brío cá nunca, seguramente que no seu afán de ofrecerlle aquel trigo á "súa" Doloriñas de Suegos. ¡Tamén hai escándalos bos, pero son os menos!
A corrección fraterna. (Mt 18, 15-18; Lc 17,3). "Se teu irmán peca contra ti, vai e repréndeo; pero ti só con el. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos fai caso, dillo á comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti coma un pagán ou un recadador de impostos. Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no Ceo, e o que desatedes na terra será desatado no Ceo".
¡Ai, xa, pero para corrixir preciso ser corrixido, eu, de entrada, de primeiras! Para ser Mestre hai que pasar pola carreira de alumno: aprender antes de poder ensinar; ser, estar, corrixido antes de ser corrector. No séculos pasado había correctores de imprenta para corrixir os erros dos escritores. ¡Parece unha contradición, pero non o era! Lembremos aquilo de que, a primeira pedra que a tire o que estea limpo, ¡e fóronse todos!
Corrixir fraternalmente é unha obriga, por suposto, pero..., ¡co antedito, corrixir de maduro! (Maduro de madurez, non de apelido).
As irmandades tiveron un mal principio naquilo de Caín e Abel; despois viñeron os profetas, veu o Mestre..., pero seguimos verdes; ¡nas familias, para canto máis nos pobos, que só son un conglomerado de familias! Eu, servidor, que co meu fillo Pedro Paulo fomos os iniciadores do irmandamento do noso Castroverde co de Portugal, coñezo, sei

ben, o goce da fraternidade, pero tamén, pola experiencia, que non sempre é doada de lograr: ¡hai moito indiferente!
Para aceptar os irmandamentos hai que pararse en que temos unha meta a lograr, que é moi sinxela de expoñer pero non tanto de verificar. O traballo consiste en que cada persoa da Humanidade identifique e se identifique como irmán dos demais. ¡Ollo! Non como un igual, porque todos somos diferentes nas nosas individualidades, senón como seres humanos cos mesmos dereitos e deberes; con todo o noso respecto, amor e comprensión. Para iso, para obter este logro, temos que poñer o espírito común por riba das comenencias materiais, superando diferencias. Non parece difícil; ou si? ¡A veces, por moito que nos esforcemos, non se logra con plenitude!
A tolerancia, principio básico: Cando entendas que hai outra forma de ver as cousas, daquela entenderás o significado da verba tolerancia.
Lema atribuído aos beneditinos: A tolerancia é algo fermoso, pero non podemos esquecernos de que unha certa intransixencia sempre formou parte da saúde mental. ¡Os casos hai que estudalos con obxectividade, atentos aos deberes primordiais!
A oración en común. (Mt 18, 19-20). "Asegúrovos tamén que se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, (cousa boa, temos que entender), conseguirano do meu Pai Celestial. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio estou eu".
¡Vale; unha boa recomendación, como tódalas do Mestre, pero ben sabía El que ten que ser unha cousa moi boa, e de interese recíproco, para conseguir que dous humanos recen polo ben común; o noso egoísmo, que nos fai individualistas!

¿Se as vodas non tivesen banquete, cantos irían rezar polo futuro dos contraentes? ¡Os pais, e pouco máis! Nas necrolóxicas, ¡algún!, ata poñen, cunha cruz, o nome dos falecidos "pedindo que os acompañemos no funeral". Por pedir, que non quede, pero, despois, na práctica, algún só vai firmar; e outros, ¡escándalo á parte!, por divertimento, dicindo para sí: "¡Tíñasme ganas, pero fuches diante!". ¡É tan difícil que se entenda Caín con Abel; pero hai que intentar o irmandamento, o mandamento! Tantas igrexas tan preciosas que se esforzaron en construír os nosos entregos, e agora, velas baleiras, ou case, que dolor, que pena!
Perdón das ofensas. (Mt 18, 21-22) "Entón Pedro, achegándose, preguntoulle: -Señor, ¿cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? ¿Ata sete veces? Respondeulle Xesús: -Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete". Este número é simbólico; hai que interpretalo, ¡como sempre!
¡Canto custa perdoa-las ofensas, e iso que o prometemos reiteradamente, cada vez que recitamos o Noso Pai: ... perdoa as nosas ofensas como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido"! ¡Xa; de palabriña, pero estar á recíproca, cústanos! Perdoou Cristo, perdoaron os Apóstolos cando os martirizaron..., pero nós, os actuais, só lles perdoamos aos políticos..., por comenencia, pois necesitamos dos seus servizos, e detrás destes poden vir outros peores!
SALMO MISERERE
Tenme piedad, oh Dios, según tu amor,
por tu inmensa ternura borra mi delito,
lávame a fondo de mi culpa,
y de mi pecado purifícame.
Señor, perdoácheslle ao bo ladrón na mesma cruz, e prometícheslle recibilo no paraíso; eu, ladrón da túa graza, malversador das túas leccións, de arrepentido, ¿verdade que tamén me perdoas? ¡Xa cho teño dito, xa cho teño pedido: un asento no Ceo, aínda que sexa na última fila do teu anfiteatro!
¿Que tamén teño que perdoar; iso, a conditio sine qua non? ¡Xa o dixeches, e procuro facelo, aínda que non sempre resulta doado; mais, coa túa graza, desta vez prometo non volverme atrás; ben sabes que os de Montecubeiro, pecadores si, pero sempre fomos de palabra!
...Gómez Vilabella, Xosé M.