'A república dos soños' de Nélida Piñón era un deses libros que me estaba debendo a min mesma. Tiña que lelo. Falábanme del como da gran crónica da emigración galega a América escrito por unha descendente desta terra e dende o lado de alá. Non era só

iso, o título gustábame tanto que formaba parte do meu inconsciente ata o punto de telo utilizado para nomear ese país do que forman parte os nosos idealistas, especialmente despois de mortos e cando xa poden cumprir as súas arelas.
Na páxina da editorial infórmase de que está esgotado e, ao tempo verten unha serie de ideas sobre a novela: alento mítico da galeguidade, epopea dos galegos alén mar, unha homenaxe ás raíces das autora...
Debo confesar que cando rematei a lectura e pechei os ollos deime conta de que botei de menos algo máis do realismo máxico que unía o lado de aquí e o de alá, igual que algunhas escenas nas que o amor se mostrara na intimidade dos corpos sen necesidade de explicitar demasiado pero tamén sen a brutalidade que se cita ás veces sen describirse porque pode ser demasiado crúa.
Engaioloume o estudo de personaxes ao redor deses dous nenos emigrantes que embarcan en Vigo en 1913 buscando a nación imaxinada na que os desexos se farían realidade. Un soñador con accesos de loucura (seguramente é o que toca fronte á realidade), é dicir, un perdedor, Venancio. E un triunfador, Madruga, disposto a todo por chegar ao máis alto, aínda que unha vez alí caia na conta de que non valeu de nada, que a memoria (da familia, da casa, da aldea) se vai perder, que a riqueza serve unicamente para que os descendentes se ataquen entre si coma lobos, que está só fronte á morte... En realidade é a vida deste gañador o que se nos conta, a da súa familia co amigo fracasado como acompañante solitario, incapaz de crear estirpe e opulencia, que semella estar aí para dar o contrapunto, tal vez para mostrar outra orixe, a xitana, oculta no concerto da historia, tal vez para que se vexa con maior esplendor a Madruga; non esquezamos as súas palabras "Venancio é a miña cota diaria de soño. Do soño que xa non teño tempo de soñar e que el soña por min.", del chega a dicir Eulalia: " Non ves que precisa de nós máis que de si mesmo?" Porque Madruga ten o carácter necesario para enfrontar ese mundo novo, que aínda non se acabou de facer e no que caben as angueiras de homes ambiciosos. Esa personalidade que lle serve para acabar no máis alto pero tamén para que cada un dos fillos se enfronte a esa imaxe de maneira distinta pero sempre en oposición, tratando de diferenciarse.
O pai de personalidade fortísima, a nai como sombra amable entregada a Deus e coa compañía de criada negra (para quen é unha deusa á que está entregada), os fillos subsistindo a Saturno e o anxo, enfrontándoo ou someténdose para sobrevivir. Os fillos homes de éxito aínda que coas súas debilidades. As fillas, Esperanza, nai solteira, expulsada da casa (...ese paraíso) dándolle a neta, Breta, a escritora (un alter ego da autora) que será quen relate a historia da familia. A outra filla, cae nas mans dun aristócrata vido a menos pero cunha ambición desmedida que a fai enfrontarse á familia nunha competencia total, sempre no nome dos netos (é o que teñen as nais).
É continua a reflexión sobre as dúas terras, unha vella e unha nova: a que se deixa e para a que se vai, a dos pais e a dos fillos, aquela pola que se espallaron os antecesores, como seres anónimos, facéndose estrume e á que lle van entregar os seus corpos, onde van ser enterrados. Madruga fala de ir ao encontro dunha terra arrastrando a memoria doutra, nunha sede de lonxe. É de destacar ese interese por entender ambas terras, a que deixa e a que atopa. Observar como perden a alma e a lingua ao tempo. Eles, Madruga e Venancio falaban de países coma se, por riba de continxencias xeográficas e históricas, discorresen sobre sentimentos inmortais. A modo de resumo podería valer esta afirmación: "Por desgraza, a mocidade erra máis que acerta, é insensata por definición. Europa está vella e Brasil corre o risco de envellecer sen que nunca chegase a ser novo" porque "O poder é unha randeeira. Os movementos sísmicos dos pobos en formación."
Hai un terra que queda atrás sobre a que se continúa pensando, unha e outra vez, ata o punto de destilar a súa esencia: "A nosa alegría é melancólica, permeada de prantos. Iso é a morriña. Sentimos morriña pola grandeza perdida, un país empobrecido por extraviar as súas historia e porque os seus fillos esqueceron inventar outras no seu lugar". "Houbo unha época en que toda Europa soñou connosco", "Os galegos son defensores das liñas curvas que manexan con talento." Sempre o narrador presente (identificado co personaxe do avó de Madruga ou o pai da súa muller): "Cando lle chegaba a vez de falar escollía as lendas que voaban sobre os tellados dos galegos coma anxos protectores de ás abertas, prontas a confirmar os soños daquel pobo". E as casas abandonadas a si mesmas: "conservarían esas paredes a calor dos seus corpos, falecidos había tantos anos?"
Narrar e soñar son dous verbos fulcrais na narración, dúas accións que se unen en moitas ocasións "Con vostede, avó, aprendín a soñar. A ninguén máis deberei os meus soños." A memoria e a perda teñen unha presenza constante, a preocupación pola perda da memoria pero tamén a perda en xeral "Cumpría que aquela nena empezase a acumular derrotas", "Non acepto que decretes a miña derrota, padre"... A vellez sentida e vivida "A certas alturas da vida, xa non temos máis inimigos que nós mesmos. Eu mesmo destruín os meus soños e parte da miña familia.", "Só a min me cabía a custodia dos restos da miña memoria."
A autora narra momentos históricos, nas voces dos seus personaxes, dunha maneira dura e profunda: "Aqueles non eran tempos para estar vivo, Representaba un acto de covardía e conivencia co fascismo. Había que atravesar as fronteiras e non volver nunca máis a España" referíndose aos que sobreviven á guerra ou falando da perda dunha lingua "As últimas palabras que pronunciou aquel idioma antes de morrer, coma o moribundo que deitase o derradeiro alento"ou da viaxe da neta brasileira a Galicia "Rastrexaba mitos e devanceiros, ao tempo que, inconscientemente, ía descubrindo a orixe da lingua portuguesa".