Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A crise do leite e os laios polo tempo perdido

lunes, 20 de abril de 2009
Compás social: A crise do leite e os laios polo tempo perdido

Os xornais galegos levan mais dun mes falando da crise do leite: grandes excedentes de leite en Europa que desde varios países desvíanse rumbo a España, especialmente cara a Galicia a prezo de dumping (venda por debaixo do custo de producción). Esa leite chega xa envasada para os supermercados ou en grandes cubas para as factorías de transformación e envase. En consecuencia, algunhas empresas envasadoras suprimen rutas de recollida do leite, deixando os gandeiros productores na estacada e sen medios eficaces para esixir os compromisos contraídos. Os prezos do leite baixaron en picado. A Ministra dos Ambientes saíu dicindo que xa abrira contactos e que tomará medidas; pero que pouco pode facer ante as potentes industrias lácteas europeas, e que a inspección corresponde as autonomías. O Presidente electo, Sr. Feijoo, tamén fixo o seu previsible discursiño pregoando unha vez mais que no seu día fíxose unha mala negociación ó incorporarse España a Comunidade Europea. Mais despois, durante tantos anos ¿que se fixo para mellorar ou compensar aquel malfadado punto de partida?

Como entender esta situación paradoxal?
Ao ler nos xornais estas noticias e outros detalles miúdos, séntese unha rolda de sorpresas: tres administracións superpostas (Organismos europeos, Ministerio estatal, Consellerías autonómicas) e os gandeiros a intemperie, nun mercado salvaxe sen control onde impera a lei do mais forte. ¿Non é posible controlar os abusos da venda de leite por debaixo do prezo de custo, non é posible detectar os trucos comerciais das marcas brancas, no é posible cortar as arbitrariedades das empresas recolledoras, transformadoras e distribuidoras do leite? Todo iso é legal? A triple burocracia está para algo mais que para ofrecer fermosas palabras e boas intencións. Estamos nun mercado único agrogandeiro, pero tamén estamos nun estado de dereito onde suponse que existen unhas normas de obrigado cumprimento para todos os actores económicos e administrativos implicados.

A situación en España resulta paradoxal e sen lóxica aparente: prodúcese un 30% menos do leite que se consome, mais os prezos están por debaixo da media europea. En boa lóxica económica, a escaseza dunha producción propia, mais os custos das importacións, empuxarían a subida dos prezos do leite en España. Por que ocorre xusto o contrario? A causas mais graves atópanse nas anormais importacións a prezo inferior o custo de producción, recollida e tratamento industrial (o famoso dumping); e a esta deslealdade hai que sumar a leite en po, mais barata, que algunhas marcas brancas envasan para vendela a prezo de comenencia. Por se iso fora pouco, engádese ademais a estratexia comercial das grandes superficies distribuidoras que utilizan o leite como producto de reclamo para atraer clientes, e rebaixan o prezo do leite envasado ata límites sen a penas marxe de beneficio que compensan co incremento das vendas doutros productos. Por último, resulta sorprendente que a estas alturas non estean consolidadas unhas relacións estables entre productores e agroindustrias que por imperativo legal deberían estar sempre formalizadas nun contrato esixible por ambas partes.

Os gandeiros galegos ¿os últimos da fila?
Se ollamos mais de preto a situación galega, o panorama é aínda mais desacougante: o Sr. Feijoo volve os queixumes do xa arredado punto de partida: no seu día contabilizáronse a baixa os datos de producción leiteira presentados a negociación con Europa. Logo, no reparto posterior, as explotacións gandeiras galegas asináronlles unhas cotas lácteas ridículas, sen ter en conta que naquel intre a inmensa maioría das explotacións galegas estaban reconverténdose, especializándose e saíndo a pista de despegue. Aquela regulación da producción leiteira era razoable para unha gandería europea modernizada, mais non para unha situación de arranque do desenvolvemento. O lóxico sería haber previsto unha moratoria ou unha ampla cota láctea de despegue e crecemento inicial para aquel intre específico da gandería galega. As consecuencias reais foron visibles case de contado: freado en seco na mesma saída, producción somerxida de leite con prezos mais baixos, formación dun mercado especulativo de cotas de leite con un alto custo económico que comeu parte dos aforros e créditos necesarios para outras inversións, peche de explotacións debido as coaccións, sancións, etc... En resumo, a dinámica das cotas lácteas derivou en Galicia nunha dinámica con balance negativo.

Cómpre preguntarse, despois de vinte e dous anos de integración en Europa, ¿que fixeron os dirixentes políticos autonómicos para compensar aquela falcatruada inicial? O medio rural galego acadou modernizacións parciais moi importantes, mesmo transcendentais; mais a súa fraxilidade estructural segue aí, amosándose como pantasma difuso en cada momento de grandes ou pequenas crises. Os antigos labregos do policultivo levan medio século reconverténdose en gandeiros e especializándose nun monocultivo de vacún con reducidas rendibilidades, sempre inestables debido os propios atrancos estructurais e a competencia asimétrica con outros espazos europeos. As cooperativas agrogandeiras de base consolidaron servizos importantes, pero poucas delas deron un salto cualitativo cara a explotación, producción e comercialización en común. As empresas recolledoras e empaquetadoras de leite consolidaron os seus intereses xogando coa fragmentación e debilidade dos gandeiros. As distribuidoras seguen as súas estratexias e atallos comerciais. Cada quen parece instalado no seu compartimento con febles relacións cos outros actores sociais. O actual escenario de crise mostra a fraxilidade dos vínculos e compromisos estables das partes implicadas na economía galega agrogandeira.

Longa sesta, preguiza ou carencia de ideas?
Os organismos autonómicos, instalados xa nunha longa "estabilidade burocrática”, produciron centos, quizá miles, de decretos encamiñados a guiar a economía campesiña mediante incentivos selectivos, de exclusións e promocións a vez. As reformas estructurais básicas do medio rural acadaron algunhas experiencias significativas, pero sen suficiente relevancia cuantitativa a escala de sociedade total. Non abordaron a fondo os puntos nodais: alternativas ao minifundio, impulso dunha potente rede comercial agrogandeira de ámbito estatal e internacional, promoción de primeiras transformacións dos productos agrarios in situ, desenvolvemento da pequena industria difusa, das comunicacións e servizos no medio rural disperso. Algo de todo iso existe xa, pero en cantidades exiguas e desproporcionais os anos transcorridos de autogoberno. O desenlace era previsible para calquera observador con memoria acumulativa: fraxilidade crónica da estructura económica, demográfica e social do medio rural disperso en constante esmorecemento, e lánguida vida para varios centos de pequenas vilas urbanas ou seme-urbanas que non logran acadar unha economía rural diversificada.

Que pasará cando desaparezan as cotas leiteiras e as axudas da Política Agraria Comunitaria (PAC)? Intuímos que será outro momento particularmente crítico para a gandería-agricultura galega. Algúns gandeiros cren que será o derradeiro golpe de graza para provocar o peche masivo de explotacións; mentres que outros pensan que, coa desaparición das cotas leiteiras, un mercado libre pode traer novas oportunidades. Difícil de crelo, pero soñar foi sempre de balde e sostivo o facho da esperanza.

Non é tempo de asociarse a estéril confraría dos choróns polo tempo perdido, senón de formar parte dos esforzos na busca de solucións, ou cando menos de novos horizontes e propostas constructivas. Hoxe xunteime cos gandeiros que se manifestaron en Madrid. Alí atopeime afortunadamente con moitos esforzados galegos.
Xenaro Pérez López, jenaro@safcb.com

Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES