A vida e o tempo non se tiran
Son un profesional aproveitando o tempo. Incluso aquel no que non fago nada. Non é fácil non facer nada. Si, ás veces gusta quedarse quietiños e que a nugalla se apodere dun. Hai que saber vivir coa galbana. Porén, non é tan sinxelo. Eu, por sorte, sei vivir con todo. Mesmo coa escravitude.
En pouco menos de dúas horas aproveitei o tempo. Rocei unha finca ó lado da casa da muller. Estes días rózanse moitas, pero adoitan facelo con máquinas de desbravar, con tractores.

Eu bótolle peito ó asunto e uso gadaña, fouce e, se hai algo máis forte, unha poda. Así, en plan besta, en plan bruto, en plan labrego-labrego. As silvas rabuñan, as costas doen, os brazos cánsanse, o sol aplana, a chuvia molla. Pero nin uns nin outras me deteñen. Sigo dálle que dálle á fouce e movo a cintura ó ritmo da gadaña.
Seguín aproveitando o tempo atando de novo unhas trinta cepas e sulfatando esas mesmas cepas. Houbo que preparar outra máquina para sulfatar as patacas. Aínda que o sulfato era o mesmo, o das cepas levaba tamén xofre que, para as patacas, seica non é bo. Como sobrou, repetín de novo polas patacas. Non sei se lle fai efecto ou non. Pero o sulfato non está para tiralo. Todo o que custa algo (sexa en cartos, sexa en traballo), non se tira. A vida e o tempo non se tiran.
O tempo pasaba e eu seguía a aproveitalo: cavando ou fochicando por xunto ós pés das cepas, xa que as herbas, nesta época, non teñen ningunha compaixón do paisano de a pé. E fochiquei tamén polo terreo. E polos arredores da casa. E mesmo pola casa. Cando me puxen á mesa para xantar, souben que aproveitara moi ben o tempo.
Actos inútiles e estúpidos
O odio, a carraxe, a mala hostia leva ás veces a cometer actos inútiles e estúpidos. Levo xa uns días nos que noto e vexo como alguén, ó ler o periódico, nun bar concreto, sempre resga, sempre rompe, sempre pica un cacho da folla onde aparece a foto de Pedro Sánchez. O cacho é, por suposto, a cara.
A min, o presidente do Goberno Pedro Sánchez, nin me vai nin me vén, aínda que se teño que elixir entre esquerdas e dereitas (é sabido que no noso país só hai dúas opcións: branco ou negro, PP ou PSOE, esquerdas ou dereitas, Real Madrid ou

Barcelona; todo o demais que o parta un raio), creo que non será necesario que o diga, pois os que me len e me coñecen algo saben por onde collería. O presidente nin me vai nin me vén, pero si son un fanático dos periódicos e aínda que só sexa pola estética, non sei que me parece esa rachadela na páxina. A maiores de que, o xornal, nun bar, é para que o lean moitos clientes, non só ese ou esa que tritura a cara de Sánchez.
Dicía que cometía actos inútiles e estúpidos porque, segurísimo!, que Pedro Sánchez nin tan sequera saberá que existe tal individuo que lle quere tal mal. Acto inútil e estúpido que, por moito que fure co bolígrafo ou o garfo ou a culler, o presidente seguirá sendo presidente ata que deixe de selo e seguirá vivindo a súa vida sen saber, repito, que hai un ser humano curto de mente que lle tritura os miolos nunha folla de periódico. Un periódico que non é del ou dela e que o vai usar máis xente.
Ás veces cometemos actos porque a nosa intelixencia é a que é, e por moito que o intentemos, non dá para máis. A deste señor ou señora, home ou muller, é moi curtiña.