Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Querido Mestre, que obrigado che estou! (8)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 04 de junio de 2024
A Igrexa como tal, como institución, non ten, nin tivo, erros, non pode telos; pero os homes da Igrexa, algúns, tiveron os seus esvaróns; non chegaron a evidenciar que descoñecían a Cristo, mais andaron cerca diso, contradicindo a pureza da súa doutrina. Pero houbo arrepentimentos; e predominaron os santos.

Acabo de ler, en Galicia Digital, un artigo de Xosé María Pin Millares, que analiza obxectiva e profundamente os vaivéns dos últimos anos na Igrexa:

"...En Roma a involución resulta evidente. A invernía, "o longo inverno" como dixo o Padre Rahner vai campar durante o prolongado pontificado de Juan Pablo II dominado polo Opus, Kikos, e outros movementos ultraconservadores.

"Ante esta situación tan gris, tanto no relixioso como no político, hai esperanza de que isto cambie? Do cambio depende que outro mundo sexa posible. A sabedoría milenaria recolle a sentenza de que "onde hai perigo, medra a salvación". Desta vez, de Roma chéganos unha voz profética, cargada de ilusión e de esperanza. É a voz do Papa Francisco, que pide un cambio de comprensión da realidade, unha especie de promesa mesiánica como reflicte o capitel de Vézelay que representa a Moisés vertendo trigo no saco do evanxeo que sostén Paulo; hoxe, diriamos, Francisco. O gran fracaso está en que a economía e o pensamento capitalista son a actual relixión, non como metáfora, senón como definición do capitalismo, e que se presentan como algo natural e inevitable.

"Na España que encontramos alá polos anos sesenta, subsistía anacronicamente un sistema cualificado como constantiniano ou de cristiandade, fronte á "sa laicidade" recoñecida por Pío XII... Etc."

O artigo é longo, así que paro aquí. ¡Un bo analista, si señor; estas análises, no meu criterio, son sopros do Espírito en mentes esclarecidas, que axudan a corrixir rumbos..., cando a lancha de Pedro se torce!

Anuncio da morte e da resurrección. (Mt 16, 21-23; Mc 8,31; 9, 1; Lc 9, 22-27). "Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer, moito, os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar, pero que ó terceiro día había resucitar".

Dúas emocións, ¡dúas! A ledicia de saber que íamos ser redimidos; e de par, a angustia de ver ao Mestre angustiado pola nosa culpa; pola nosa, grandísima, culpa. ¡Señor, que momentos tan transcendentes para toda a Humanidade, pasada, presente e futura! Debíamos pagar coa nosa devoción máis acendrada, mais, como ti mesmo recoñecerías días despois, "O espírito está disposto, pero a carne é débil".

De Eva para acá, ¡milleiros de anos!, agardando polo perdón, pola amnistía. ¡E que sorte a nosa, isto de ser xerados despois de Cristo; debíamos bailar, de ledos e de agradecidos, diante da Eucaristía, pero, que eu saiba, aquí na terra só o fan os Seises da catedral de Sevilla!Querido Mestre, que obrigado che estou! (8)
Dúas emocións...; inenarrables! Só as puideron narrar os evanxelistas, e para iso, despois do seu Pentecoste! Eu confórmome con rezar, de xeonllos por suposto: Laus tibi, Christe!

Se eu fose Cristo, co meu xenio, cada vez que oíse unha blasfemia, ¡despois do sacrificio redentor!, colgaría ao traidor dunha cruz de carballo, para escarmento dos viandantes; algo así como facían os nobres do meu Castroverde na súa Praza do Rollo!

A transfiguración. Outra lección do Mestre, e xa son infinitas, ademais de excelsas; ¡canto lle demos que facer para ensinarnos, para sacarnos adiante, para ilustrarnos, para abrirnos os ollos; verdadeiramente aquela soberbia do Paraíso Terreal moito nos dexenerou, moito nos cegou; non me canso de meditar niso, no bo que foi Deus apiadándose de nós, pois, pensándoo ben, non lle facíamos falta, para nada, que xa tiña os seus anxos, os arcanxos, os querubíns...! (Mt 17, 1-13; Mc 9, 2-13; Lc 9, 28-36). "...Alí transfigurouse diante deles (Pedro, Santiago e Xoán); o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz..." (¿Ademais de participarlles así a nova da súa Resurrección gloriosa aos discípulos predilectos, non nos servirá esa escena triunfal para anticiparnos, a todos, unha imaxe, un anticipo, unha visión de como serán as nosas almas despois do noso purgatorio, desde que merezan imitar aos anxos? ¡Coido que si!). Volvendo ao Evanxeo: "Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con El. Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús: -¡Señor, que ben estamos aquí! (¡Claro, era un anticipo da gloria!). ¿Queres que faga tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías? Aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubría; (¡O Ceo baixaba ao ceo, comunicando coa terra!); e unha voz saíndo da nube dixo: -Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo!"

¡Humanidade toda, agora mesmo, de xeonllos, pois o Deus Pai mándanos escoita-lo Fillo, e faino paternalmente, coma aquel pai que lle perdoo ao fillo pródigo! ¿Que máis queredes, que máis queremos; Deus volve a abrirnos as portas do Ceo, baixa a buscarnos, manda ao seu propio Fillo para instruírnos, para mostrarnos o Camiño! ¡Oh, Señor, que ben se está na túa presencia!

"Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles: (¡Sempre recomendando prudencia, sempre preparándonos, como bo Mestre, para o exame final!) -Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos". ¿Quen lles ía crer, se aínda houbo incrédulos despois de velo resucitado? ¿Cabe un testemuño máis fidedigno có de velo resucitado, o único ser que resucitou por si mesmo! Estaban avisados; outro favor que recibían. En Xesús todo foron favores, favores e milagres, como non podía ser menos: ¡Era o Fillo de Deus, encarnado na súa personalidade humana!
-.-

Achegámonos á traxedia, pero, para nós, gloriosa. ¡Por moito que nos esforcemos, nunca saberemos agradecela satisfactoriamente! ¡Meu Xesús Cristo, non permitas que sangue de tanto valor sexa derramada inutilmente por min!
Segundo anuncio da paixón. (Mt 17, 22-23; Mc 9, 30-32; Lc 9, 44-45). "Andando eles xuntos por Galilea, díxolles Xesús: -Ó Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero ó terceiro día resucitará. Eles ficaron moi tristes".
Eles ficaron moi tristes... Tristes, si, Señor, polo moito que vas sufrir; ¡o nunca visto, o indescritible! Pero exaltados de gozo se pensamos na nosa redención. O máis lamentable é que, aínda véndote na cruz, sigamos facéndolle o xogo ao diabro.
Querido Mestre, que obrigado che estou! (8)¿Que facemos coa nosa mentalidade actual? Pois que, cando se aproxima a Semana Santa, saltamos de gozo facendo planes para as nosas diversións, para as nosas excursións, para os nosos vicios... ¡Inconscientes; a Semana Santa, nos seus festivos, pouco tempo é para tanto que temos que reflexionar, que agradecer, que predicar co noso exemplo de cristiáns devotos e agradecidos! (Eu tamén o fixen, iso, aproveitarme dos festivos, e se agora non o fago igual é polos meus achaques octoxenarios; unha cousa é predicar, e outra dar trigo!).
O máis importante no Reino do Ceo. (Mt 18, 1-5; Mc 9, 33-37; Lc 9, 46-48). ¡Boa pregunta, si señor; pero a resposta aínda foi mellor! "Naquel momento acercáronse os discípulos a Xesús para preguntarlle: -¿Quen é o máis importante no Reino do Ceo? El chamou por un meniño e púxoo no medio deles; dixo: -Asegúrovolo: se non cambiades e non vos facedes coma nenos, non entraredes no Reino do Ceo. Quen se faga pequeno coma este cativo será o máis importante no Reino do Ceo. E quen acolla a un meniño coma este no meu nome, acólleme a min".
¡Quedou claro, Señor, Mestre excelso: Primeiro quero ser perdoado; e de perdoado, vólveme á inocencia, aos días do meu bautizo! Xa sei que é moito pedir, pero máis milagre piden os políticos nas campañas electorais ofrecendo ceo e terra, cunhas promesas utópicas que eles saben de antemán que non serán cumpridas. Bromas á parte: Facerse coma nenos, recuperar a inocencia, non é doado, pero tampouco imposible; ¿ensaiamos?
Acoller un meniño tamén é educalo, molestarse en brindarlle exemplaridade, acollelo aos preceptos da Igrexa..., para que acabe os seus días camiño do Ceo!
Cos meus antecedentes, cos meus pecados, non podo aspirar a ser grande, a ser importante, no Ceo; pero si, coa axuda de Deus, a ve-la súa Gloria..., aínda que sexa, coma no teatro, desde o galiñeiro!
...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES