Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Querido Mestre, que obrigado che estou! (7)

Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 03 de junio de 2024
O motivo das parábolas, que me tivo moi intrigado ata que puiden ler a Biblia. Véxase Mt 13, 10-17; Mc 4, 10-12; Lc 8, 9-10). "Achegándose os discípulos dixéronlle: -¿Por que lles falas en parábolas? El respondeulles: Porque a vós concedéusevos coñece-los misterios do Reino do Ceo, pero a eles non... Por iso fálolles en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden".

¿Como lles falamos aos nenos para que nos entendan? ¿Con verbas gráficas e sinxelas, con exemplos do seu entorno, con agarimo, subliñando a entoación dos puntos iniciáticos...? Pois algo así tivo que facer o Mestre co seu auditorio, falándolles en e con semellanzas.

¡Aínda dicimos, ou nos preguntamos, o por que Xesús veu tan tarde ao mundo xudeu! O caso é que nin naqueles tempos, nin naquelas alturas da súa civilización, con todo canto levaban avisado, anticipado, os profetas, nin coa de milagres que lle vían facer ao Mestre, aquela xente seguía verde; a "cegueira xudía" non lles permitía afondar no milagre cristiá. Un profeta, si, pero, ¿Fillo de Deus? Xesús seguiu explicando: "¡Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven; e mailos vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ve-lo que vós vedes, e non o viron; oí-lo que vos oídes, e non o oíron".

Insisto, e non me cansarei de repetir: ¡Que ditosos os apóstolos, pero tamén nós, a cabalo dos séculos XX / XXI, que entramos na relixión pola porta do Bautismo, cun historial cristiá saturado de testemuñas, de teólogos esclarecidos, que afondaron nas verdades evanxélicas! Tamén insisto: Temos moito que agradecer, moito e a moitos, pero, facémolo?

Por outra banda, temos un problema de economicidade, pois o que moito recibe moito debe, e canto máis levamos recibido máis débeda a pagar, a sopesar no exame que se nos espera na porta de san Pedro!
-.-

¡Que pretensión a de ser profeta na propia terra! Xesús en Nazaret. (Mt 13, 53-58; e Mc 6, 1-6; e Lc 9,7-9). "E resulta que cando Xesús acabou de expoñer aquelas parábolas marchou de alí, indo para a súa terra. Alí con tal xeito lles ensinaba na sinagoga que dicían abraiados: -¿De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? ¿Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María súa nai; e seus irmáns (parentes, quere dicirse) Santiago, Xosé, Simón e Xudas? E súas irmás (súas primas) ¿non viven connosco? Entón, ¿de onde lle vén todo isto? Estaban realmente escandalizados por causa del. Pero Xesús díxolles: -A un profeta só o aceptan mal na súa casa. E alí non fixo moitos milagres pola falta de fe daquela xente".

¡Pois, ao de hoxe, parecido! Estoume lembrando dunha picardía...; ¡que difíciles son de esquecer as picardías! Non foi na miña parroquia, pero si ao lado: Un rapaz ordenouse de presbítero, pero na súa aldeíña tiñan "don" para calquera dos notables, menos para o seu curiña. O pai, desexoso de enaltecer ao fillo, e se cadra ignorante daquela ensinanza do Mestre, ¿que fixo? ¡Deu en chamarlle de "don" ao fillo, para que o imitasen os veciños! Non resultou, así que o fillo pediu parroquia nos confíns da provincia, onde si se quitaban a pucha para sauda-lo crego! Non hai nada como predicarlles aos forasteiros, pero..., ¡témoslles medo!

A multiplicación do pan. A sacralización do pan foi, tivo lugar, na Santa Cea, pero este milagre Xesús xa o tiña ensaiado, experimentado, iniciado. (Mt 14, 19-21; Mc 6, 30-44; Lc 9, 10-17; Xn 6, 1-14). "E mandando recostar a xente na herba, colleu os cinco bolos e mailos dous peixes, ergueu a mirada ó Ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos ós discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente. E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres e nenos".

Aínda que non fosen cinco mil, que pode ter un senso figurado, literario, de exaltación, certo é que tamén había mulleres, mulleres cos seus nenos. Por algo nos invitou Xesús a pedir no Pater noster "o pan de cada día"; ¡como Deus, estaba disposto a dárnolo! Pero primeiro bendiciuno... Ben o sabía miña nai, que cando nos vía tirar ao lixo algún codelo de pan duro, ou balorento, facíanolo recoller, ¡e bicar!

Agora que vexo a pinos e/ou a eucaliptos a maior parte das terras do meu condado de Chamoso (o Flammoso dos romanos), ¡canto boto en falta aquelas sementeiras, as segas, as mallas...! No Pater noster pedimos o pan, pero non os tixolos, nin as táboas, e menos aínda esas queimas das que tanto gozan os pirómanos. ¿Son os pirómanos, ou son os demos? ¡Para o caso...!

O fermento dos fariseos e saduceos. (Mt 16, 1-12; Mc 8, 14-21). "¡Ollo co fermento dos fariseos e dos saduceos! Entón (ao dicirlles isto) comprenderon que non lles falara de que tivesen coidado co fermento do pan, senón da doutrina dos fariseos e dos saduceos".

Esta advertencia xa nola podían facer, a miúdo, nas homilías parroquiais, pois, aínda que con outros nomes, os fariseos e os saduceos reprodúcense coma os fentos, ¡por esporas!, que así se explica que, con formas máis discretas, pero segue habéndoos, a granel; ¡canto mellores terras máis fentos, máis chupópteros do seu zume!

De propósito: din os economistas que a España do segundo decenio do XXI vai ben, que vai a mellor; en paralelo, as estatísticas dinos que nunca tantos pobres houbo. Unha contradición, non si? Pero o lamentable é que agora non teñamos Mestres que nos alerten deste fermento do fariseísmo actual, dos fentos actuais!

De cando Simón se converteu en "pedra", en pedra angular! (Mt 16, 13-20; Mc 8, 27-30; Lc 9, 18-21). "Respondeu Simón Pedro: -Ti é-lo Mesías, o Fillo de Deus vivo. E Xesús contestoulle: -Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue senón meu Pai que está no Ceo. Eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino do Ceo: todo o que ates na terra, ficará atado no Ceo; e todo o que desates na terra, ficará desatado no Ceo. E mandoulles ós discípulos que non dixen nada (de momento, se entende) de que el era o Mesías".
Querido Mestre, que obrigado che estou! (7)
(¡Por algo lle puxen Pedro, e tamén Paulo, ao meu fillo; os galegos temos a sona de, sempre e de sempre, buscar padriño, buscar recomendación!)

Igrexa: Asemblea, comunidade da Nova Alianza, encamiñada a estende-lo Reino de Deus.

Máis adiante, aquel Pedro, ¡covarde!, de asustado negou coñecer a Cristo; non pode estrañarme, pois facémo-lo tódolos pecadores cada vez que, tamén asustados polas peripecias da vida, chamamos á porta do avogado dos traidores; ¡xa sabedes a quen me refiro! Despois, ao velo coa cruz ao lombo, pesaroso, chorou; ¿facémolo Querido Mestre, que obrigado che estou! (7) nós? Esta é, foi, unha lección que debemos ter ben apresa..., se queremos que, no dies irae, nos deixe entrar, nos deixe pasar, o propio san Pedro!

Xa sabemos, xa entendemos, que iso das "chaves" ten un sentido metafórico, pero moi gráfico: ¡non pode haber rabaño sen pastor, e aínda así, cos lobos á espreita..., que Deus nos ampare! A cruz é a nosa caxata, pero, ¿utilizámola cando nos ronda o lobo das tentacións?

De presente, ¡outro motivo de agradecemento á Divina Providencia!, temos un Pedro excelente; tan valente, que nunca negará a Cristo, aínda que lles teña medo aos cardeais, que, por anciáns, algún igual chochea!
...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES