
Celebramos un ano máis a festa do Corpus. Un día moi especial que as nosas comunidades preparan con especial agarimo: os nenos de comuñón, as alfombras, as procesións... O noso pobo soubo conservar a importancia que ten a eucaristía como o sacramento especial onde queda o mesmo Xesús connosco. Sigamos coidando o noso aprecio á eucaristía celebrada e adorada.
Alégrame moito que este ano en Ferrol se celebre cunha nova iniciativa: un grupo de adoración eucarística na capela das Escravas que permitirá que estea aberta para a adoración durante todo o día. Ata o momento xurdiron corenta e catro voluntarios que, durante unha hora á semana, acompañarán a Xesús Eucaristía e presentaranlle as nosas peticións pola nosa Igrexa diocesana e o noso mundo. Sen dúbida esta constancia no compromiso forxará unha amizade co Señor que lles axudará a mirar o mundo cos seus ollos de misericordia.
E é que necesitamos ser guiados polo Señor para mirar o mundo como El o fai. Porque cando celebramos a eucaristía ou adoramos ao Señor non nos afastamos do mundo no que vivimos, senón que penetramos mellor nel, pois o facemos desde o corazón misericordioso do Señor. Por iso, a festa do Corpus é tamén a festa de Cáritas, que se encarga cada día de abrirnos os ollos a unha realidade que sempre nos desborda.
En efecto, podemos vivir ensimesmados nas nosas propias urxencias e no noso propio mundo de cristal. Pero Cáritas espértanos constantemente para facernos descubrir esoutro lado da realidade que dificilmente cruzamos e co que non queremos enfrontarnos. É o lado dunha sociedade que sofre, que non ten acceso a dereitos, que padece as consecuencias dun modelo económico e social que descarta e exclúe. Son rostros concretos de irmáns nosos que non teñen traballo, que teñen dificultades de acceso á vivenda, que viven a exclusión, que sofren a soidade, que tiveron que emigrar dos seus países...
Neste ano Cáritas diocesana fálanos do empobrecemento de persoas que padecen o encarecemento dos custos da vida; do aumento de familias, maioritariamente de Colombia, Perú, Cuba e outros lugares de conflito, que solicitan axuda para cubrir as súas necesidades nas nosas comunidades de acollida; da cronificación da pobreza que impide os procesos de inclusión por dificultades laborais e doutra clase; da soidade e o illamento de anciáns e persoas soas; da situación dramática de persoas con enfermidades mentais que non teñen os recursos sociais necesarios...
Nestas situacións seguimos escoitando a voz do Mestre que nos chama: "O que fixestes a un destes meus irmáns máis pequenos, a min fixéstesmo". Esta invitación lévanos a non quedar indiferentes ante a realidade que nos rodea. A celebración da festa de Cáritas, a festa do Corpus, permítenos acoller mellor as palabras do papa Francisco: "Podemos corresponder ao amor que Deus ten por nós converténdonos en signo e instrumento dese amor para os demais. Non hai mellor modo para mostrar a Deus que comprendemos o sentido da eucaristía que entregando aos demais aquilo que recibimos".
En efecto, así o testemuña Cáritas: onde se necesita, a través dos seus proxectos, presenzas e iniciativas, abre camiño á esperanza. Descúbroo cada vez que me atopo con participantes de Cáritas que me falan de como atoparon aí unha man de esperanza que fortalece as súas capacidades e posibilidades, que lles axudaron a afrontar os problemas e dificultades con outros.
Esta segue sendo hoxe a tarefa: abrir camiños. Desde logo non está na nosa man solucionar todos os problemas, senón xerar esperanza e facelo sinodalmente: traballadores, voluntariado, sacerdotes, comunidade cristiá, socios, doantes, institucións e empresas colaboradoras, entidades do terceiro sector. Grazas polo voso quefacer e a vosa confianza. Grazas por seguir empeñados en transformar a nosa casa común para facela máis habitable para todos. Que todos atopemos forza e alimento no Pan entregado e no Sangue derramado de Cristo Eucaristía.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol