Estatística escolar de 1908. Escolas que debía ter o Concello de A Pobra do Brollón segundo a Lei de 1857.
A Estadística escolar de España de 1908 indica que o Concello de A Pobra do Brollón en 1908 debía ter seis escolas elementais completas de nenos, seis de nenas e sete escolas elementais incompletas mixtas, en total dezanove, distribuídas as vinte e dúas parroquias en trece distritos: catro nas cabeceiras das parroquias de Castrosante coa escola no lugar de O Busto de Saa, Parada dos Montes, A Pobra do Brollón e Salcedo, máis Golmar na de Abrence, Pereira na de Abrence, Aldea de Abaixo na de Canedo, Cima de Vila na de Cereixa, Lama na de Eixón, A Aira Vella na de Óutara, Arribas na de A Pobra do Brollón, Igrexa na de Vilachá e Pacios de Veiga na de A Ferreirúa coa escola no lugar de Outeiro de Veiga. Agora ben, só tiña dúas escolas elementais completas, a de nenos e a de nenas na capitalidade, a de nenos tiña clase de adultos, máis tres mixtas nos distritos de Castrosante, Pacios de Veiga e Salcedo, as dúas primeiras con clase de adultos.
En resumo, debemos subliñar que o número e o tipo de escolas que recolleu a Estatística de 1908 é igual ao que citamos a finais do século XIX: cinco en A Pobra do Brollón, dúas elementais completas na capitalidade e tres mixtas.
Se facemos a media dos soldos anuais dos mestres en relación coas escolas, sen a gratificación por adultos e outras retribucións, os de A Pobra do Brollón percibían 550 ptas., o que significa que ninguén alcanzaba as 600 ptas.
As escolas no Concello de A Pobra do Brollón de 1900 a 1936.
En 1910 a poboación do Concello de A Pobra do Brollón era de 7672 habitantes de feito (8028 de dereito). Amor Meilán en 1919 mencionaba dezaseis escolas nacionais: nenos e nenas da capital e as mixtas de A Aira Vella de Óutara, Aldea de Abaixo de Canedo, Arriba de Eixón, Castrosante, Cima de Vila de Cereixa, A Eirexa de Vilachá, Lama de Pinel, Parada dos Montes, Pereira de Abrence, Piño, Saa, Salcedo, Valdolide de A Ferreirúa e Veiga, cun total de 700 alumnos. O Concello tiña un orzamento de 39.716,26 ptas. no exercicio 1919-20 e destinaba a instrución pública 2015 ptas.
En 1901 o Boletín Oficial da provincia sinalaba o funcionamento da escola mixta de Salcedo; en 1904, a completa de nenos e máis a de nenas de A Pobra do Brollón e a mixta de Veiga. A Xunta provincial, en sesión do 29/11/1907, informou dos expedientes de aumento de soldo, por razón do censo de poboación, deste Concello mencionaba a mixta de Saa.
En 1911, deuse un cambio na escola mixta de Salcedo, pois pasou a ofertarse como escola de nenos; en 1913, saíu a oposición a de nenos de Veiga; en 1917, creouse a mixta de Piño; e en 1919, creáronse as seguintes escolas mixtas: Lama, Aldea de Abaixo, Valdolide, Pereira, Castrosante, A Eirexa, Arriba, Parada dos Montes, A Aira Vella e Cima de Vila.
Na Gaceta do 15/12/1924 consta a creación de tres escolas mixtas: Liñares, Pacios de Veiga de A Ferreirúa e Lama.
Así mesmo, entre 1923 e 1936 o Boletín recolleu as seguintes escolas mixtas: Aldea de Abaixo de Canedo, A Eirexa de Vilachá, A Aira Vella, Castrosante, Pacios de Veiga, A Estación (no cruce das parroquias de Abrence, Canstroncelos e Cereixa), Castroncelos, Fornelas, Tudriz de Lamaigrexa, Parada, Pradelas de Saa, Cima de Vila de Cereixa, Saa, Lama de Pinel, Ferreiros, Lama de Barxa de Lor, Liñares, Pereira, Salcedo, Santalla de Rei e Veiga.
Ademais, na relación dos locais para colexios electorais figuran as casas das escolas públicas, o que nos permite seguir a evolución das escolas no Concello. Así, en 1909, refería a escola completa de nenas da vila de A Pobra do Brollón; en 1931, a de nenos de A Pobra do Brollón e as mixtas de Abrence, Eixón e A Ferreirúa; e en 1934 engadía a de nenas de Pousa de Saa e as de nenos de Castroncelos e Piño e as mixtas de Parada dos Montes, Salcedo, Liñares, Fornelas e Veiga.
En resumo, neste período o Concello de A Pobra do Brollón pasou de cinco escolas públicas, dúas completas de nenos e nenas en A Pobra do Brollón e as mixtas de Pousa de Saa, Salcedo e Veiga a vinte e seis, que se concretaron nas cinco citadas e as vinte e unha mixtas seguintes: Pereira de Abrence, Lama de Barxa de Lor, Aldea de Abaixo de Canedo, Castroncelos, A Estación (no cruce das parroquias de Abrence, Castroncelos e Cereixa), Castrosante, Cima de Vila de Cereixa, Arriba de Eixón, Ferreiros, Pacios de Veiga e Valdolide de A Ferreirúa, Fornelas, Tudriz de Lamaigrexa, Liñares, A Aira Vella de Óutara, Parada dos Montes, Lama de Pinel, Piño, Pradelas de Saa, Santalla de Rei e A Eirexa de Vilachá, co que todas as parroquias tiñan escola. Ver mapa.
As escolas no Concello de A Pobra do Brollón no franquismo.
Ata 1940 no Concello de A Pobra do Brollón anotamos unha escola máis en relación ás existentes na etapa anterior, ao crearse en 1937 a de nenas de Piño e a mixta converterse en nenos. En 1944 creouse a escola de nenos de Vilachá e a mixta transformouse en nenas. En relación cos locais das escolas, que, en xeral, cambiaron moitas veces de lugar, procede sinalar que este Concello tivo locais oficiais en oito parroquias: Abrence, Canedo, Eixón, A Ferreirúa (Valdolide e Pacios de Veiga), Parada dos Montes, Óutara, Piño e Salcedo.
En relación coas escolas unitarias que funcionaron nesta etapa no Concello de A Pobra do Brollón, debemos expresar que este Concello pasou de cinco escolas públicas a principios de século a vinte e seis escolas públicas en 1936. Unha estatística do Consello Local de 1937 convalida estes datos. Despois da creación das dúas citadas, Piño e Vilachá, estamos en vinte e oito; logo, antes da concentración escolar, en función da supresión de sete escolas, primeiro a mixta de Barxa de Lor, en 1955 a de Veiga, en 1967 a de nenos de Piño e conversión en mixta da de nenas, en 1968 a mixta de Liñares e en 1970 as mixtas de Abrence e Castrosante e máis a de nenos de Vilachá e conversión en mixta da de nenas, quedaron vinte e unha. En 1972 todas as escolas unitarias quedaron concentradas no colexio comarcal. Ver mapa.
En 1948 as cantidades asignadas ás escolas neste Concello para material de ensinanza corroboran a relación expresada.
Tamén debemos sinalar que en 1960 a Orde relixiosa Obreras de Jesús comprou a Casa Grande de A Ferreirúa, e por orde de 1967 converteuse na primeira Escola Fogar que a orde tivo en Galicia.
O ensino público de primaria: as concentracións escolares.
A implantación da EXB, obrigatoria e gratuíta en todo o territorio nacional, fíxose mediante plans rexionais ou comarcais, co obxecto de establecer unha maior igualdade de oportunidades nas zonas rurais e urbanas. A tal fin, decidiuse a constitución de centros de EXB, cunha soa dirección e, ao menos, unha unidade por curso. Este proceso iniciouse conforme ao calendario de aplicación da reforma educativa, dado que en 1970-71 funcionaron con carácter xeral os catro primeiros cursos de EXB e a partir do seguinte implantouse de xeito gradual un curso por ano. Por iso, dende 1972-73, co comezo da 2ª etapa de EXB, interesaba a posta en marcha das concentracións escolares.
Colexio Nacional Mixto Comarcal de A Pobra do Brollón.
En 1972 a Inspección informou que na localidade de A Pobra do Brollón o Ministerio de Educación construíra un edificio escolar destinado á concentración da totalidade dos alumnos de EXB do termo municipal, coa previsión de recepción do edificio ao comezo do curso escolar 1972-73 para 400 escolares matriculados nas 21 unitarias e mixtas existentes. E estaba autorizado o transporte escolar e o funcionamento do comedor. De modo que propuxo crear o Colexio Comarcal de A Pobra do Brollón con 10 unidades, 5 de cada sexo e Dirección con curso (DCC). A continuación, elevouse o expediente á Subdirección Xeral de Centros, coa seguinte composición: 10 unidades de EXB, 1 de Educación Física (EF) de nenos e DCC; alumnos matriculados de EXB, 376; 10 vivendas para os mestres, propiedade do Concello, co que se precisaba 1 indemnización; e alumnos escolarizados, en escolas nacionais, 43 de 2 a 5 anos, 310 de 6 a 14 anos, 46 de ensinanza media e 50 en ensinanza doméstica, en total 499. Ao efecto, integráronse as escolas de nenos e nenas de A Pobra do Brollón e suprimíronse as mixtas de A Estación de Abrence, Canedo, Castroncelos, Cereixa, Eixón, Ferreiros, Pacios de Veiga e Valdolide de A Ferreirúa, Fornelas, Lamaigrexa, Óutara, Parada dos Montes, Pinel, Piño, Pousa e Pradelas de Saa, Salcedo, Santalla de Rei e Vilachá. Despois, por orde non publicada no BOE, creouse o Colexio Comarcal, con 10 unidades e DCC, integráronse as 2 unitarias da localidade e creáronse 8 unidades, suprimíronse as mixtas citadas e os seus mestres usaron o dereito de integración. O Colexio constituíuse ao inicio de 1973.
En 1977 a Inspección manifestou que en A Pobra do Brollón funcionaba un Colexio con 10 mixtas de EXB e DCC. Debido ao exceso de matrícula estimou que era necesario o desdobre dalgúns cursos. Ademais, en núcleos próximos existía un número suficiente de alumnos que non recibían educación preescolar, de modo que propuxo a creación de 2 mixtas de EXB e 1 de preescolar. En relación con esta ampliación, o Xefe de División de Planificación expresou que a matrícula do Colexio no curso 1976-77 fora de 338 alumnos; no curso seguinte contaba 420, co que a relación profesor alumnos superaba 1/35. E sinalaba que, segundo as proxeccións demográficas elaboradas, existía un número de nenos suficiente para poder crear 1 unidade de preescolar, razóns suficientes para a creación de 2 mixtas de EXB e 1 de preescolar. A Unidade Técnica notificou que o Colexio dispoñía de tres aulas sitas no mesmo edificio e o seu estado podía considerarse bo e sen ningún vicio visible que puidera tomarse como ruinoso. De seguido, creáronse as tres unidades.
En 1978 a Inspección informou que en A Pobra do Brollón funcionaba un Colexio con 12 mixtas de EXB, 1 de preescolar e DCC. O Colexio contaba con numerosa matrícula, un alto número de alumnos e alumnas eran transportados e todos usaban o servizo de comedor. Tiña incorporada unha Escola Fogar para nenos, que funcionaba no mesmo edificio, e estaban escolarizadas as alumnas da 2ª etapa de EXB da Escola Fogar de A Ferreirúa. Todo isto supoñía un aumento extraordinario de servizos en relación cun centro normal, de modo que propuxo a transformación da praza de DCC en praza de Dirección con función docente.
En 1983 creouse 1 mixta de Educación Especial e unha máis en 1988, 1 de preescolar e 1 mixta de EXB en 1984, despois suprimíronse 3 mixtas de EXB en 1989 e 1990. En 1996, rematada a implantación da Primaria, o Colexio quedou coas unidades prototipo, 2 de infantil e 6 de primaria.
Escolas Fogar no Concello de A Pobra do Brollón.
Despois da concentración de 1972 non quedaron escolas unitarias no Concello, pero creáronse Escolas Fogar. Neste sentido, debemos dicir que a Escola Fogar de A Pobra do Brollón, anexa ao Colexio, e dependente do Consello Escolar Primario Provincial de Escolas Fogar, funcionou entre 1973 e 1979, suprimiuse en 1980, e atendeu aos alumnos varóns do Colexio: así, no curso 1975-76 constaban 42 nenos.
Por outro lado, en 1960 a Orde relixiosa Obreras de Jesús comprou a Casa Grande de A Ferreirúa, para convertela en Escola Fogar. Foi creada en 1967 con 2 prazas de mestra de clase, o que propiciou que en 1968 Educación construíra un edificio anexo con tres aulas e baños, e autorizara o internado de nenas con 60 prazas. En 1972 dotouse cunha praza de mestra de Fogar, no curso 1975-76 tiña 50 nenas (de 1º a 5º), suprimiuse legalmente en 1980, pero seguiu como Escola Fogar dependente de Menores. Ese ano, ao deixar de funcionar a Escola Fogar do Colexio, moitos dos seus alumnos solicitaron praza na de A Ferreirúa. Esta Escola quedou só como internado e a partir de 1989, en base ás axudas que recibía por neno, contrata ao persoal necesario para o seu funcionamento. A partir da súa dependencia de Menores, cada curso diminuían os de Fogar e aumentaban os de Menores, así no curso 1981-82 houbo 25 nenos/as de Escola Fogar e 9 de Menores, en 1988 eran 9 de Fogar e 78 de Menores, en 1994 tiveron 4 de Fogar (os últimos) e 45 de Menores e en 1999 relacionaban 25.
*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX".