Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas Xacobeas: O Mercado da Serra en Barbadelo (XIII)

López Arias, Xaime (Arlindo) - miércoles, 29 de mayo de 2024
No ano 1872, e a petición dos viciños de Barbadelo, o Concello de Sárria acordou a creación dunha feira mensual en cada día 6. Esta "Feira do Seis" non achou consolidación, en especial por quedar afastada das estradas e foi esmorecendo pouco a pouco e finalmente en 1890 foi trasladada ao Campo da Feira da vila de Sárria.

O lugar da Serra, tamén coñecido como Mercado da Serra, na parroquia de Santiago de Barbadelo, está situado onde se cruzaban o Camiño Francés de Santiago e o Camiño Francés de Lugo a Monforte pola Cervela e Rubián e a vocación de atención a peregrinos e camiñantes vese reflectida na sucesiva presenza de mesóns, tabernas, cantinas e casas de comidas mantida nese punto a través do tempo. Dende A Serra Cousas Xacobeas: O Mercado da Serra en Barbadelo (XIII)saía tamén o camiño que por Castro de Rei e a barca do Pincelo xiraba cara Chantada e Pontevedra.

Na actualidade atravesa o pequeno núcleo, a estrada que vai de Ortoá a Mosteirovello, e o Camiño Xacobeo que deixou atrás Rente e San Martiño, pola ruta canónica actual, segue dende alí cara o Muíño de Marzán.

A súa situación nos camiños de Portomarín e Lemos propiciou que se desen diferentes accións de tráxicas consecuencias no tempo da carlistada, entre elas a queima do mesón e diversos roubos.

Rocho, Cabada, Cortiña, Chousas, Chousa da Serra, Rebouzo, Pedreira, Horto, Chousa do Vello, Taberna, Devesa e Chousa do Campo son os microtopónimos das fincas que atravesa o actual camiño de peregrinos.

No ano 1873 había na aldea seis casas habitadas, número que se mantén na actualidade grazas a seren alzadas tres modernas edificacións. Son as casas Rica, Muiña, Grila, Librada, Paco e Sita e en tres delas hai senllos establecementos hostaleiros que ofrecen comida e bebida e selado de credenciais aos camiñantes. E como lembranza da feira decimonónica aínda hai un grande alpendre onde din "Taberna".

No ano 1840 o Mercado da Serra, ata entón vencellado ao Priorado de Barbadelo e ao Mosteiro e Concello de Samos, integrouse no Concello de Sárria.

É un lugar común, aínda que pouco amparado en datos contrastables, a afirmación de varios autores de que "foi noutro tempo concorrido lugar de contratación ao que soían acodir os xudeus de Portomarín para negociaren e proveer aos peregrinos, e tamén aos mercaderes e axentes das hospedarías de Santiago... (A. Losada Díaz / E. Seijas Vázquez, "Guía del Camino Francés en la provincia de Lugo") e no mesmo sentido Antonio Peña Villamarín.

A celebración dunha moito máis antiga feira no Campo da Serra está documentada no século XVIII, cando entre as que se celebraban na Xurisdición de Samos descríbena así: "E tamén resulta que o martes de cada semana se fai mercado no Campo que chaman da Serra, onde só venden centeo co motivo do tránsito de arrieiros". É máis precisa a descrición contida no Cadastro do Marqués de la Ensenada: "Hai un Mercado chamado da Serra que se celebra todos os martes de cada semana, no que só venden pan, sal e outras menudancias, do que non se pagan dereitos por se acharen na posesión de venderen libremente".

No ano 1872, e a petición dos viciños de Barbadelo, o Concello de Sárria acordou a creación dunha feira mensual en cada día 6. Esta "Feira do Seis" non achou consolidación, en especial por quedar afastada das estradas e foi esmorecendo pouco a pouco e finalmente en 1890 foi trasladada ao Campo da Feira da vila de Sárria.

A apertura da estrada de Nadela a Valdeorras por Sárria anulou o tránsito maioritario polo vello camiño de Lemos e a vía de Sárria Portomarín por Barreiros, paralizada máis Cousas Xacobeas: O Mercado da Serra en Barbadelo (XIII)de sesenta anos en Mouzós, moveu tamén o fluxo de camiñantes máis ao norte, quedando así o lugar arredado dos novos medios de comunicación e estes só chegaron a el cando darredor de 1928 abriron a estrada de Nabás á Feira de Paradela (en Vilamaior).

Á Serra de Barbadelo chegaba tamén o Camiño de Guimarás que dende San Miguel, pola Ribeira de Cervos e Sabenche era un ramal transitado, como atallo, por moitos camiñantes.

Dende o Mercado da Serra, polo Monte de Lamalonga, había corredoiras que ían para o Sisto e Domiz, en Meixente, polos que tamén ían pereginos, camiñantes e traxinates para xirar cara Portomarín.

A ruta marcada coa universal frecha marela, deixando á esquerda a aldea do Monte, segue cara o Muíño de Marzán, ao que adicaremos atención como punto agora relacionado coa estrada pública dos peregrinos.
López Arias, Xaime (Arlindo)
López Arias, Xaime (Arlindo)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES