Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 29 de mayo de 2024
A inocencia que rachou

Estirei a inocencia ata que rachou, precisamente, por inocente. Sinceramente, estaba cansado da miña inxenuidade. Tiña ganas de ser o estralo que rebenta e o berro duro e seco que se estende, que se esparexe, que se propaga. Xa estaba ben de tanta candidez.
Agora son o malo da película que bracea co fouciño na man e funde a forquita no feixe dos bondadosos. Son o parágrafo mal escrito e o árbitro que se despreocupa do Pingas de Orballopartido. Usarei da picardía porque, aquí e alá, coa aguillada tanguerei, acirrarei ós máis parados, ós máis ineptos.
Son a gavela de toxos que pica e o saco de patacas que manca sobre o lombo dos pasmóns, dos paiolos. Son o ruxerruxe mentireiro e o que filma as tomas falsas. Son o veleno que se mete no sangue dos inocentes. A miña inocencia xa rachou para quedar escrita nun recanto do pasado. Son o cabalo do demo que voa sobre as auganas do inferno.
Collo aire ante esta nova personalidade e incho o peito para dicir que certa maldade se deita sobre xergóns cheos de pulgas e piollos, que aniñan nos pelos dos conversos. Intento conducir unha marea de palabras incertas e de maldades diversas. A inocencia navega nas bodegas da Perla Negra.
Estirei a inocencia ata que rachou. Agora son a experiencia que flirtea por entre as lapas do averno. Durante seis días á semana borro os mellores pensamentos para, no sétimo, ser o demo. Son o demo dos benditos, bos e xenerosos; o demo da luz e da claridade, do sol e da vida; e do paso do tempo. Son o angazo que me zoupou no nariz e, a partir de aí, a miña inocencia rachou por ser, precisamente, un inocente.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES