¡Árdelle o eixo!
Editorial - jueves, 16 de abril de 2009
Jesús Fernández, Suso de Foz, cronista oficial do concello focense, ven de recibir da asociación Os Aventados o premio Árdelle o eixo, que teñen instituido para premiar persoas destacadas en iniciativas e realizacións a favor da súa comunidade e dos galegos en xeral. Teñen tamén o premio Árdelle o carro, que non significa o mesmo, e que lle concederon a Begasa, empresa subministradora de enerxía eléctrica na costa lucense.
Os Aventados é un colectivo da mariña lucense formado por artistas, xentes de letras e da cultura, preocupados por mirar arredor de si, que reciben o nome por entender que un vento especial lles afecta para ter esas tamén especiais preocupacións, e influidos polo vento -aventados- entran nunha dimensión nova e profunda desde a que as cousas se ven con moita maior claridade.
O premio Árdelle o eixo a Suso Fernández, colaborador asiduo de GaliciaDigital, énchenos de ledicia por merecido, porque Suso, o primeiro focense e o primeiro mariñeiro da costa lucense é o alma mater das feiras do libro en Foz, creou a primeira imprenta, foi corresponsal de radio e prensa, animador cultural durante medio século, e o mellor relacións públicas que as terras do norte lucense pudieron atopar.
Árdelle o eixo foi de sempre un berro de guerra na nosa terra para indicar que aí queda iso, que así se demostra a forza, que a ver quen mellora o noso. En Suso de Foz xúntanse todos os elementos de valor precisos para convertilo en símbolo. E os Aventados recoñéceno e proclámano.
Por moitos anos, Suso de Foz, movido por eses especiais ventos mareiros dos Aventados. ¡Árdelle o eixo, Suso!.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora