Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ensino primario no Concello de Pantón no século XX.*

Gómez, Pedro - jueves, 30 de mayo de 2024
Estatística escolar de 1908. Escolas que debía ter o Concello de Pantón segundo a Lei de 1857.

A Estadística escolar de España de 1908 expresa que o Concello de Pantón a estas alturas do século debía ter catorce escolas elementais completas de nenos, catorce de nenas e dúas escolas elementais incompletas mixtas, en total trinta, distribuídas as vinte e seis parroquias en dezaseis distritos: seis nas cabeceiras das parroquias de San Roman de Acedre, Frontón, Serode coa escola no lugar de Arribada de San Fiz de Cangas, Siós, Tribás e Vilar de Ortelle, máis Prado na de Atán, Castro na de Ferreira (en 1900 a capitalidade pasou da parroquia de Pantón a Ferreira), Freixedo na de Eiré, Pacios na de Espasantes, Amandi coa escola no lugar de O Barrio na de Pombeiro, O Regueiro na de Pombeiro, Barreal coa escola no lugar de Cruceiro na de Ribeiras de Miño, Castrotañe na de San Vicente de Castillón, Edra na de Sta. M.ª de Toiriz e Aldea de Arriba na de Toldaos. Non obstante, só tiña dúas escolas elementais completas, a de nenos no lugar de Follés e a de nenas en Pantón, onde estaba a clase de adultos, máis catro mixtas nos distritos de Amandi, Barreal, Serode e Tribás, a primeira, terceira e cuarta con clase de adultos.
En resumo, debemos subliñar que o número e o tipo de escolas que recolleu a Estatística de 1908 é igual ao que citamos a finais do século XIX: seis en Pantón, dúas elementais completas (a de nenos en Follés e a de nenas en Pantón) e catro mixtas.
Se facemos a media dos soldos anuais dos mestres en relación coas escolas, sen a gratificación por adultos e outras retribucións, os de Pantón percibían 541,66 ptas., o que significa que ninguén alcanzaba as 600 ptas.

As escolas no Concello de Pantón de 1900 a 1936.
O Concello contaba en 1910 con 12.407 habitantes de feito (13.700 de dereito), capitalidade Ferreira de Pantón. Este Concello cun orzamento de 55.575,18 ptas. en 1919, destinaba a instrución pública 640 pesetas. Tiña seis escolas nacionais: as de nenos e nenas da capital e as mixtas de Cangas, Pombeiro, Ribeiras de Miño e Tribás. Alumnos: 300 de ambos sexos. En relación cos colexios particulares, hai que dicir que se había algún non revestía importancia, se ben citábase a dotación dunha escola.
En 1902 o Boletín Oficial da provincia mencionaba dúas escolas mixtas, Cangas e Ribeiras de Miño; en 1907, aludía ás mixtas de Pombeiro e Tribás, así como á completa de nenos e máis a de nenas de Castro de Ferreira e en 1909 facía referencia á mixta de Vila do Mato de Serode. En 1920, nomeáronse os mestres das escolas nacionais de San Román de Acedre, Prado de Atán, Freixedo de Eiré e Siós.
Na Gaceta do 15/12/1924 figura a creación de catro escolas mixtas: Castro de Ferreira, Follés de Pantón, Frontón e Regueira de Santalla de Toiriz.
Ademais, na República o Boletín recolleu as escolas de nenos e nenas de Frontón e as mixtas de Castillón, Santa Mariña de Eiré, Pacios de Espasantes, Regueira, Amandi de Pombeiro, Ribeiras de Miño, Outeiro de Moreda, Castrotañe e Galegos de San Vicente de Castillón, Vila do Mato de Serode, Següin e Lamela de Tribás.
En 1934 o periódico local monfortino El Combate, en relación co Concello de Pantón -que, daquela, tiña 11.800 habitantes de dereito e un orzamento de 62.222 ptas.-, sinalaba que en Bos Aires (Arxentina) se constituíra unha sociedade titulada "Fillos de Marce". Esta información destacaba que os seus socios, naturais de Marce, pequeno lugar da parroquia de Vilar de Ortelle, co desexo de que o seu pobo prosperara, enviaban con frecuencia auxilios pecuniarios para a execución de obras públicas, cos que facía pouco tempo construíran un edificio destinado a escola. Esta noticia, remarcaba o semanario, debería servir de estímulo para que noutros lugares do partido xudicial de Monforte xurdiran homes como os deste pobo, que desde tan afastadas terras se lembraban da súa.
Igualmente, na relación dos locais para colexios electorais aparecen as casas das escolas públicas, o que nos facilita seguir a evolución das escolas neste Concello. Así, en 1909, refería a escola completa de nenos de Castro de Ferreira, a completa de nenas de Follés de Pantón e as mixtas de O Barrio de Pombeiro e Vila do Mato de Serode; en 1931 as de nenos de Castro de Ferreira, Follés de Pantón e O Barrio de Pombeiro e as mixtas de Albarde de Atán, Xesteira de San Vicente de Castillón, Serode de San Fiz de Cangas e Marce de Vilar de Ortelle; e en 1933, 1934 e 1935 engadía as mixtas de Acedre, Bazal de Pombeiro, O Barrio de Eiré, Castillón, Ribeiras de Miño, Outeiro de Siós, Saa de Sta. M.ª de Toiriz e Santalla de Toiriz.
De todo o anterior, extraemos unha dedución de interese, a de que as escolas de nenos e nenas da parroquia de Pantón pasaron a unha mixta, mentres na parroquia de Ferreira primeiro creouse unha mixta e algún tempo despois desdobrouse en nenos e nenas, en función do cambio de capitalidade. En resumo, neste período o Concello de Pantón pasou de seis escolas públicas, dúas completas de nenos e nenas na parroquia de Pantón e as mixtas de Cangas, Pombeiro, Ribeiras de Miño e Tribás a vinte e nove, que se concretaron nas seguintes: as de nenos e nenas de Castro de Ferreira, nenos e nenas de Frontón, nenos e nenas de Siós e Vilamelle e nenos e nenas de Igrexa de Toiriz e as mixtas de San Román de Acedre, Prado de Atán, Cangas, Castillón, Freixedo e Santa Mariña de Eiré, Pacios de Espasantes, Goián de Ferreira, Outeiro de Moreda, Follés de Pantón, Amandi e O Barrio de Pombeiro, Ribeiras de Miño, Castrotañe e Galegos de San Vicente de Castillón, Regueira de Santalla de Toiriz, Següin, Vila do Mato de Serode, á que ían nenos de Espasantes e San Fiz de Cangas, Lamela e Tribás de Tribás e Marce de Vilar de Ortelle, co que a maioría das parroquias tiñan unha escola, agás Deade, Mañente, San Fiz de Cangas, Santo Estevo do Mato e Toldaos. Ver mapa.
O ensino primario no Concello de Pantón no século XX.*

As escolas no Concello de Pantón no franquismo.
Ata 1940 no Concello de Pantón creáronse dúas escolas novas con respecto ás existentes na etapa anterior, en 1936 a mixta de Aldea de Arriba de Toldaos e en 1937 a de Casebio de Deade, pois as de nenos e nenas de Amandi de Pombeiro que se crearon en 1939 foi por conversión das mixtas. En Frontón funcionaban unha unidade de nenos e unha de nenas dende 1932, pero ao redor de 1940 conformaron de novo unha mixta. Así mesmo, en 1940 creouse a escola de nenos de Marce de Vilar de Ortelle e converteuse a mixta en escola de nenas. En 1948 tivo lugar a creación da escola de nenos de Atán e a mixta pasou a escola de nenas, o mesmo que en 1956 en Freixedo, Castrotañe e Aldea de Arriba, máis a creación da escola de párvulos de Ferreira e en 1957 a mixta de Torre de Vilamirón. Dependente do Consello Escolar Primario Saltos do Sil, creouse a mixta de A Chaira (Frontón) en 1959 e en 1963 a mixta de San Pedro (Pombeiro). A escola mixta de A Estación de Santo Estevo (Frontón) creouse en 1963. En relación cos edificios das escolas, debemos expresar que este Concello tivo locais oficiais en sete parroquias: Acedre, Atán, Ferreira, Frontón (locais construídos pola empresa Saltos do Sil en A Chaira), Pantón, Tribás e Marce (sufragada polos emigrantes).
En relación coas escolas unitarias que funcionaron nesta etapa no Concello de Pantón, debemos subliñar que en 1936 tiña vinte e nove escolas públicas. Unha estatística do Consello Local de 1937 certifica estes datos, se ben as escolas de nenos e nenas de Frontón pouco tempo despois volveron a ser unha mixta, o que significa que se quedaron en vinte e oito. En 1972, antes da concentración escolar, había trinta e nove escolas, en función das creadas neste tempo, un total de once que relacionamos no parágrafo anterior, e a supresión en 1969 da de nenos de Marce e conversión en mixta da de nenas; nese momento pecharon dezanove; logo, antes da ampliación de 1978, suprimiuse a escola de nenos de Pombeiro e converteuse en mixta a de nenas en 1976, ao igual que Toiriz en 1977. Na ampliación pecharon catorce e con data posterior suprimíronse as mixtas de San Pedro en 1978, A Chaira en 1979, Pombeiro en 1983 e San Román de Acedre en 2003. Só tres parroquias, Mañente, San Fiz de Cangas e Santo Estevo do Mato non tiveron escola. Ver mapa (Indicar que na parroquia de Pombeiro falta a escola mixta de San Pedro). O ensino primario no Concello de Pantón no século XX.*

En 1948 ratificamos unha vez máis as escolas citadas ao comparar estas coa relación de escolas con cantidades asignadas para material de ensinanza.

O ensino público de primaria: as concentracións escolares.
A implantación da EXB, obrigatoria e gratuíta en todo o territorio nacional, fíxose mediante plans rexionais ou comarcais, co obxecto de establecer unha maior igualdade de oportunidades nas zonas rurais e urbanas. A tal fin, decidiuse a constitución de centros de EXB, cunha soa dirección e, ao menos, unha unidade por curso. Este proceso iniciouse conforme ao calendario de aplicación da reforma educativa, dado que en 1970-71 funcionaron con carácter xeral os catro primeiros cursos de EXB e a partir do seguinte implantouse de xeito gradual un curso por ano. Por iso, dende 1972-73, co comezo da 2ª etapa de EXB, interesaba a posta en marcha das concentracións escolares.

Colexio Nacional Mixto Comarcal de Pantón.
En 1972 a Inspección informou sobre a concentración escolar de Ferreira de Pantón. Existía un edificio recente construído con 10 aulas, que permitía a creación do Colexio Comarcal, con 5 unidades de nenos, 5 de nenas, 1 de preescolar e Dirección con curso (DCC). Ao propio tempo, solicitou a transformación en preescolar da escola de nenas de Freixedo de Eiré e da mixta de San Román de Acedre, onde había suficientes alumnos de preescolar. No centro integraríanse as tres da capitalidade, as dúas transformadas e 17 unitarias e mixtas.
Despois, o Delegado presentou o expediente da Inspección para crear o Colexio Comarcal de Pantón. Alumnos matriculados en EXB, 408; había 8 vivendas propiedade do Concello e precisábanse 3 indemnizacións; alumnos escolarizados: 62 en escolas nacionais de 2 a 5 anos e 625 de 6 a 14 anos, 74 en ensinanza media, en total 761; e 39 unidades escolares nacionais. E solicitaba a integración das unidades de nenos, nenas e párvulos de Ferreira; máis a supresión das escolas de nenos e nenas de Eiré, nenos e nenas de San Vicente de Castillón, nenos de Siós e nenas de Siós-Vilamelle, nenos e nenas de Toldaos e mixtas de San Román de Acedre, Cangas, Deade, Santa Mariña de Eiré, Espasantes, Goián de Ferreira, Moreda, Pantón e Següín. En consecuencia, creouse o Colexio Comarcal de Ferreira de Pantón con 11 unidades e DCC. De seguido, púxose en funcionamento coa integración das tres unidades da localidade, máis a creación de 8 unidades. Na correspondente Orde suprimíronse as escolas citadas, agás a mixta de San Román de Acedre, mentres que a de nenas de Eiré transformouse en preescolar.
En 1974 o director do Colexio expuxo que no curso 1974-75 tiña unha previsión de matrícula de 410 alumnos, e carecía de profesor de Educación Física (EF) para nenos. Vista a solicitude, a Inspección estimou que procedía. Ao respecto, o Xefe da División de Planificación informou de xeito favorable. A Unidade Técnica referiu que o Colexio contaba con ximnasio, patios de recreo cubertos e campos de xogo; en consecuencia, o Delegado elevou o expediente ao Subdirector Xeral de Centros para crear dita praza, pero non prosperou, porque o Ministerio non autorizaba a creación de prazas de EF ao considerar que todos os mestres, en idade adecuada, estaban capacitados para impartir dita especialidade; se ben, entendía a conveniencia destas prazas, cando o permitiran as dispoñibilidades orzamentarias.
En 1975 a Inspección informou que no curso 1975-76 a matrícula do Colexio estaría ao redor dos 500 alumnos, o que comportaba que a dirección non puidera seguir como DCC, de xeito que propuxo crear 1 unidade mixta e transformar a DCC en Dirección con función docente (DFD). En relación con iso, o Xefe da División de Planificación expresou que o Colexio con 440 alumnos tiña unha relación profesor alumnos superior a 1/35 e unha complexidade crecente, razóns suficientes para crear 1 unidade mixta e modificar a DCC en DFD. Pero, o Xefe de Servizo de Centros comunicou que non se podía crear a praza de DFD por non estar o centro constituído por 16 unidades de EXB.
En 1978 a Inspección informaba que dende o curso 1976-77 o Colexio funcionaba con 12 mixtas de EXB, 1 de preescolar e DCC. No Concello existía un alto número de escolas de mestre único con escasa matrícula e desde Ferreira había boas vías de comunicación a todas as localidades con escolas, o que aconsellaba a ampliación do Colexio e a supresión das unitarias. Por outro lado, a carón do Colexio construíranse novos locais ao efecto, coa capacidade para a ampliación que se pretendía, ante o que propuxo a ampliación do Colexio en 11 mixtas de EXB e DFD e a supresión de catorce escolas: nenos e nenas de Atán e as mixtas de Castillón, A Estación, Frontón, Torre de Vilamirón de Pombeiro, Ribeiras de Miño, Galegos de San Vicente de Castillón, Santalla de Toiriz, Mato de Serode, Toiriz, Lamela de Tribás, Tribás e Marce. En relación con esta ampliación, o Xefe da División de Planificación sinalou que o Colexio tiña 487 alumnos de EXB e 28 de preescolar, concluíran as obras de construción dos novos locais e o alumnado das unitarias e mixtas podía transportarse, así pois emitiu informe favorable. A continuación, o Colexio de Pantón ampliouse.
Ao longo dos anos oitenta suprimíronse 6 mixtas de EXB e creouse 1 de Educación Especial e 1 de preescolar. En 1990 pecháronse 3 mixtas de EXB, en 1992 e 1993 tres postos de Ciclo Inicial e Medio, en 1995 un posto de Lingua Castelá Francés e en 1996 o Colexio de Educación Infantil e Primaria reduciuse a 2 unidades de infantil e 6 de primaria. En 1998 adoptou a denominación específica Monte Baliño.
En relación coas escolas unitarias de preescolar no Concello de Pantón, en 1972, coa concentración escolar no Colexio Comarcal, tivo lugar a transformación da escola de Freixedo de Eiré de nenas en preescolar, que se suprimiu en 1986. Ademais, creouse unha unidade de preescolar en Toiriz en 1978, que se suprimiu en 1995. Caso especial foi a escola de San Román de Acedre, que funcionou sempre como mixta, a pesar da proposta en 1972 de modificación en preescolar, pero seguiu como mixta ata a súa supresión en 2003.

*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX. Mapas das escolas e centros".
Gómez, Pedro
Gómez, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES