Fiz, Letras Galegas 2025?
Santalla, Iago - miércoles, 29 de mayo de 2024
De novo, despois do 17 de maio, toca continuar co ano Luisa Villalta. Non en tanto tamén sabemos que é tempo de que académicas e académicos da RAG fagan as súas candidaturas, xa que entre xuño e xullo acostuman a decidir.
Quen isto escribe é un ninguén (como o Balbino) pero que sabe ben o que supón vivir con diversidade funcional na aldea. Fiz Vergara Vilariño, é o poeta de Santalla de Lóuzara. Fáltanos dende hai máis de 25 anos porque, quizais farto de límites, foise en voo libertario. Antes decidiu ser poeta, aí diluíu as barreiras e converteu en beleza os desacougos existenciais cantando á paisaxe que amaba pero que, ao mesmo tempo, o limitaba.
Son moitos os poemas de Fiz que enchen o corazón, moitos os que tratan de xustiza social e moitos, tamén, nos que amosa preocupación pola realidade. Falamos dun home que loitou, por exemplo, porque o colexio de Lóuzara tivera unha boa biblioteca.
Co pouco que tiña a man non só creou se non que foi un difusor de cultura. Así, levou a Lóuzara a boa parte da súa xeración e alí unha ruta con esculturas sobre aqueles poemas dedicados ao pobo lembra o seu paso pola vida.
O 2025 podería ser un bo ano para lembrar a Fiz e erguelo como exemplo de diversidade. Como exemplo de todo o que avanzamos a forza de traballo e como exemplo, tamén, de que un verso pode erguer as conciencias imprescindibles para mudar o mundo.
Para ir animando a causa deixo un poema Louzariño de Fiz cun desexo: que o seu nome sexa o rechouchío poético do 2025.
Viñeches de Verín para Santalla
a amoleceres canta mágoa eu tiña,
zaldareta cadela, cadeliña,
cativa compañeira de batalla.
Recibinte con gozo (e non con tralla),
e púxenme a facerche unha maseira,
mentres ti reloucabas brincadeira,
ou buscabas condoito entre a framalla.
Amostreiche a Fontela do Muíño,
a eirexa parroquial, o camposanto:
¡a Lóuzara Xabreira envolta en pranto...!
Prometinche querer, darche cariño,
ateigarte de vida... E, mentres tanto,
fuxíronme as soidades a modiño.
Animal sen fel p. 25.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora