Como se fai para mirar unha vaca nunha feira antes de mercala
1.1.- A vaca sempre foi un animal totémico, moi querido na nosa cultura labrega, neolítica por outra parte; grazas a ela moitos dos que hoxe temos uns aniños, estamos vivos, a vaca na nosa Galiza sempre foi motivo de culto, como unha deusa que nos

sacaba da fame, que nos daba o leite, queixo, manteiga, carne e por riba de todo os cartos necesarios para ir subsistindo coa venda dos xatos e aínda por demais era como ter un tractor, pois era a que traballaba as fincas e a que levaba no carro todo o necesario para a nosa subsistencia, desde as patacas ao esterco para sementar, a madeira para nos quentar, o trigo para a palleira, a pedra para facer as casas etc. etc. Por iso cando a vaca morría ou tiña que ir para o matadoiro, os da casa sentíano tanto como se se marchase outro membro máis da familia porque a Roxa, a Marela, a Lucera, a Pomba... eran símbolos de riqueza, de mantenza e poderío por parte das familias, a ela acudiamos e con ela conviviamos e aínda a súa calor era a calefacción das nosas habitacións que estaban sempre por riba das cortes, por iso para mercar unha vaca había que poñer todos os sentidos e, "sea caso", que botar man de xente que soubese.
Para mercar unha vaca o primeiriño de todo é mirala no seu conxunto para saber aproximadamente canto diñeiro podes dar por ela, que é o mesmo que saber canto vale. Sobre todo hai que mirarlle a cabeza, as cornas e a elegancia da vaca na súa feitura xeral.
Despois míraselle A BOCA poñéndose unha das mans do comprador que agarrará as aberturas do fociño, apertando, e coa outra ábreselle a boca apartándolle os labios inferiores para saber de que dentes é. Hai que pensar que a mandíbula superior non ten dentes, mais si ten unha especie de colchonciño óseo, de aí que haxa que mirar soamente a mandíbula inferior, cousa que a maior parte da xente non sabe. Se ten dous dentes grandes no medio do padal, é de "dúas palas ou de palletas", e dise que a vaca en cuestión é de "dúas palas" que equivale a dous anos de vida.
Se ten catro dentes grandes, tamén no medio do padal é de tres anos, e se ten seis dentes grandes, é de catro anos. Se ten oito dentes, tamén grandes, ou se está criando os dous últimos é o que se chama "estar cerrando", é dicir, de seis anos.
Os dentes ás vacas, non lles caen, aínda que poden rompelos. A partir dos seis anos xa é moi difícil saber cantos anos ten a vaca e, para sabelo, hai que lles mirar os cornos, sempre e cando non fosen amañados.
Como se amañan os cornos? Córtase de cinco a dez centímetros o corno pola punta cunha serra e despois cun cepillo das zocas vaise quitando labras ata arredondalo e afialo como se fose madeira, despois líxanse un pouco con lixa grosa e fina e xa a vaca semella ter menos anos e non hai quen diga que é a mesma, sobre todo cando ten cornos desiguais ou cando os cornos son moi altos.
Despois de mirarlle a boca é cando comeza o trato, e desde que se trata o comprador debe REXISTRALA.
(Continuará...)
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero