Mt 4, 23-25: "Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo. Falábase del en toda Siria e traíanlle enfermos con toda clase de doenzas e de padecementos, endemoñados, epilépticos, tolleitos; e a todos curaba. Eran moitos os que o seguían, un mundo de xente chegada de Galilea, Decápolis, Xerusalén, Xudea e da outra banda do Xordán".
¡Incrible nun home, por profeta que sexa; iso só o poder facer Deus, sexa na persoa do Pai, do Fillo, ou do Espírito Santo! Tenme abraiado o feito de que tivésemos falsos profetas, falsos predicadores, que inventasen, ou modificasen, relixións, sen outra sapiencia e sen outros méritos que a súa presunción; con todo, tiveron crentes, tiveron seguidores! Só cabe unha explicación: Chamamos burros a certos animais, cando, de feito, sómolo nós! ¡Canto nos queda que facer para desasna-lo mundo; cantos mestres, alumnos do Mestre, se precisan para contrarrestar aos falsarios..., e por engado, de presente, os seminarios baleiros!
¿Nas sinagogas, que? Tamén o explicou Xesús, tamén, que El non viñera para derrogar a Lei senón a perfeccionala. Está en Mt. 5, 17: "Non pensedes que vin derroga-la Lei e os Profetas; non vin para derrogar senón para dar cumprimento". ¡Oh, Deus, que favor nos fixeches ao permitirnos nacer no cristianismo, contigo de Mestre, pois os anteriores, demostrado quedou, era simples substitutos, embaixadores mínimos, coa única misión de iniciar as leccións, de anunciar que, cando os tempos fosen chegados, oportunos, teríamos un Plenipotenciario celestial, concretamente na segunda persoa da Santísima Trindade! ¿Daquela, por que non veu antes? Esta pregunta téñoma feito, xa de neno, pero agora, con algo máis de coñecementos históricos, comprendo que só había un pobo, unha cultura, medio preparada polos profetas, que medio o entendese; os outros estaban, seguían, adorando naqueles ídolos da súa imaxinación diabólica.
Amor ós inimigos. (Mt 5, 43-48; Lc 6, 27-28. 32-36). "Tedes oído que se vos dixo: Amarás ó teu próximo e aborrecerás ó teu inimigo. Pero eu dígovos: amade ós vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no Ceo, que fai saí-lo seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos. Porque, se amades ós que vos aman, ¿que recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E se saudades soamente a vosos irmáns, ¿que facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede bos sen exclusivismos, como o voso Pai Celestial é totalmente bo".
Señor, a miña experiencia persoal, ¡e xa pasei dos oitenta!, coido que ten algo de evanxélica: ¡Débolles moitísimo aos inimigos, e sería un desagradecido se non llelo recoñecese! Débolles máis que aos amigos, pois os inimigos, resaltando os meus defectos, puxéronme en garda, estimuláronme para capacitarme, para emendarme, para espelirme; en definitiva, para ser prudente, cousa que, aínda que non a vexo no Catecismo, expresamente quero dicir, non deixa de ser unha virtude!
Cando recedes... (Mt 6, 5; e Lc 11, 2-24) "Cando recedes non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nos recantos das rúas..., para que os vexa a xente!". (Cando lin esta advertencia, non sei se foi Deus ou o diabro, non me librei da lembranza de don Hermenegildo entrando e saíndo das catedrais, ¡baixo palio!).
¡Oh, Deus, Santísimo Pai, que nos permites invocarte de "ti" no Noso Pai; non cabe un paternalismo meirande, non Señor! ¿E con iso e con todo, hai blasfemos? ¡Só nos falta levar unha albarda!

¿Meu querido Mestre, son o teu morgado, teño mellora? ¡Pobriño! ¿Apéate da soberbia e mira ao redor: ti es un de tantos, un dos netos daquela Eva, así que, xa volo dixen, que así o recolle Mateo, en 7, 1-5, (pero tamén Lc 6, 37-38. 41.42)! "Non xulguedes para que nos vos xulguen a vós. Porque co xuízo que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós. ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? E, ¿como lle vas dicir a teu irmán: "Deixa que che quite o lixo que tes no ollo", tendo ti unha trabe no teu? ¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quita-lo lixo do ollo de teu irmán".
¡Señor, volvo a poñerme de xeonllos porque..., porque non reparara niso! Houbo, aquí en España, unha obra de teatro que se titulaba, "Mecachis, que guapo soy", e daquela, eu, na miña soberbia, cheguei a pensar que ía por min. ¡Guapo quedei co bautizo, no bautizo, pero despois diso vaguei polas cortes da vida; polas cortes do esterco, pero tamén estiven en Madrid, que xa daquela era contaminante! Señor, o que me reste de vida quero vivilo no mundo real, e non no teatral. Tres agradecementos teño, debo, entre outros que sería prolixo enumerar: A Ti, meu Cristo, Mestre perfecto, non

sempre atendido, nin entendido; á Nai que me adoptou daquela no Calvario; e tamén, ¡tamén!, a nai que me pariu, pois, en colaboración co resto da familia, ben que se esmerou en educarme na humildade, pero..., ¡a miña xordeira, que só oía a quen non debía!
Dicían na miña aldeíña que, "O falar non ten cancelas"; pois convén poñerllas pois a lingua é coma o gatillo das pistolas, doado de darlle, pero con consecuencias que poden chegar a ser mortais. Difamar é como tirar pedras no mar, que se expanden os círculos!
De aquí en diante heille facer máis caso á miña dona, que ela vén dos Sanxurxo, (José María Díaz Sanjurjo, bispo, mártir en Tonkin), e con iso, ou por iso, ten saberes de santidade.
-.-
Hai unha cita en Mateo, (7, 15-16), pero tamén en Lucas, (6, 43-44), que tampouco nos debera pasar desapercibida, maiormente aos que nos criamos nas leiras: A árbore coñecese polos seus froitos. "¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovelliñas, pero no fondo non son máis que lobos raspiñeiros! Polos seus froitos coñecerédelos".
¡Canto hai que aprender para aprender a coñecer a xente que nos rodea, que nos aconsella, que nos empurra por barrancos satánicos! Os de daquela atrevéronse a crucificar a Cristo, pero estes diabros actuais, de ter ocasión, farían outro tanto; ¡atentos aos seus froitos se queremos coñecelos, se queremos manternos en garda permanente!
¿A quen temer? (Mt 10, 26-28), e (Lc 12, 2-7). "Pero non lles teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo... Non lles teñades medo ós que matan o corpo pero non poden mata-la alma; temede máis ben a aquel que pode arruina-lo corpo e a alma no inferno". ¿Quen dixo que non hai inferno se o di o propio Xesús? ¡Pero é igualmente certo que só vai ao inferno o que quere ir! ¿Ti queres ir? ¡Pois eu, non; non o quero, nin para min, nin para a miña xente; ou máis especificamente: ¡para ninguén!!
Podemos identificar a un falso mestre ou a un falso profeta ao examinar as súas ensinanzas, e posteriormente a súa conducta á luz das Escrituras. Se o que eles están ensinando non é conforme co que o Espírito Santo ten revelado claramente nas Escrituras, é que son falsos mestres, e deberán ser ignorados, aínda que vivan vidas extraordinarias, incluso se parecen ter visións sobrenaturais, ou aínda que pareza que realizan milagres. ¿Por que admiramos os trucos do circo? ¡Simplemente porque o noso cerebro é lento, e non dá procesadas as secuencias das visións recibidas!
É difícil ser un pobo de verdades nun mundo de falsidades, e é correcto que un home se preocupe, no só por si mesmo, senón, e tamén, pola súa esposa/o e fillos. Porén, a Biblia non nos deixa quedar na escuridade. Existen algúns pasos fundamentais que podemos tomar para protexer á nosa xente na súa xuventude, e preparalos para que permanezan firmes na madurez, na medida en que medran e deixan os nosos fogares. ¡Como sentinelas que somos das sucesivas xeracións, "ollo ao parche", que dicía aquel "noivo da morte", Millán Astray!
Outro máis sensato e máis práctico que Millán Astray, Henry Ford, dixo: "Ninguén logra unha reputación polo que vai facer (polo que promete facer)". ¡Isto si que é acertado: Aternos aos feitos, ao pretérito, pois no futuro pode haber esquecementos, esquecementos e/ou imposibilidades!
...Gómez Vilabella, Xosé M.