Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A novela gráfica das Memorias dun neno labrego

Sampedro, Pilar - jueves, 23 de mayo de 2024
Acaba de publicarse a banda deseñada elaborada por Iria Aldegunde do libro que se di máis lido e traducido da literatura galega: Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

Neira Vilas é moito máis que Memorias dun neno labrego pero esta é a súa obra fulcral na que non só se viron e ven reflectidos os galegos e galegas (labregos e A novela gráfica das Memorias dun neno labregonon) senón tamén o resto dos pobos do mundo, porque coma ben dixo Alonso Montero o día do pasamento do seu autor: "hoxe quedan orfos os desherdados do mundo". Montse Dopico tense referido ás Memorias como "A memoria dos ninguén (...) Un "ninguén" que falou por todos os outros ninguén, que somos nós." Porque cada vez que alguén se sente un ninguén, que alguén se sente tratado inxustamente, que hai alguén que remoe os pensamentos e reflexiona sobre o realidade... aí está Balbino, porque os sentimentos -como ben di Iria- son atemporais e esta literatura universal pois trata a morte, o amor, a perda, a soidade... e tamén porque só cando escribimos o local chegamos ó universal.

Como lembramos, Memorias dun neno labrego cunha serie de iniciativas creativas ao redor da obra. Así, podemos escoitar a canción d'A Quenlla, ver a obra de teatro Memoria das memorias dun neno labrego de Cándido Pazó, as lecturas colectivas colgadas na rede, as tentativas de audiovisual e roteiro literario... e agora a banda deseñada.

Estamos en tempos de novela gráfica. Tanto Galaxia como Xerais estanse esforzando en encher ese oco que ficaba no sistema editorial galego. Lembramos Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz realizada por Antonio Seijas, O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila realizado por Pablo Prado, O paso do Noroeste de Queipo con imaxes de Primitivo, Cinza sobre A nosa cinza de Xavier Alcalá realizada por Manel Cráneo, Fariña de Nacho Carretero realizada por Luís Bustos, Lois Pereiro. Breve encontro de Jacobo Fernández Serrano, Carvalho Calero. Corazón de terra de VVAA, Bo tempo de Alberto Díaz, Os Suicidantes de Diego Ameixeiras realizado por Manuel Barreiro... pero ninguén fixera a de Memorias ata que chegou Iria que semellaba estar predestinada.

Unha moza dunha familia moi querida en Santiago e Galicia, neta de Chao Rego. Unha foto cos dous lendo, cada un no seu libro en galego, serviu de imaxe para a homenaxe que se lle fixo ao escritor por parte de varias asociacións na Biblioteca Ánxel Casal hai uns anos. Esa imaxe xa o di todo e fala do amor pola lectura e os libros e foi conducindo a Iria ata este long seller. Nomear a familia é falar de valores de identidade e bo facer como puído verse ao longo de quince anos nos que o pai, Luís Aldegunde, levou a cabo o Telexornal das Letras co alumnado do CPI de Rois e con Roi (e non se trata dun xogo de palabras), o seu fillo, cando este era un pequerrecho que falaba de ilustres. Unha familia que dá exemplo do mellor do país.

Iria, combina a licenciatura en filoloxía inglesa coa formación en banda deseñada en O Garaxe Hermético de Pontevedra, onde foi premio de fin de curso, ex aequo con Pablo Simal en 2022 e ten participado xa nos libros colectivos Florencio (Florencio Delgado Gurriarán no seu ano das Letras (2022) e Gaspariño XXI (2023), ambos baixo a dirección de Kiko da Silva.

Fala ela da identificación co libro cunha personaxe diferente en cada idade, esas capas de lectura que se van acumulando conforme nos facemos maiores; pero tamén fala de como se enfrontou ao reto, da responsabilidade que sentiu ante unha obra dese calado, da importancia que lle dá aos fondos e a ambientación, de como se documentou e de como este traballo lle serviu para afondar na obra pero tamén no mundo rural e incluso na familia dos avós paternos dunha aldea de Lugo de doce veciños. Ela, aparece na foto da lapela a carón dunha empacadora sendo cativiña, e confirma que este cómic é a súa caixiña, aquel tesouro de Balbino que lle fora arrebatado pola riada.

É fermoso escoitala e recomendo asistir ás presentacións que poda realizar porque as súas declaracións son imprescindibles, por exemplo, cando fala de que alumear este proxecto lle deu moita vertixe pero foi unha pulsión polo amor que lle ten ás Memorias dun neno labrego.

As memorias dun neno de caseiros que nin casa nin terra de seu tiñan e que seguirán falando deste anaco do mundo no futuro igual que o levan facendo ao longo de máis de medio século.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES