Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A tarefa do pensar

Agís Villaverde, Marcelino - martes, 21 de mayo de 2024
Atribúese a Derek C. Bok, ex-reitor da Universidade de Harvard, a frase "se cren que a educación é cara, pensen canto custa a ignorancia". Calquera concordaría sen dificultade en que a ignorancia é bastante máis cara e ten peores consecuencias para calquera sociedade que a educación e a cultura.

Con todo, non é tan doado explicar cales son os factores que están detrás da mala educación, aínda que as súas consecuencias sexan nefastas e afecten os principios reitores dunha nación. Estou convencido de que un dos factores da mala educación ten que ver coa diminución das humanidades, en xeral, e da filosofía, en particular, no ensino, reflexo do pouco que importan estes antigos saberes nas nosas vidas. As humanidades esmorecen a mans do que Ortega chamou hai case un século a "barbarie do especialismo". Chegan novos coñecementos aos que cómpre facerlles un oco no currículo e guíndase co vello.

Poida que aceptemos coa boca pequena que a filosofía é fundamental porque se relaciona coa nosa capacidade humanísima de pensar, de decidir o que nos convén sopesando razóns, de defendernos criticamente da mentira ou de garantir o libre exercicio dos nosos dereitos nunha sociedade que promova unha vida digna en institucións xustas.

Pero o certo é que paulatinamente fomos marxinando á Filosofía no ensino, esquecendo que non é só unha materia académica senón unha parte esencial do noso modo de ser e de estar no mundo. A Filosofía forma parte da tarefa permanente de coñecerse a un mesmo, de dar sentido a todo o que nos rodea, de encarar criticamente a realidade para enfrontarnos aos múltiples desafíos do noso tempo, e de relacionarnos de forma creativa co mundo e cos demais.

Pero se a filosofía é o pensar, e renunciar a ela achéganos a unha forma de soidade que ameaza con diluírnos na nada, a educación ten como misión primordial facer pensar ou, o que é o mesmo, responsabilizarnos da tarefa de chegar a ser homes. Non coñezo dúas actividades máis solidarias que estas: filosofar e educar, pensar e facer pensar. Confío en que esteamos aínda a tempo de salvalas.

Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES