Algúns datos relevantes a partir dos anos setenta.
O modelo de escolarización máis importante dos anos setenta foi o sistema de concentracións escolares que propiciou a LXE, que no distrito comezou en 1972 e implicou o trazado e implantación dunha coidadosa rede de transporte escolar por centro e a instalación de comedores escolares, que cada curso e con cada ampliación destes colexios se vían incrementados.
Colexio Nacional Mixto Comarcal Santo Antonio.
En 1968 o Grupo escolar Santo Antonio figuraba con 12 unidades e o Grupo escolar do barrio do Cardeal con 3 unidades, ambos bastante próximos. Ao ano seguinte, unha ampliación do Colexio Santo Antonio, coa creación de 2 unidades de Educación Especial (EE), deixou implícito o seu funcionamento conxunto, ao citar a seguinte composición: 17 unidades de primaria e Dirección sen curso (8 unidades de nenos, 7 de nenas e 2 de EE).
En 1971 a Inspección elevou as seguintes propostas: crear 1 unidade de nenas de EXB e suprimir a escola mixta de Piñeira, instalada en inaceptables condicións, coa integración da súa mestra e a incorporación dos seus alumnos ao Colexio Santo Antonio con servizos de transporte e comedor; crear 2 unidades de preescolar, pois na cidade só existía unha maternal, cuxa transformación tamén se solicitou; e integrar no Colexio as 2 unidades de EE que estaban no mesmo edificio, pero que no Nomenclátor aparecían como independentes. Na composición constaban ademais 2 prazas de mestre/a de Educación Física (EF).
Ademais, a Corporación municipal acordou aprobar os orzamentos para a reparación de catro locais no Grupo do barrio do Cardeal, ao obxecto de instalar dúas unidades de preescolar e 1º e 2º de EXB do Colexio Santo Antonio.
En 1972, a Inspección, ante o grave problema de escolarización en EXB dos alumnos da cidade de Monforte, con 2791 alumnos escolarizados nas 34 unidades nacionais e as 18 da Igrexa, considerou que ese número de alumnos aumentaría en cerca de 300 en cada un dos tres cursos próximos ao ir retendo á maioría dos alumnos que ata ese momento pasaban ás ensinanzas medias e profesionais. Por todo isto, propuxo crear no Colexio 2 unidades de nenos, 2 de nenas e 1 de preescolar e suprimir as escolas mixtas de A Parte, Reigada e Ribas Altas.
Despois, por orde non publicada no BOE, pero coa fotocopia remitida pola Dirección Xeral de Programación e Inversións, válida a todos os efectos administrativos, ampliouse este colexio comarcal coa creación de 2 unidades de nenos e 2 de nenas. Non se creou a de preescolar e suprimíronse as mixtas, pero a de A Parte foi efectiva en 1975.
Noutra orde de cousas, a Inspección expresou que, debido ao crecemento demográfico, as unidades escolares do núcleo da poboación quedaran insuficientes e que o Concello se comprometía a adaptar os locais ao efecto, e por iso propuxo crear 4 mixtas de EXB. Ao efecto, o Xefe da División de Planificación informou que o Colexio durante o curso 1973-74 tivera 812 alumnos de EXB en 20 unidades, cunha relación profesor alumnos de 1/40; agardábase unha matrícula de 150 alumnos en 1º de EXB e abandonarían o Colexio 70, o que daba un total de 892 alumnos no curso 1974-75, co que procedía a ampliación, pois ao pasar a 24 unidades quedaba a relación profesor alumnos en 1/37.
Na cidade os dous centros públicos estaban sobrecargados de matrícula, o que reclamaba a súa ampliación. Neste sentido, o Xefe da División de Planificación expresou que no Concello de Monforte existían 21 unitarias e mixtas cun total de 245 alumnos, relación profesor alumnos 1/12. E aínda que na programación figuraba a construción en Monforte dun centro de EXB de 16 unidades, como este non estaría en condicións de utilización ata 1980, expuxo como solución, posible e rápida, acondicionar o edificio escolar do barrio do Cardeal, que nese ano albergaba 4 aulas do Colexio Santo Antonio e as oficinas da Inspección Comarcal. En referencia a este edificio, coñecido como A Zona, a Unidade Técnica informou que, en función da súa superficie e disposición formal, era válido para, previas as obras de transformación necesarias, albergar un Centro de EXB de 11 unidades.
A continuación, a Inspección expresou que, vistas as necesidades da localidade de Monforte que reclamaban a ampliación do Colexio Santo Antonio, a escasa matrícula das escolas mixtas de Calvos, Río de Marcelle, Rozavales e Vilamarín, e o acordo do Concello de facilitar os locais oportunos, procedía a ampliación do Colexio en 4 mixtas de EXB, a transformación da praza de Dirección sen curso en praza de Dirección con función docente (DFD) e a supresión das escolas citadas.
En 1975 unha orde ampliou o Colexio Santo Antonio, que pasou a contar con 28 unidades e DFD. Non obstante, na orde observáronse as seguintes anomalías: supresión de 1 mixta de EXB, que non se solicitara; non se recolleu a supresión das escolas de Rozavales e Vilamarín, das que se fixera petición. E na composición omitíronse as prazas de mestre e mestra de EF, de modo que se pediron as oportunas rectificacións. Estes erros foron corrixidos en 1977 e transformadas en mixtas todas as unidades. En 1978 autorizouse unha aula para adultos, nivel EXB. Ver mapa.
En 1979 a Inspección informou que en Monforte funcionaban dous colexios: o Santo Antonio e o Sagrado Corazón. Para superar as deficiencias de instalacións de ambos centros construíranse dous novos edificios escolares: un en A Pinguela, con 6 unidades, e outro en A Gándara, con 16 unidades. En base á matrícula existente propuxo a supresión e desagregación de varias unidades mixtas de EXB, co que resultaron tres colexios, os dous citados e A Gándara, pois A Pinguela foi unha extensión do San Antonio e durou pouco. Así, en 1980 no San Antonio suprimiuse 1 mixta de EXB e a DFD e desagregáronse ao Colexio A Gándara 8 mixtas de EXB.
En 1981, ante a carencia de espazos no centro, por incremento de matrícula, produciuse o traslado legal de 3 mixtas de EXB ao edificio de A Pinguela, posto que se solicitou a desafectación para o ensino do edificio do Grupo escolar do barrio do Cardeal, ao obxecto de instalar no mesmo os Xulgados. De novo en 1984 refírese un oficio da Delegación, que resolvía a desafectación para a ensinanza do citado edificio, momento no que un dos dous edificios singulares de principios de século destinado a educación pasaba a outros usos.
En 1983 suprimiuse 1 mixta de EXB e desagregáronse as 2 mixtas de EE ao Centro de EE de A Gándara, se ben como o seu edificio estaba en construción, trasladáronse aos locais do edificio que se construíra en A Pinguela. En 1984 suprimiuse 1 mixta de EXB e en 1985 creouse de novo a DFD e integráronse do Colexio Sagrado Corazón 2 mixtas de EXB e suprimíronse 2 mixtas de EXB. En 1989 suprimíronse 3 mixtas de EXB e en 1990 outras 2 mixtas de EXB, 1 de preescolar e o posto de mestra de EF.
En 1992 creouse 1 posto de preescolar. En 1996 o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Santo Antonio quedou con 2 unidades de infantil e 6 de primaria, 11 postos de traballo, prototipo dos colexios de primaria. En 1998 este Colexio desapareceu, por integración no Colexio Novo. Por último, o seu edificio, tamén singular, foi reformado e convertido na nova sede da Casa Consistorial.
Colexio Nacional Mixto Comarcal Sagrado Corazón.
En 1971 a Agrupación escolar Sagrado Corazón tiña 2 unidades de nenos, 1 maternal e unha unitaria de nenas. Ademais, na mesma rúa da Graduada, funcionaba a escola parroquial mixta de San Vicente do Pino. Nesta situación, a Inspección propuxo transformar a maternal en párvulos e integrar a parroquial de San Vicente como unidade de nenas. Composición: 2 unidades de nenos, 2 de nenas, 1 de preescolar e Dirección con curso (DCC).
En 1972, algunhas aulas da Graduada Sagrado Corazón eran utilizadas polo Instituto, pero unha vez que este recibiu o seu edificio definitivo no comezo do curso 1972-73, quedaron libres as aulas que necesitaba un novo colexio comarcal. A tal fin, a Inspección presentou a supresión das escolas parroquiais de O Morín e Ríoseco e as mixtas de Bascós e Chavaga, e a súa integración na Graduada Sagrado Corazón. O centro tiña unha matrícula de 295 alumnos, de modo que se determinou a creación de 5 unidades e se recoñeceron 2 prazas de EF. Despois, por orde non publicada no BOE, constituíuse o Colexio Comarcal Sagrado Corazón, composto por 10 unidades escolares (1 de preescolar), 2 prazas de mestre/a de EF e DCC. E a Delegación acordou integrar no Colexio aos mestres das unidades da Graduada e máis ás mestras propietarias das catro escolas suprimidas. O Colexio púxose en funcionamento a principios de 1973.
A continuación, a Inspección informaba que a cidade de Monforte contaba con dous colexios nacionais, un de padroado e dous relixiosos, que no curso 1972-73 tiveran 1864 alumnos de EXB nos centros oficiais e 680 nos relixiosos, cunha media superior a 40 alumnos por aula. En reunión coa Xunta Municipal de Educación e os directores dos cinco colexios chegouse ás seguintes conclusións:
1ª O número de nenos nacidos en Monforte durante cada un dos últimos cinco anos estaba entre 200 e 250, o que supoñía a necesidade doutras tantas prazas escolares para os nenos nacidos en 1967, que iniciarían a súa escolaridade obrigatoria no curso 1973-74.
2ª O número de baixas producidas por remate da escolaridade dos nacidos en 1959 era superior a 50, pois a maioría dos alumnos desa idade seguían estudios de 3º ou 4º curso de Ensinanza Media ou de Mestría Industrial.
3ª Non se dispoñía en absoluto de espazos libres nos edificios dos Colexios Nacionais, que deberían organizar o 7º curso de EXB e o 8º experimental.
En relación coa necesidade de aulas realizáronse xestións coa dirección do Instituto para que cedera catro aulas libres no antigo edificio do Instituto, aloxado agora nun de nova construción, xestións que deron resultado positivo por acordo do Claustro, de modo que a Inspección propuxo a creación de 4 mixtas de EXB neste Colexio. Ante esta fórmula, o Xefe da División de Planificación informou que en 1973-74 o Colexio Sagrado Corazón tiña 9 unidades de EXB e 356 alumnos, cunha relación profesor alumnos de 1/40, razón que xustificaba a ampliación de 4 mixtas de EXB neste centro. E a Unidade Técnica comunicou que os locais eran os que se usaban antes para clases de ensinanza media, con superficie suficiente para catro unidades. En consecuencia, o Delegado asinou a cesión con carácter provisional, en tanto non se puxera en funcionamento un novo centro de EXB.
En 1975 a Inspección estimou que a dirección do Colexio non podía realizar as súas funcións docentes e máis as directivas, de xeito que propuxo a creación da praza de DFD. Ao respecto, o Xefe da División de Planificación informou que o Centro tiña 13 unidades de EXB con 390 alumnos e 1 de preescolar con 40, unha media de nenos transportados diaria de 133, que eran usuarios de comedor, cifras que amosaban a complexidade do Colexio, ante o que procedía crear a praza de DFD.
Así mesmo, a Inspección sinalou que no Concello de Monforte funcionaban diversas escolas cunha reducida matrícula, mentres este centro tiña todas as súas unidades sobrecargadas de matrícula. Ao respecto, existía unha rede viaria que permitía a agrupación da maioría das escolas de mestre único do ámbito municipal e, ademais, a cidade tiña un edificio que reunía as condicións necesarias para concentrar ditas escolas. Por iso, fixo proposta de ampliación do Colexio coa creación de 16 mixtas de EXB e DFD, e supresión das 16 escolas seguintes: Baamorto, O Chao de Fabeiro, Fiolleda nenos e nenas, Gullade, Guntín, Moreda, As Nocedas, A Penela, Probeiros, Seoane, Sindrán, San Xoán de Tor, San Xillao de Tor, A Vide e Gándaras de Vilamarín. Nesta liña, o Xefe da División de Planificación informou que no Concello existían numerosas escolas con matrícula moi reducida, un total de 182 alumnos, mentres este centro tiña un exceso de matrícula e existía un edificio que reunía as condicións necesarias para instalar as 16 unidades e suprimir ditas escolas. E a Unidade Técnica manifestou que o antigo edificio do Instituto estaba desocupado e o seu estado de conservación era bo, o que o facía idóneo para albergar as 16 mixtas de EXB. De seguido, mediante orde ministerial ampliouse o Colexio Sagrado Corazón coa creación de 16 mixtas de EXB e DFD. A Inspección comprobou que as aulas reunían as condicións establecidas e procedeuse a súa posta en funcionamento. E a Delegación acordou a integración no Colexio dos titulares das escolas suprimidas.
En 1980, en base á proposta da Inspección, tivo lugar neste Centro a supresión de 4 mixtas de EXB e a desagregación de 8 mixtas de EXB ao Colexio A Gándara. Con esta diminución de unidades o Colexio situouse no primeiro edificio do Instituto e deixou o histórico edificio do Grupo escolar da Estación, porque estaba en malas condicións; só quedaron dúas unidades de preescolar nas aulas en mellor estado. Tamén, nos anos oitenta Radio ECCA utilizou neste edificio un aula e uns despachos. En 1985 fíxose o proxecto de rehabilitación do edificio e logo realizáronse as reformas. En 1989, renovadas e melloradas as instalacións, no edificio estableceuse o Centro de Adultos, o Centro de Recursos e o Equipo Psicopedagóxico de Apoio e nun pequeno edificio anexo a Inspección Comarcal.
En referencia ao Colexio Sagrado Corazón, en 1983 e 1984 suprimíronse 8 mixtas de EXB e creouse 1 de preescolar. En 1985 creáronse 4 mixtas de EXB e desagregáronse 2 mixtas de EXB ao Colexio Santo Antonio e 2 mixtas de EXB ao Colexio A Gándara. En 1987 creouse 1 mixta de EXB, en 1988 transformouse un posto de mestre de EF en 1 mixta de EXB e en 1990 suprimíronse 2 mixtas de EXB e 1 de preescolar.
En 1993 suprimiuse 1 posto de Lingua Castelá Francés e en 1995 eliminouse 1 posto de Ciencias Sociais. En 1996 o CEIP Sagrado Corazón quedou tamén con 2 unidades de infantil e 6 de primaria. En 1998 este Colexio desapareceu como tal, por integración no Colexio Novo, pero tivo un novo inquilino, pasou a ser a sede da UNED.
Colexio Nacional A Gándara.
En 1969 a Xunta Provincial de Construcións Escolares informou á Corporación municipal que se aprobara a construción en Monforte dun edificio destinado a EXB de 16 unidades, punto de partida para o futuro Colexio A Gándara. En 1973 o Concello adxudicou de xeito definitivo o concurso de adquisición de terreos para varias construcións escolares na zona de A Gándara. En 1974 a Corporación deu conta do estado do expediente para a construción dun Centro de EXB de 16 unidades no plan 1974-75 e ratificou o acordo ante a Xunta de Construcións para construír un Colexio.
En 1980 a Inspección informaba da creación en A Gándara dun novo Colexio Nacional, constituído por 16 unidades mixtas de EXB e DFD, 8 por desagregación do Colexio Sagrado Corazón e 8 do Santo Antonio, en función de que o edificio escolar estaba en condicións de entrar en funcionamento. Deste xeito, o centro comezou a súa andaina o curso 1980-81.
En 1984 a Corporación informou do escrito do director do Colexio, que xuntaba certificación do acordo do Consello de Dirección, no que solicitaba a revogación do acordo que dera ao Colexio a denominación de Mestre Raimundo, e se adoptara o nome de Colexio A Gándara, pois o Colexio era coñecido por este nome.
En 1984 creáronse 2 unidades de preescolar, en 1985 tivo lugar a integración de 2 mixtas de EXB do Colexio Sagrado Corazón e a supresión de 1 mixta de EXB e en 1990 a supresión de 1 mixta de EXB. En 1995 creáronse 4 postos: 1 de Educación Infantil (EI), 1 de Lingua Castelá Inglés, 1 de Pedagoxía Terapéutica (PT) e 1 de Educación Musical (MU). En 1996, ao igual que en 1998, este CEIP quedou con 3 de infantil e 12 de primaria (dous grupos de primaria por curso, dúas liñas) e 20 postos de traballo.
Centro de Educación Infantil e Primaria de Monforte (Colexio Novo).
En 1998 creouse por decreto o CEIP de Monforte de Lemos, con tres unidades de educación infantil e doce de primaria (liña dúas en primaria), por integración do CEIP Santo Antonio e o CEIP Sagrado Corazón, que foron suprimidos. Este recen inaugurado centro coñécese como Colexio Público Comarcal Colexio Novo.
Unha orde do mesmo ano estableceu o número de unidades e os postos de traballo docentes que correspondía prover por funcionarios do corpo de mestres nos colexios de infantil e primaria. En concreto, os postos de traballo deste centro eran: 3 de EI, 10 de primaria, 2 de Inglés, 1 de Francés, 1 de MU, 2 de EF e 1 de PT, total 20. Ver mapa.
Debemos subliñar que no libro O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX recollemos tamén a creación e desenvolvemento do Centro de Preescolar Caixa Galicia, Centro de Educación Especial Infanta Elena, Centro de Educación Permanente de Adultos e Radio ECCA e escolas unitarias de preescolar.
*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX. Mapas das escolas e centros".