Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Galeguismo xudicial do maxistrado Barreiro Prado

lunes, 13 de abril de 2009
Vai para vintedous anos que foramos convocados polo maxistrado do Xulgado do Social número 2 de Pontevedra, Xoán Xosé Barreiro Prado ao acto de presentación dos formularios procesuais en lingua galega daquel órgano xurisdicional. Don Ramón Piñeiro acudira invitado para apadriñar a novidosa actitude do Xulgado. Sorprendido gratamente polas explicacións do seu titular anunciando o cambio lingüístico, cando lle tocou intervir na súa quenda, expresou a súa emoción con frases premonitorias: “xa podo morrer tranquilo, porque a lingua queda en boas mans”. Para don Ramón Piñeiro, que tiña estudado abondo as causas que tollían á lingua galega, aquel acto era insólito. Semelláballe un soño estar participando na presentación dun proxecto para galeguizar unha administración tan peculiar como a Administración de Xustiza.

Desde entón o maxistrado Barreiro Prado, fiel ao seu compromiso anunciado, veu realizando o seu labor profesional en lingua galega, contaxiando o seu entusiasmo aos funcionarios dos xulgados polos que pasou, como xa o fixo cos da Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, da que é Presidente. Cóntanse por milleiros os expedientes xudiciais que están redatados na nosa lingua, sen que esta decisión dese lugar a indefensións xurídicas ou causase malestar ás partes interesadas no proceso. Mesmo podemos afirmar que ese considerable corpus documental producido durante estes anos non ten paragón en ningunha comunidade autónoma con lingua de seu. Eis o seu valemento.

Pero aínda hai máis. O señor Barreiro Prado, a quen se lle atribúe o mérito de ditar sentenzas moi fundamentadas, que revelan unha súa sólida formación xurídica e doutrinal, tamén se lle recoñece unha vontade de estilo no uso da lingua empregada. Unha linguaxe xudicial máis próxima ao común do xusticiable a través dunha linguaxe clara e precisa, non impide que sexa acaídamente pulcra na súa construción.

O labor galeguizador do maxistrado Barreiro Prado ten unha dimensión moito máis ampla que a xurisdicional. Participa activamente en movementos asociativos, tales como a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, da que é membro fundador e figura señeira, así como na Irmandade Xurídica Galega, aglutinadora de membros da xudicatura e profesionais do Dereito; é, asemade, membro do consello de redacción da “Revista Xurídica Galega”, publicación que goza dun ben merecido prestixio; impulsor, tamén, do Dicionario Xurídico Galego, que pretende fixar un estándar lingüístico e na que leva traballando moitos anos. Nesta relación interminable de actividades está a súa participación decisiva na edicións dos códigos civil e penal en lingua galega, e participación en numerosos congresos e seminarios. Importante foron as súas achegas ao Plan Xeral de Normalización Lingüística, na sección xurídica, aprobado por unanimidade da Cámara Galega no ano 2004.

Do prestixio profesional e cadémico do señor Barreiro Prado son testemuñas os seus alumnos, hoxe xuíces exercentes en Galicia, que emulando ao seu mestre tamén utilizan a lingua galega na actividade xudicial.Todos eles recoñécenlle o seu decisivo maxisterio e autorictas, que exerce creando escola no significado grecolatino da expresión.

Por esta conduta de compromiso co seu Pais e os valores identitarios que a conforman Barreiro Prado obxecto de moitas homenaxes e recibíu imnumerables premios. A corporación municipal do seu pobo natal, Foz, recoñecéndolle ese galeguismos xudicial vaino nomear Fillo Predilecto do Concello. O acto institucional será o próximo día 19. Ali estaremos todos:os amigos e aqueles que lle recoñecen méritos abondos para tales distincións. Honra merece quen aos seus parece.

González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania