O Premio Arume de Poesía para a Infancia tivo dúas etapas. A primeira delas, do 2001 a 2015 e a segunda a partir do 2021. Antón Cortizas tivera unha mención especial en 2013 con Cando as follas voan. Agora, na segunda época, conseguiu o premio en 2022,

co poemario Os versos da Mariola.
Antón dálle a todos os paus dentro da literatura infantil e xuvenil: poesía, teatro e narrativa. Centrándonos na poesía podemos lembrar: Historias, e algún percance, todas ditas en romance (narración en verso), Era unha vez na quimbamba, Vaia tropa!, Anatomía da lingua (Lingua de amar, lingua de amor), Zoonetos, Non trabes na lingua, Adiviña esta adiviña (xogo, tradición oral, poesía), Quéresme adiviñar... Como vemos, moitos dos libros de poesía teñen un importante compoñente de xogo en base a adiviñas e trabalinguas especialmente.
Debo confesar que a min me gusta tanto o seu traballo que despois de facer un curso de crítica de LIX (literatura infantil e xuvenil), a principios dos noventa, cando Miguel Vázquez Freire nos pediu un comentario a un libro eu escollín un dos de Cortizas destinados a lectorado autónomo, xa non lembro se era Memorias dun río, Xiganano, onde estás? ou O conto dos sete medos pois todos me valían. Esa estrutura que eu vía de árbore na novela, da que van saíndo as diferentes ramas en forma de contos, resultábame moi interesante, sobre todo se pensamos no destinatario.
O autor conta con máis de medio cento de títulos que se moven no campo literario e ao redor do xogo e tradición popular: Chirlosmirlos. Enciclopedia dos xogos populares, Ao pé da Laxa da Moa (recolleita da riqueza literaria oral en forma de adiviñas, trabalinguas, contos, lendas e refráns do concello de Carnota), Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais. Polo tanto, sabe de poesía e de xogos, e diso van Os versos da mariola.
Na acta do premio Arume pode lerse: "O xurado destaca a orixinalidade desta obra, nun xogo que vai máis alá do poético chegando ata o mesmo deseño do libro, ao aportar caligramas e outras formas creativas de presentar os poemas. Trátase dunha brincadeira plena de lectura xogo e poesía xogo, na que a creatividade acompaña ao oficio e o dota de calidade. En definitiva, estamos ante unha proposta de libro lúdico no que destaca a riqueza da linguaxe, a unidade e perfección temática ao lado da reivindicación do xogo tradicional e o encontro real das crianzas sen necesidade de xoguetes ou pantallas." O xogo de ler, tal como se presentaba Versos da mariola resultaba algo moi especial porque requiría un deseño de libro moi diferente e porque levaba o xogo máis alá dos recursos poéticos.
Cortizas alertou sobre os cambios aos que se vía sometida a rapazada en relación ao tempo, lugar e compañeiros de xogo, na obra de teatro Xogando con gatos (Premio de teatro na I Gala do Libro Galego de 2016). En O xogo da mariola, no apartado "O porqué destes versos", o autor mostra a súa preocupación ante o cambio das formas de enredar da infancia nos últimos tempos, defendendo os valores positivos e didácticos do xogo tradicional, buscando que a lectura e a poesía sexan tamén unha brincadeira.
Agora, colle a mariola co seu debuxo no chan, as casas polas que ten que pasar ou saltar o xogador ou a xogadora despois de guindar un anaco de pedra (chamado peletre) que se arrastra mentres se salta á pata coxa. Crese que este xogo se desenvolveu na Europa renacentista, baseándose na temática d'A divina comedia de Dante, obra na que o personaxe, cando sae do purgatorio e quere acadar o paraíso, ten que atravesar nove mundos. O xogador vai empuxando a pedra que se supoñía representaba a súa alma, partindo da Terra para ir ata o Ceo, vixiando non caer no pozo ou no inferno ao longo do percorrido. Estamos pois ante un xogo iniciático, igual que o da oca, con todos eses riscos (pousada, ponte, morte, pozo, cárcere...) e sen posibilidade de pararse sobre a liña xa que da Terra ao Ceo non hai fronteiras nin descansos. Un xogo tan especial que lle dou nome á novela de Cortázar: Rayuela.
O autor utiliza todo tipo de recursos literarios (pareados, encadeados, metáforas, onomatopeas, adiviñas...) e os propios de poesía visual coma os caligramas para realizar un percorrido polo xogo, dende as instrucións, as sortes de botar, as mariolas de todo tipo de formas e tamaños, as diferentes maneiras de xogar (por exemplo cos dedos), os xogos lingüísticos (substitución de cada letra por un número, a desaparición das vocais, cambiar de lugar as letras ou as palabras ou os versos)... O libro esixe unha lectura activa; ademais, varios poemas han de lerse coa participación de varios a un tempo, polo que se vai precisar a colaboración de compañeiros/as.
Unhas marabillosas ilustracións con colaxes nas que Andrés Meixide (só el se podía atrever a poñer imaxes a un libro tan complexo) introduce tellas e pedras (pintadas) ao lado de chapas, ceras e debuxos convencionais, elabora caligramas facéndoos coincidir coma os dentes dunha cremalleira, fai firmamentos no mapa do país, tráenos o berro de Munch na raia da cobra... enchendo de significados e referentes as imaxes.