Onte estalou a noite en Riazor
Cabada Castro, Manuel - jueves, 16 de mayo de 2024
Nos ceos dos anxos e das estrelas estalou onte a noite,
cando a aurora boreal se trocou en luz festiva e sonora.
Na chalana da lúa vogaba Arsenio cara á Torre de Hércules
sen pisar as feras e podentes augas deste mar de Riazor.
Pouco antes subira o Dépor cara ós ceos... E eu, porén, sen sabelo!
Cousas que pasan... Tampouco diso as gaivotas estaban informadas.
Fuxían as pobres, unha a unha, en desbandada...
Elas lonxe e mais eu das medrantes palmeiras de luces
que nos ceos coruñeses estoupaban e baixaban, perdices cazadas...
E agora que? Quererá isto presaxiar que o meu Celta vaia baixar,
pra que así a nosa Galiza non siga a medrar? Todo podería ser.
En calquera caso, que Deus non te oia, Arsenio,
se é que un tan nefando e cativo pensamento che vén.
Non che virá! Ben che sei que ti segues a ter alma
e corazón de labrego sinxelo e xeneroso.
En fin, que che vaia ben, Arsenio, neses altos e imbatibles mundos,
nos que tódolos partidos se gañan...!
Manuel Cabada Castro (13 de maio de 2024)

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora