Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 15 de mayo de 2024
O burro polo rabo

Moita xente adoita declarar moi oufana ou fachendosamente que colle o touro polos cornos e xa está, non pasa nada, mesmo se adiantan ós acontecementos. Eu collo o burro polo rabo e tampouco pasa nada. Nin me solta unha couce nin se me revolve. É máis, consigo que se ladee de atrás. Nin lle parto o rabo nin me fai recuar Pingas de Orballonas miñas accións. Non é tan difícil coller o touro polos cornos nin o burro polo rabo. Fagas como fagas, a vide segue.
Se te adiantas ós acontecementos, simplemente que os fas antes, e xa está. O máis seguro é que os terías que facer igual. Ás veces complicámonos moito a vida, buscámoslles tres pés ós gatos, cando sempre tiveron, teñen e terán catro. Algunha excepción haberá, si, pero por accidente.
Coller o burro polo rabo ou o touro polos cornos non vaias pensar que che vai dar moita vantaxe. Ó mellor incluso che pode pasar o que lle aconteceu á lebre coa tartaruga. Moi presumida aquela e moi perseverante esta. O sapoconcho sempre foi moi listo. A mellor proba: que cando se ve en perigo, acocha, acubilla na súa casiña e espera a que as accións, os feitos negativos pasen. A non ser que, pola mala sorte, lle pasa unha roda de carro das vacas por encima. Como lle pasou a unha sendo eu rapaz alá por Sudalomba. Pobre tartaruga.
Coller o touro polos cornos pouco pode solucionar. A vida é moi sinxela, pero sabemos ben que, ó mesmo tempo, é moi complicada. Máis que complicada. O tirar para adiante non se consegue agarrándose dos cornos e dos rabos dalgúns animais. É algo máis complicado. Case é mellor tirarlle da orella a un coello.

Sobre o raíl

Quedo quieto. Non me movo. Sentado no raíl. O sol está a punto de deitarse polo outeiro de Brandín. Atento ó ruído. Por se vén o tren. Certo, agora o tren xa non pasa por esta vía. É igual. Sigo atento por se aquel. Nunca se sabe; algunha manobra, algunha proba... Home previsible vale por dous. Son único e estou só.
Pingas de OrballoPaso a man pola cara nun xesto de película seria, independente. Deixo que a mirada se me vaia a unha lavandeira que, ela si, está a moverse polo raíl. Toda guapa, toda tranquila, toda ostentosa. Se me movo, igual escapa. Non quero que emprenda o voo. Sigo entón quieto, sen pestanexar tan sequera. Case sen respirar. Máis ben deixo escapar coma un suspiro. Para non meter ruído.
A lavandeira ou alindadora ou pastoriña ou paxariña da neve alza o voo. Asustada. Non fun eu quen a asustou. A uns metros, sobre o mesmo raíl, anda coa cabeza alta un lagarto. Verde. Estirado. Fermoso. Moi fermosos. Decido seguir nas mesmas, ou sexa, sen moverme, sen facer ruído. Porque se a lavandeira era bonita, o lagarto é máis que lindo.
Caio na conta da realidade do raíl. Que atrae. Quizais porque está aínda quente, logo da canícula da tarde. Eu estou a gusto sentado nel. A lavandeira andaba coma unha princesa sobre el. E o lagarto segue a ser dono e señor del. Téñoo a menos dun metro. Non me movo. Mesmo deixo de respirar. É igual, fuxiu máis rápido que á présa ou coma can con vincha ó rabo. Por culpa do croar, do grallar dun corvo. Negro. Grande. Gordo. Aterrou sobre o raíl. Durante uns segundos deixeino estar. Erguín. Fuxiu. Queda o raíl agora esperando a velas vir.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES