
No conflito entre Israel e Palestina, ó mellor usamos mal a palabra xenocidio, ó mellor utilizamos erroneamente a palabra exterminio, poida que tamén nos equivoquemos coa palabra masacre, mesmo podemos confundir os termos hecatombe, matanza, extinción, aniquilación..., pero cunhas ou con outras, a realidade, a finalización é a mesma: o acoso e derribo dun máis ben pobre país por outro que ten armas a esgalla e que o apoia outro que as ten a darlle cun sacho. Todos eses termos, palabras ou vocábulos rematan nun negro substantivo: morte. Tal conclusión está por encima do chamamento que se lle queira dar ó conflito. Non será un xenocidio, nin un exterminio, nin unha extinción, nin unha aniquilación, pero hai uns días un periódico informaba de 34.000 mortos na Franxa de Gaza. Repito, hai uns días. E deses, semella que un 70% son mulleres e nenos. Ou sexa, o de sempre: que as pagan os máis inocentes.
Usemos o termo que usemos, pensemos no vocábulo que pensemos, tal masacre, hecatombe, matanza hai que parala xa! Oxalá todas esas manifestacións e acampadas nas Universidades nos fagan levantar ou gritar a todos un berro seco contra ese Netanyahu que vai camiño de xunguirse, de facerlle cambón a todos eses personaxes da Historia que fixeron méritos para chamarlles as de Deus é Cristo.
Estados Unidos semella que quere recuar un pouco no apoio a ese bicho, aínda que a min dáme que o din polo baixiño, quizais para disimular un pouco ante a opinión pública. E como o resto do mundo dobregamos o lombo ante a entidade ianqui, así seguirán as mortes inocentes e non tan inocentes, ata que Israel se farte de rebentar corpos e ver correr sangue.

Correr sangue vese correr moita nas praza de touros neste noso país no que se aprobou unha lei polos dereitos dos animais... menos os touros, claro. Aínda que, o Goberno semella que deu un pequeno paso ó fronte, en principio cancelando o Premio Nacional de Tauromaquia. Non tardaron en saltar os do PP con espadas, muletas, estoques e banderillas dicindo que vivimos tempos de censura. Falando claro: hai que foderse! Falando eles de censura! Debían de probar só por unha hora, que digo unha hora, só uns minutos, un par de banderillas entre o pescozo e as costas. Ou no lombo, é igual. A nosa Festa Nacional ten que ser con sangue, asfixia e morte. Se non, non é nada.