'Deus tamén fala galego e asumiu a nosa fala'
Campo Freire, Xaquín - jueves, 09 de mayo de 2024
17-05-2024 - LETRAS GALEGAS.
Xesús! Entendes Ti a fala que eu falo des que nacín?
No colo da miña nai alí aprendín a falar. E nesta fala melosiña eu aprendín a rezar.
Meu Señor e meu Deus! Estes días cumpro anos. Moitos anos: "Tómame a min coa miña historia, Señor".
E por iso, desde Roca, a miña aldea natal, na nosa fala galega, vai para Ti, meu Deus, hoxe e sempre, esta oración persoal:
E loado sexas, Ti, meu Señor, por seres Palabra encarnada. Feito fala e feito carne: carne e fala de pobres, de pobres en propia carne. Sen fala, por ser palabra negada.
Palabra de Deus, Deus-Palabra. Para quen nós non temos palabra, porque na Igrexa, Xesús, hoxe aínda temos afogada a fala.
Por seres Palabra de Deus, palabra de pobres sen fala, loado sexas Ti, meu Deus.
Por te facer palabra pobre, coa túa Palabra afogada, Ti sabes en carne propia, canto doe ser tratados coma seres: Sen Palabra.
Nacermos, vivir e morrermos como alleos!: Sen palabra. Ao negársenos nacer, vivir e morrer, aínda hoxe, na propia fala: Sen Palabra.
Loado sexas, noso Señor Xesús-Cristo: por seres o Deus de Palabra, desde o silencio que fala.
E así, noso Señor, cando Ti desde a Cruz, co Pai amoroso falas, escoitas, gritas calas,..., sei que coma nós, pobo galego, en galeguiño lle falas.
E ao falares Ti galego, moitas cousas Ti me aclaras: Que no Día das Letras Galegas, Ti connosco tamén ris, danzas, bailas, cantas, choras, morres, falas.
E Ti connosco celebras a FESTA DA NOSA FALA.
Morriñas de ausentes galegos chegan de lonxe a cotío.
Desde todas as Galizas e desde a miña casiña, vaia para Ti, meu Señor, un alalá xeitosiño: Loado sexas Señor! Noso Deus sexas loado!
Deus, Noso Paiciño do ceo: Polo don da lingua nosa, polo Espírito glorioso que todas as linguas falas, e por seres Ti Palabra na nosa bendita fala: TRINDADE SANTA BENDITA, POR SEMPRE SEXAS LOADA. AMÉN.
"DEUS TAMÉN FALA GALEGO": "FÍXOSE VERBO". "E ASUMIU A NOSA FALA".
"FALA COMA NÓS, POR SERMOS POBO DE DEUS E NOS AMA".
- Bispo M.A. Araújo Iglesias, A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega, Sept.1975.
- Concilio Pastoral de Galicia, Revista Lumieira, A CORUÑA 1996:
. (1ª ETAPA) "Ministerio da Palabra", 25-07-1974.
. (3ª ETAPA) "A Liturxia renovada na pastoral da Igrexa", 24 08-1976.

Campo Freire, Xaquín