
Se eu habitase en Riotorto posiblemente tivera pedido a independencia ou me declarase en rebeldía no pago de impostos. Non coidei quedase un concello lucense tan deficitario en comunicación.
Eu ía desde Begonte a Riotorto porque cantaba A Quenlla como peche da Feira de Artesanía do Ferro. A viaxe foi ben ata que en Cospeito seguín unha indicación que poñía Muimenta/Meira. Desde aí, por estradas esteritas eu que sei por onde- peregrinei pola miña Chaira infinda sen un só letreiro indicador ata desembocar mesmo á beira de Muimenta na estrada de Vilalba a Meira.
Desde Muimenta fun atento buscando algún indicador á esquerda que me mandase para Riotorto. Sen embargo, por alí vaise, pero non ousei temendo perderme de novo.
Entre Meira e A Pontenova hai tres indicadores cara a Riotorto. Fun pola primeira das estradas e vin pola última. Eso non é unha estrada, e non comprendo como ninguén se ten queixado ata agora o suficientemente alto como para que o escoiten na Xunta, no Goberno ou no Vaticano.
Confeso que Riotorto era un dos lugares da provincia de Lugo que aínda non tiña visitado. E alégrome de telo feito, por escoitar á Quenlla, por disfrutar duns paisaxes naturais ben fermosos, por atopar unha pequena capital xeitosa e proporcionada.
Pero creo que non se lle fai xustiza con esta estrada. Seguro que hai algunha desde Pastoriza, pero non hai nada que a señalice para poder acceder doadamente desde a estrada de Vilalba a Meira.
O Concerto da Quenlla ben, coma sempre, na súa liña. Deixaron moi claro quen son, por que cantan, para quen cantan, e onde non cantan. Regalaron dúas pezas finais, e fíxose de noite.
En definitiva, que me valeu a pena a viaxe, por escoitar ós amigos da Quenlla, e por coñecer Riotorto.