Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ensino Primario no Concello de Monforte de Lemos de 1936 a 1970.*

Gómez, Pedro - jueves, 16 de mayo de 2024
As escolas e os centros no Concello de Monforte de Lemos no franquismo.
En 1936, a Inspección, despois dunha visita ás escolas do Concello, remitiu un oficio ao Alcalde cos problemas máis urxentes na primeira ensinanza, a fin de que na primeira sesión do Concello se tomaran os acordos que se interesaban. Facía as propostas de creación seguintes:
1ª Unha graduada con doce seccións, que debía funcionar de xeito inmediato no edificio construído para tal fin polo Estado e utilizado nese momento como Instituto Nacional de 2ª ensinanza. Ao efecto, debía adquirir o material que faltaba para esas seccións e realizar o traslado urxente do Instituto ao Grupo escolar do barrio do Cardeal, co desprazamento das escolas que funcionaban nese edificio ao Grupo da Estación.
2ª Outra graduada de oito seccións, a base das catro escolas unitarias que se reunirían no Grupo escolar da Estación, despois do traslado mencionado e, previas as obras de adaptación necesarias, instalar as oito seccións e a maternal de recente creación.
3ª Unha unitaria de cada sexo no barrio de Carude e o mesmo na parroquia de Ribas Altas.
4ª Unha unitaria de nenas en Seoane, unha en San Xillao de Tor e unha en Bascós, co desdobre das actuais mixtas.
5ª Unha mixta na parroquia de Guntín e outra en Distriz, na actualidade sen ningunha.
En canto a construcións recomendaba: Unha escola en Carude, no solar destinado á Escola de Traballo e en Bascós dúas escolas con vivenda, coa axuda dos veciños e a subvención do Estado. Ademais, propoñía traslados de locais: o de A Parte, escola de nenas en Valverde, polas malas condicións da aula (humidade e mala orientación) e da vivenda e o de Baamorto, en Reboredo, de continuo anegado polas augas de chuvia.
Ao respecto, a Corporación municipal tomou as seguintes decisións:
1ª O Concello debía poñerse en comunicación co Ministerio co fin de achegar os medios para a reforma do edificio do Grupo escolar do barrio do Cardeal, adaptalo para Instituto de 2ª Ensinanza e deixar libre o edificio que ocupaba para crear as seccións da graduada. Ademais, cría conveniente que as escolas do Grupo escolar do barrio do Cardeal se instalaran en edificio particular no barrio de Os Chaos.
2ª Crear as escolas necesarias para graduar o Grupo escolar da Estación, coas reformas convenientes do edificio.
3ª Crear unha escola de cada sexo no barrio de Carude e Ribas Altas.
4ª Desdobrar as mixtas de Seoane, San Xillao de Tor e Bascós en nenos e nenas. En Bascós activar o expediente de construción dun edificio para dúas escolas.
5ª Crear unha escola mixta na parroquia de Guntín e outra en Distriz.
E engadía que non vía adecuado construír un edificio para o ensino primario no solar destinado para Escola Elemental de Traballo. Nos traslados estaba conforme co oficio de Inspección.

Grupo escolar do barrio do Cardeal.
En 1936, iniciado o golpe militar, o novo Alcalde comunicou á Corporación a chegada a Monforte dun destacamento do Rexemento de Infantería de Guarnición de Lugo. Como non existía na cidade edificio adecuado para o seu aloxamento, viuse forzado a utilizar o edificio do Grupo escolar do barrio do Cardeal, que en 1917 se empregara tamén para dito obxecto, buscou casa habitación para a mestra, colocou dúas clases nos locais do edificio de escolas graduadas de Santo Antonio e buscaba local para outras dúas clases, de acordo coa Inspección de 1ª ensinanza. A Comisión xestora expresou que non se debía regatear medio algún para facilitar a acción do Exército, comprometido na empresa de ‘salvar a España’, e ademais a permanencia dos militares na cidade garantía a seguridade na comarca e contribuía a mellorar a situación económica, polo que aprobou o realizado polo Alcalde e abriu unha subscrición para sufragar os gastos necesarios para a instalación do Exército no Grupo escolar.
En 1937 este Grupo, recuperada a súa función escolar, tiña unha unidade de nenos, unha de nenas e unha de párvulos, coa constancia de destinos a alumnos de prácticas do Plan Profesional. Pero, pouco despois o Alcalde refería que a Xunta Técnica do Estado suprimira as catro escolas de grao profesional que funcionaban en Monforte, co que se reducía o número de mestres nacionais na cidade a cinco, insuficiente a todas luces para unha poboación escolar de 2000 nenos; o que supoñía que no curso 1937-38 quedarían sen ensinanza un gran número de nenos pobres, polo que co fin de remediar en parte este grave problema solicitou da Xunta que elevara a ordinarias as catro escolas, pois necesitábanse unha de párvulos e unha de nenos en cada un dos grupos.
En 1939 chegou a Monforte, como guarnición permanente, o 1º Batallón do Rexemento de Infantería de Zaragoza, e de novo había que abordar o problema do seu aloxamento, que o Concello resolveu de xeito transitorio co acuartelamento das forzas nos Grupos escolares do barrio do Cardeal e da Estación e na maior parte do edificio destinado ao Grupo Santo Antonio. Esta decisión foi perniciosa para o Concello, pois ocasionoulle cuantiosos gastos e moitas dificultades para a ensinanza, e tampouco agradou ao Xefe das forzas, por estar separados en tres edificios, con gran prexuízo para o servizo, o que requiría construír un cuartel. A este efecto, a Corporación acordou que os terreos do Concello, ocupados de modo provisional como campo de experimentación agrícola, se ofreceran ao Estado, que debía realizar a súa construción.
En 1940 o Batallón acabou por agruparse no edificio da Escola graduada de Santo Antonio, o que permitiu que os Grupos escolares do barrio do Cardeal e da Estación foran entregados ao Concello, pero estaban tan deteriorados que esixían unha ampla reparación. Ante esta situación, a Corporación municipal iniciou as xestións para que as obras foran satisfeitas polo Ministerio da Guerra. Mentres, como estes locais estaban clausurados para a ensinanza, case a totalidade da poboación escolar de Monforte estaba sen recibir ensinanza primaria. Co fin de paliar en parte esta cuestión, facultouse ao Alcalde para alugar os locais precisos para habilitalos como escolas de instrución primaria, en tanto non se executaran as obras de adaptación. Pouco despois, o Ministerio de Guerra resolveu que non procedía executar pola súa parte obras de reparación dos edificios escolares de Monforte. Ante esta situación, a Corporación estimou conveniente o seu urxente arranxo, co obxecto de que os nenos non quedaran sen ensinanza primaria, e propuxo confeccionar os orzamentos de reformas necesarias nos dous edificios. Pero, en 1942 a Corporación seguía a acordar a elaboración dos pertinentes orzamentos para o amaño dos edificios escolares nº 1 e 2 da cidade.
Logo, o edificio deste Grupo dedicouse só de xeito parcial ao ensino, pois unha parte foi destinada a Caixa de Recrutas para o servizo militar. En 1948 o Grupo figuraba con dúas unidades a efectos de asignación de material de ensinanza.
En 1963 este Centro, en base a que no mesmo estaba a zona de recrutas, era coñecido como o Colexio da Zona. Ao ano seguinte, o Centro que aparecía como Escola nº 1 de Monforte tiña tres unidades a efectos de comedor escolar.
En 1968, a Corporación deu conta do contrato que subscribiu o Alcalde para efectuar obras de reparación no Grupo escolar do barrio do Cardeal, na parte que ocupara a Caixa de Recrutas. Así mesmo, en 1971 a Corporación aprobou os orzamentos e encargou a realización das obras para a reparación de catro locais do Grupo escolar do barrio do Cardeal, ao obxecto de instalar o 1º e 2º grao de educación básica e dúas seccións de párvulos do Colexio Santo Antonio.
Despois, a finais do curso 1979-80, o edificio deste Colexio deixou de estar dedicado á ensinanza, momento no que entrou en funcionamento o Colexio A Gándara e asumiu oito unidades do Colexio Santo Antonio. Algúns anos máis tarde, despois dunha profunda reforma, este edificio pasaría a albergar os Xulgados.

Grupo escolar da Estación.
En 1937 o Grupo da Estación tiña unha unidade de nenos, unha de nenas, unha de párvulos e unha maternal, e tamén consta a adxudicación provisional de destinos a alumnos de prácticas do Plan Profesional. Con todo, en 1939, os mestres do Grupo da Estación participaron á Inspección que se prohibira a entrada aos nenos nas escolas por estar ocupadas polas forzas do Exército; ante o que o órgano supervisor manifestou o mal efecto que isto lle producía, precisamente nun sitio no que o problema da ensinanza distaba moito de estar resolto. Pouco despois, os militares deixaron este edificio, e alumnos e mestres que estaban de modo provisional no Colexio da Asociación, volveron ao seu centro.
A continuación, presentouse o orzamento de reparación deste Grupo escolar. O Alcalde manifestou que o edificio estaba inservible para atencións de 1ª ensinanza e como o seu deterioro producirase polas forzas armadas, pediu que se dera traslado ao Xeneral da 8ª Rexión Militar o importe do proxecto. Pero, ao igual que no colexio xemelgo, esta Institución desentendeuse.
En 1940 hai un pequeno orzamento para a reparación da planta baixa. Pero, en 1942 a mestra da escola nº 2 de nenas participaba ao Alcalde que este local, afecto ao Grupo escolar da Estación, seguía no mesmo estado que o deixara a tropa, faltaban cristais, era necesario arranxar as fallebas, pechaduras e pasadores, tiña varios buratos no piso, e dos retretes non quedaba máis que o sitio e daba conta dos olores que había no local desprendidos polo pozo negro, así como indicaba a necesidade de branqueo. Ao respecto, o Secretario recolleu o acordo da Corporación para que o aparellador de obras emitira informe ao respecto.
En 1943 este Grupo situouse na primeira planta do edificio, porque comezaron as obras de remodelación da planta baixa para instalar nela a Escola Elemental de Traballo. En 1948 consta con dúas unidades a efectos de asignación de material de ensinanza.
En 1950 o edificio seguía a presentar problemas, porque a mestra da escola nº 2 de nenas e máis a de maternal pedían ao Alcalde o branqueo das súas aulas e a reparación de paredes e teitos, e dicían que se isto non se arranxaba no período de vacacións non poderían abrir as clases en setembro por ofrecer perigo para nenas e mestras, pois faltaba un ferro na balaustrada e era necesario poñerlle unha tela metálica por estar moi separados os ferros.
En 1964, segundo o Boletín do Ministerio de Educación, o Centro que figuraba como Escola nº 2 de Monforte tiña dúas unidades a efectos de comedor escolar.
A partir do curso 1968-69 a Escola de Mestría deixou as aulas que ocupaba neste centro, pois comezou as clases no recen edificio construído ao efecto, non os talleres, que aínda utilizaría durante dito curso, pero este Grupo escolar non recuperou ao completo as súas instalacións, dado que o Instituto empregará algunhas aulas ata 1972. En 1970 o director da Agrupación escolar mixta Sagrado Corazón de Monforte presentou o orzamento de ingresos e gastos de material para o ano económico en curso, así como inventario. Esta Agrupación vai ser na década dos setenta un dos dous centros de concentración escolar de Monforte.

Grupo escolar do Campo de Santo Antonio.
En 1937 a Alcaldía comunicou á Corporación os trámites feitos ante os poderes públicos en Burgos para crear en Monforte unha Escola graduada con doce seccións, seis de nenos e seis de nenas, que funcionaría no edificio do Campo de Santo Antonio, nese momento pechado. Ao respecto, afirmou que as súas xestións deran feliz resultado e que estas escolas funcionarían despois das vacacións de Nadal. Pero, días máis tarde, o Concello recibiu un oficio da Inspección de 1ª ensinanza da provincia, na que trasladaba a Orde do 15/1/1938 da Comisión de Cultura e Ensinanza, que dispoñía a creación, con carácter provisional, de catro escolas en Monforte, dúas de nenos e dúas de nenas. A Comisión Xestora estimou que na capital se terxiversaran os termos do problema da ensinanza primaria, toda vez que o Concello solicitara crear unha Escola graduada con doce seccións, a cuxa pretensión accedera o Vicepresidente de Cultura, que dispuxera que as escolas que se suspenderan con carácter temporal na zona escolar de Monforte se agregarían ao Grupo escolar do Campo de Santo Antonio. E como constaba en Acta, suprimíranse no seu momento oito escolas na zona, e, por acordo da Xunta de Inspección da provincia do 27/12/1937, acordárase que esas oito escolas se xuntaran a ese grupo ata completar os doce graos, o que deixou á Comisión Xestora sorprendida co comunicado que outorgaba só catro escolas, ante o que acordou non cumprimentar dito oficio mentres non se aclaraba a resolución da Comisión de Cultura. Non obstante, no mes seguinte, o Alcalde, conforme ordes superiores, deu posesión aos catro mestres.
Un documento no que se apoiaba o Concello de Monforte, na idea das doce seccións, foi a petición, en 1937, da Inspección ao Alcalde do material escolar para o Grupo graduado do Campo de Santo Antonio, en concreto para seis graos de nenos, cinco de nenas e unha de párvulos.
O Xefe do Servizo Nacional de 1ª ensinanza comunicou á Inspección provincial, en relación coa revisión do expediente que dera lugar á creación de catro escolas na cidade de Monforte, que as oito escolas suprimidas na zona escolar non se aplicaran á creación dun grupo escolar na capital, posto que a orde citada de 1938 da Comisión de Cultura e Ensinanza dispuxera o traslado de trece escolas doutras localidades ás cidades de Lugo e Monforte, coa asignación de nove a Lugo e catro a Monforte, co que non se pretendía resolver a deficiencia escolar padecida de antigo, senón compensar a supresión doutras nove escolas en Lugo e catro en Monforte, sen prexuízo de afrontar a resolución do problema a medida que as circunstancias o permitiran. E expresaba que non existía ningún acordo da Comisión de Cultura e Ensinanza que autorizara a creación de doce graos en Monforte e que as catro escolas trasladadas a Monforte foran para cubrir a deficiencia ocasionada pola supresión das que ata 1937 funcionaban para prácticas dos alumnos da Escola Normal, as escolas de grao profesional. En consecuencia, consideraba un erro do Concello crer que foran oito as escolas suprimidas na zona escolar de Monforte, cando só fora unha, e, ao efecto, resolveu desestimar a petición do Concello de Monforte, o que supuxo que a cidade seguira sen escola graduada.
Deste xeito, este Grupo iniciou o seu percorrido como centro de primaria, en precario, en 1938, con só catro mestres. Como tal consta nos nomeamentos realizados pola Comisión provincial de provisión de escolas: dúas mestras e dous mestres, con carácter interino. Ademais, o centro comezou con outras dificultades, porque ese mesmo ano un mestre do Grupo informou á Inspección que a súa aula estaba ocupada polas forzas do Exército e que el impartía as súas clases nun corredor, co conseguinte trastorno na ensinanza; ante o que, a Inspección indicou ao Alcalde que debían habilitar un local nas debidas condicións, do contrario veríase na necesidade de clausurar dita escola.
Ensino Primario no Concello de Monforte de Lemos de 1936 a 1970.*         En 1946 a Corporación municipal solicitou ao Ministerio a reconstrución do edificio destinado antes a Instituto e nese momento a Grupo escolar. E en 1958 o contratista das obras do Grupo comprometíase a rematar as mesmas en prazo.
En 1964, este Centro aparecía con doce unidades a efectos de comedor escolar. En 1967 o Concello comezou as xestións a fin de lograr a concesión dun millón e medio de ptas. para o arranxo do Grupo escolar Santo Antonio. Ao ano seguinte, o Ministerio aprobou dito orzamento para realizar importantes reformas no Grupo. En tanto o centro estivo en obras non puido ser utilizado, de modo que alumnos e mestres tiveron que ir ao edificio do Grupo escolar do barrio do Cardeal, que tamén necesitaba reparacións imprescindibles, despois da marcha da Caixa de Recrutas.

Escolas unitarias.
As referencias ás dúas parroquias que carecían de escola son: en 1958 Distriz e en 1962 Guntín. Tamén debemos sinalar o funcionamento de cinco escolas parroquiais, dúas na cidade de Monforte, unha creada en 1945, que da conta da escola da parroquia Nosa Sra. de Monserrat e San Vicente do Pino; a segunda en 1949, a de Sta. M.ª da Régoa; dúas dependentes da parroquia de Ribas Altas, unha en O Morín en 1955 e a segunda en Ríoseco en 1956; despois en 1958, a de Distriz, como unitaria de nenos, que foi cuberta por mestre nacional, a proposta do Padroado Diocesano de educación primaria de Lugo. En relación cos edificios das escolas, debemos expresar que este Concello tivo locais oficiais en once parroquias: O Chao de Fabeiro, Distriz, Vilamaior de Fiolleda, Gullade, Marcelle, Santa Mariña do Monte, As Nocedas, A Penela, Piñeira, San Xillao de Tor e Seoane. No resto eran casas privadas de aluguer ou feitas polos veciños, como en Vilamarín e A Vide.
En relación coas escolas unitarias que funcionaron nesta etapa nas parroquias do Concello de Monforte, debemos subliñar que en 1936 existían trinta e nove escolas, trinta no rural. Unha estatística do Consello Local de 1937 confirma estes datos. En 1972, antes da concentración escolar nos Colexios San Antonio e Sagrado Corazón, no rural continuaban trinta escolas, porque anos antes suprimíronse seis, as de nenos e nenas de Baamorto, O Chao de Fabeiro e Gullade, que en 1967 se transformaron en mixtas, ao igual que as de nenos e nenas de A Parte en 1969 e as de A Penela en 1970 que quedaron nunha mixta e supresión da mixta de Piñeira en 1971, pero creáronse outras seis, as citadas de Distriz e Guntín, máis o desdobre de Fiolleda en 1954, o desdobre de O Chao de Fabeiro en 1955 e as citadas escolas parroquiais de nenas en O Morín e Ríoseco. Ver mapa.

Ensino Primario no Concello de Monforte de Lemos de 1936 a 1970.*

*Este texto é un resumo do recollido no libro "O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX. Mapas das escolas e centros".
Gómez, Pedro
Gómez, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES