A educación da peneira
Santalla, Iago - miércoles, 08 de mayo de 2024
Fálase moito da posverdade e un cavila en certas cuestións.
A primeira é que, certamente, existe pero converteuse nunha ferramenta máis para atacar ao contrario. Se o concepto de posverdade é a distorsión deliberada da realidade, pódese concluír que se trata dunha ferramenta perfeccionada (ou perfecta) coa que a demagoxia non só se lava a cara senón que tamén é capaz de impoñer o propio credo.
A segunda cuestión é ver que actualmente hai periodistas e medios de partido que teñen como misión a xeración dunha determinada realidade. Isto podémolo ver no noso día a día, onde dúas persoas que se atopen nun café poden debuxar dúas visións distintas da realidade.
A terceira é: isto é malo? Non, sempre e cando o debate que xurda entre elas se basee en ideas e non en dogmas, difundidos urbi et orbi polos poderes mediáticos, capaces de defenestrar unha vida persoal e profesionalmente por intereses moi concretos.
Na cuarta chegamos á educación. Iso da educación crítica e en valores, para que serve? Pois vale fundamentalmente para que unha persoa cuestione toda a información recibida e sexa capaz de taparlle as goteiras polas que se coan as mentiras e as verdades deformadas que conforman estes esperpentos políticos e sociais.
Se a democracia quere ser real e converterse no día a día da cidadanía precisa persoas críticas; capaces de beber de todas as fonte, de peneirar criticamente a información, de rebater cada mentira e de poñer a posverdade no único lugar no que pode ser útil: a esterqueira da historia.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora