Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contacto de risco

lunes, 06 de abril de 2009
Un bonito eufemismo para unha realidade non tan fermosa. Un de tantos nunha longa lista de tabús e incongruencias sociais.

Moi serio, dende a cadeira forrada de coiro que lle outorga ese aire distinguido e ese matiz de importancia, adquirida entre os diplomas e recoñecementos varios que penduran da parede, o médico, non sen certo desdén, lanza o interrogante co ton de reproche que soa case -ou sen case- a ameaza:
- Mantivo vostede contacto de risco recentemente?
A cella alzada, a estilográfica suspendida no aire preparada para realizar unha fugaz anotación que ben podería ser a firma certeira dunha sentenza de morte, a boca torcida nun xesto reprobatorio e a pregunta flotando no ambiente.

Raúl, sen comprender, pensado que sempre actuou correctamente, traga cuspe e responde dende a humildade:
- Non, creo que non.

Pero se equivoca. Todos deberiamos ser quen de dicirlle ó pobre Raúl o equivocado que está. Hoxe viu o telexornal da mañá, un programa de “debate” mentres xantaba e escoitou a radio cando ía no autobús. Qué insensato! O rapaz non é consciente de que estivo exposto ó virus da desinformación, ós microbios da manipulación e ás bacterias da demagoxia. Tampouco sabe que a roupa que viste, a música que escoita, os hábitos que adquire, o coche que conduce ou os ideais que defende foron previamente escollidos por individuos “Alfa” -que lembran as teorías visionarias do sabio Aldous Huxley no seu Brave New World- para que el os empregue, expandindo os sarcomas da ignorancia na eterna metástase de control acérrimo do cáncer dun mundo cada día máis enfermo.

- Aínda así -afirma o médico, desconfiado- teña máis coidado a próxima vez.

Raúl asinte, obediente, como sempre foi. E volve a saír á rúa, ignorando, feliz, os perigos que o agardan. Non sabe que o individualismo narcisista é unha falacia da posmodernidade para facilitar o control dos individuos. Claro que non o sabe. Como o vai saber se el é unha engrenaxe máis do sistema? Ningún de nós, nin sequera o médico que pregunta arrogante, é consciente que nesta era do consumo, neste reinado do efémero e do aséptico fronte ó sentimento, se non queremos manter un “contacto de risco” deberíamos botar man dos profilácticos para saírmos ó mundo.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES